A nova bipolaridade

 Li Zhaoxing, clic para aumentar
As maiores expectativas están centradas na mediación que puidera desenvolver China ante as autoridades sudanesas en relación ao problema de Darfour, un conflito que desde febreiro de 2003 leva ocasionado unhas 200.000 vítimas e dous millóns de desprazados. A comezos de xaneiro, EEUU enviou a Beijing ao seu emisario para este asunto, Andrew Natsios, quen despois de entrevistarse con Li Zhaoxing (na foto), o ministro de exteriores, asegurou que os chineses van desempeñar un papel importante para resolver esta cuestión.
 

O presidente chinés, Hu Jintao, regresa ao continente africano, nunha xira que en dez días o levará por oito países. Esta viaxe, a terceira por África dende que asumiu a xefatura do Estado en 2003, revela a crecente importancia que China outorga a este continente e o substancial medre da súa influencia nel en todos os dominios.

É ben sabido que os intereses enerxéticos e comerciais están moi presentes na estratexia africana de China. Tamén o eido alimentario, cada vez máis importante para calmar as necesidades futuras da súa inmensa poboación. E incluso no eido militar e xeopolítico. Pero nesta ocasión, as maiores expectativas están centradas na mediación que puidera desenvolver ante as autoridades sudanesas en relación ao problema de Darfour, un conflito que desde febreiro de 2003 leva ocasionado unhas 200.000 vítimas e dous millóns de desprazados. A comezos de xaneiro, EEUU enviou a Beijing ao seu emisario para este asunto, Andrew Natsios, quen despois de entrevistarse con Li Zhaoxing, o ministro de exteriores, asegurou que os chineses van desempeñar un papel importante para resolver esta cuestión. Ata agora, no Consello de Seguridade, China bloqueou diversas iniciativas de intervención. A idea dun suposto entendemento entre China e EEUU sorprendeu na capital sudanesa.

Despois de Corea do Norte, do diálogo estratéxico sobre América Latina e outros, a nova bipolaridade chegaría tamén a África, salientando o papel de China na gobernabilidade global. A implicación suxerida por EEUU require unha modificación do comportamento diplomático chinés que, a pesar das críticas occidentais, sempre presumiu da non inxerencia nos asuntos internos como norma infranqueable. As cifras de negocio con Sudán poñen a disposición de Beijing unha palanca importante para influír nos seus asuntos pero de orientarse por esa vía, a “maxia” que envolveu a súa relación con África dende o ano 2000 ata hoxe e que multiplicou o valor dos intercambios bilaterais con todo o continente, podería esfumarse sen remedio. A solución intermedia podería consistir en que o continxente de cascos azuis a despregar en Sudán estea integrado, no fundamental, por militares chineses.

Cómpre, pois, estar atentos, aínda que sen abrigar moitas esperanzas de grandes cambios, pouco cribles en función da importancia dos subministros africanos para China, cruciais en máis dun aspecto, e da inviabilidade dun xiro de 180 graos na diplomacia oriental que a leve a emular aos países de Occidente, por outra banda tantas veces debedores de igual cinismo no seu proceder internacional.