China se resiste ás presións externas que dende hai varios meses urxen a apreciación da súa moeda, o renminbi ou yuan. Nun primeiro momento, o gobernador do Banco Central chino, Chou Xiaochuan, amosouse partidario de estudiar a posibilidade de vincular o yuan a unha cesta de moedas dos seus principais socios comerciais, eliminando o vinculo directo co dólar establecido en 1994. Para EEUU sería a mellor maneira de combater as consecuencias do incremento das importacións orixinarias de China, pero Pequín descarta calquera cambio na política monetaria que desacelere a súa economía.
Aos contactos e presións diplomáticas sumouse mais recentemente a entrada masiva de diñeiro quente no país. A finais de xuño, as reservas de divisas acadaron os 346.500 millóns de dólares, cun incremento de 60.100 millóns en seis meses, fronte a unha previsión normal de 35.000 millóns. No mesmo período, o investimento estranxeiro directo chegou aos 30.300 millóns de dólares. A presencia desta importante masa de diñeiro responde ás expectativas dunha inminente devaluación do renminbi que producía o dobre efecto de estimular a fuga de capitais nacionais e a entrada de capitais de corto prazo que apuntan á obtención de rápidos e pingües beneficios.
Os pareceres en China non son uniformes arredor desta cuestión. Lin Yifu, célebre economista, aposta por manter a estabilidade da taxa de cambio do renminbi, sinalando que carecen de fundamento as críticas que culpan á moeda chinesa dos problemas das economías dalgúns países desenvolvidos. Ademais, segundo este responsable do Centro de Investigación Económica da Universidade de Beijing, unha apreciación afectaría negativamente a unha economía como a chinesa que presenta aínda presións de deflación e que se atopa cunha capacidade de producción en exceso. A apreciación afectaría negativamente ás exportacións e sobre todo agradaría aos capitais especulativos pero non beneficiaría a marcha da economía nacional.
Outros analistas, como Chen Mingxing, economista do Centro de Información Estatal, son partidarios de abordar a reforma do actual sistema de cambio, optando por deixar flotar o renminbi dentro dun ámbito máis controlable e máis amplo, abandonando a rixidez actual que pode dificultar o acompañamento da reestructuración da economía mundial. Pero o debate non fixo máis que comezar.
Paradoxalmente, os movementos e discusións arredor do futuro do renminbi evidencian a crecente significación internacional da economía china, pero igualmente a importancia de que o seu proceso de integración na economía internacional se produza de forma tranquila. Esa tranquilidade dependerá en boa medida da súa capacidade para conservar aqueles mínimos resortes de soberanía que lle permitan manter un adecuado nivel de dominio sobre as variables fundamentais que inciden no seu desenvolvemento.
E que esta cuestión pase a formar parte dos grandes debates sobre o presente e futuro da economía internacional é un froito mais do éxito do proceso de reforma iniciado hai agora vintecinco anos por Deng Xiaoping ao impulsar a maior transformación da economía chinesa para situala entre as seis primeiras do mundo e con firmes expectativas de converterse na dominante á volta dunha década.