Para Afganistán partiron as tropas españolas, como parte da Forza Internacional de Asistencia e Seguridade. En principio, o continxente español comporase de 485 membros do exército pertencentes a equipos de zapadores, sanitarios, loxísticos e buscaminas. A división de traballo proposta por Condoleeza Rice na campaña electoral (os americanos loitan, os europeos asisten), que tanto escándalo producira no vello continente, parece que se cumpre pola vía dos feitos consumados.
E mentras marchaban a Afganistán, poucos preguntáronse abertamente "qué demos se lles perdeu alá". As intencións americanas na rexión, anque enmascaradas trala retórica habitual, son tanxibles: abrir unhas bases militares nun espacio xeopolítico cada vez máis importante, co obxecto de loitar polo control sobre os fluxos de enerxía do Caspio e situarse estratéxicamente nun área veciña a Irán, Pakistán, India, Rusia e China. Ademáis, o feito de ter tropas nun país axuda a conseguir contratos de reconstrucción. (Aínda que non creo que fora nisto no que pensaba Schumpeter cando falaba da destrucción creativa do capitalismo).
Os propósitos europeos en Afganistán son menos claros: o primeiro é compartir cos americanos unha modesta parte do botín, en forma de pequena participación nos negocios do gas e o petróleo, e algúns contratos de reconstrucción. O segundo obxectivo, quizáis máis importante, ten moito que ver có prestixio: Amosar que a Unión Europea, como tal, ten un papel que cumprir nos asuntos mundiais, que incide sobre todo na importancia dos aspectos non militares da seguridade. De aí que o factor civil da misión, a construcción dun estado de dereito máis ou menos democrático en Afganistán, sexa moito máis importante para Europa que para Estados Unidos.
Por conseguinte, ó despedir ás nosas tropas, o xefe de Estado español non sentiu rubor ó proclamar que partían a "rescatar a un pobo do horror do fanatismo". A ninguén asombraron estas verbas, a pesar do seu inescapable regusto colonial (con parecida lóxica subxacente: úns portan a lume ós salvaxes mentras outros arramblan coas súas materias primas). E se a ninguén asombraron as verbas de El-Rei, é porque éste se limitaba a repetir o discurso aceptado por todos acerca da intervención europea en Afganistán.
Desta vaga de neocolonialismo que aqueixa a Europa, non soamente asombra que teña lugar tras décadas de análise crítica do periodo colonial, senón que atope máis defensores na nova esquerda que na vella dereita. En certo sentido, Afganistán semella á primeira guerra das feministas, como Kosovo foi "a primeira guerra dos pacifistas". De aí que non sexan poucas as ONGs que se teñen acomodado á "bomboloxía da liberación" (¿en espera acaso dos subseguintes programas de enxeñería social?).
Á situación real sobre o terreo, ás circunstancias estratéxicas que se van atopar os soldados europeos, ninguén parece ter prestado un especial interese. Lémbrolles que as tropas españolas se diríxen a un país situado a 5.500 kms. de distancia, e a súa entrada nel non sería posible se os aliados americanos non o tiveran bombardeado. Os nativos, tal vez por ignorancia, aínda non saben que as bombas tiñan por obxecto liberalos do fanatismo, e a vida dos militares españoles estará a mercede da súa benevolencia. De momento, incluso, lles está prohibido saír de Kabul, pois no resto de Afganistán, campea o desgoberno e a violencia. As batallas entre señores da guerra continúan, prosiguen as bombas americanas.
Inevitablemente, o obxectivo da misión (nation bulding) implica a intromisión das tropas europeas nese mundo de lealdades tribais e banderías onde o opio e as súas rutas son a principal riqueza, e a vida humana é ben de escaso valor. O obxectivo colateral da misión (liberar á muller afgana) supón a intromisión das nosas institucións nas estructuras familiares dos clans locais. Con iso queremos apuntar que, se a misión é seria, atopará violentos e decididos inimigos.
Para o exército español, estas operacións de pacificación (¡qué orwelliana soa a palabra!) teñen sido ante todo un intento de gañarse unha nova lexitimidade. En cada partida, os soldados son despedidos con orgullo por políticos e columnistas. Unha vez alá, ninguén se preocupa por saber cómo lles vai ou o que fan (asistir imperturbados, por exemplo, a unha limpeza étnica en Kosovo).
Quen lles envía a Afganistán non pensa neles coma soldados dun exército, sienón como materializacións de conceptos abstractos: "forzas armadas para a paz", "o papel de Europa no mundo". Pero se estes conceptos son frases ocas, puro vento, serán eles os soldados, nas súas carnes, nos seus osos, os que padecerán os embates da realidade. E, aparentemente, a realidade non foi un factor de consideración ó planificar a operación afgana.