20060327los angeles contra reforma lei inmigracion

A nova disidencia

 Protestas contra reforma Lei Inmigración en Los Ángeles, clic para aumentar
En Los Ángeles, hai uns días, medio millón de persoas reclamaban un contrato para os ilegais. No medio, o Senado, que debe referendar un proxecto de lei aprobado polo Congreso onde se tipifica como delicto a entrada ilegal no país, obrígase ás organizacións relixiosas e asistenciais a informar sobre as persoas auxiliadas e proponse unha barreira, non sei se de cemento, nun terzo da fronteira sur da hiperpotencia. Que privilexia a lei? a todas luces, a represión. (Foto: Manifestación en Los Ángeles, o 27 de marzo de 2006, contra o endurecemento das leis de inmigración).
 

Tanto predicar contra os valados, para agora ter que erguelos, pensará máis de un. Kennedy, ao pé do muro de Berlín, reclamaba a fin das divisións. Agora, Bush quere resucitalas ata fisicamente. Onte eran as ideoloxías, hoxe son as miserias, que non deixan de ter, naturalmente, a súa carga ideolóxica. Os emigrantes clandestinos son os novos disidentes do noso tempo.

En Washington soñan con levantar valados na fronteira con México e enchela de policías para frear a inmigración ilegal. En Los Ángeles, hai uns días, medio millón de persoas reclamaban un contrato para os ilegais. No medio, o Senado, que debe referendar un proxecto de lei aprobado polo Congreso onde se tipifica como delicto a entrada ilegal no país, obrígase ás organizacións relixiosas e asistenciais a informar sobre as persoas auxiliadas e proponse unha barreira, non sei se de cemento, nun terzo da fronteira sur da hiperpotencia. Que privilexia a lei? a todas luces, a represión. O comité xudicial do Senado eliminou a pretensión de penalizar non só ao ilegal, senón tamén a quen tratara de axudarlle, con penas de ata cinco anos de prisión.

Bush díxolle a Fox o pasado xoves que só pretende unha regularización a través da concesión de permisos temporais para aqueles que desempeñan traballos que os estadounidenses non queren. Pero os defensores dos "valores" no seu partido insisten na seguridade e na defensa da pureza da identidade norteamericanas. Os republicanos están divididos e o futuro final do texto é aínda incerto. Mentres uns temen o avance da xenofobia, outros teñen máis medo aínda ao impacto nas eleccións do outono e nas presidenciais de 2008, incidindo á baixa na popularidade de Bush entre un colectivo hispano que non para de medrar en Florida e nos estados do sudoeste do país. O "humanitarismo electoral" é o derradeiro recurso para milleiros de persoas que insisten en manifestarse en numerosas cidades para tentar modificar a versión aprobada pola Cámara de representantes. Pensan facerse notar a través dunha xornada sen inmigrantes, é dicir, visibilizando a súa ausencia en hoteis, restaurantes, fábricas, tendas, etc. O seu oco será a mellor denuncia. A Fox debe preocuparlle o efecto na reducción das remesas, segunda fonte de ingresos do país despois do petróleo. Pero xa vai de retirada.

Nin toda crítica da inmigración ilegal é racista, nin toda inmigración é sinónimo de criminalidade. Para seica centrar o asunto, Hillary Clinton fixo entrar a Cristo en campaña para lembrar as bondades daquel samaritano que agora Bush, o salvado da bebida pola fe, pretende criminalizar. No EEUU do século XXI non hai mellor argumento que unha apropiada referencia bíblica, pero moito me temo que aos inmigrantes clandestinos non hai quen os salve. Todos ao Gulag. Iso si, frío non han pasar. A humanidade avanza, señor@s.