As sectas (chiao, en chinés) teñen unha longa tradición no Imperio Celeste. Trátase de sociedades secretas que forman parte da súa peculiar complexidade social. Nelas conflúen factores ideolóxicos, políticos, relixiosos e mesmo criminais (caso das populares tríadas). Nalgún momento, sobretodo durante os séculos XIX e XX, destacaron polo seu carácter de oposición total ós poderes constituídos. Un proverbio aseguraba entón que “as armas protexen ó emperador; pero as sociedades secretas protexen ó pobo”. En 1936, o propio Mao Zedong recorría a algunha delas para loitar contra o invasor nipón. Sun Yat-Sen, o fundador da República de China, e numerosos integrantes da dirixencia republicana figuraban entre os seus membros. As clases máis desfavorecidas, os campesiños, o proletariado industrial, son os principais compoñentes dunha base social que tende a medrar en situacións de certo distanciamento ou crise. En suma, son parte da cultura ancestral e esa mesma lectura histórica indica que, nunha sociedade como a chinesa, poden ser o mellor instrumento para desafiar o poder establecido.