A nova Intifada

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

O conflicto árabe – israelí volve ser motivo de portada de todos os medios de comunicación por mor do rexurdimento da Intifada. Os cruentos enfrontamentos entre a poboación palestina e o exército israelí traen de cabeza tanto a dirixentes como á opinión pública internacional e medra o medo ante un desbordamento da situación. Todos se afanan en buscar culpables e o cruce de acusacións é case tan numeroso coma o número de mortos. Para uns é o extremista israelí Ariel Sharon, coa súa provocadora visita á Explanada das Mezquitas; para outros, como di o primeiro ministro Barak, é obra da ANP (Autoridade Nacional Palestina). Pero a rebelión desarmada dos palestinos é producto en todo caso dalgunha gota que colmou o vaso.

Dende que en 1991, en Madrid, se iniciou o Proceso de Paz, non parece haber unha liña continua nas negociacións senón un cúmulo de altos e baixos froito das diferentes posicións adoptadas polos distintos gobernos israelís.

Tanto a OLP (Organización para a Liberación de Palestina) como a ANP, a pesar de contar cunha lexitimidade internacionalmente recoñecida para as súas reclamacións territoriais e de soberanía estatal, tiveron que aguantar unha serie continuada de desagravios que chegaron ó seu cumio este verán cando foron urxidos a aceptar un peche definitivo do conflicto baixo unhas condicións que daban continuidade ás inxustizas e vexacións que o pobo palestino está a sufrir dende 1948. Este apremo non é obra exclusiva de israelís nin tampouco dese eufemismo denominado "comunidade internacional", o presidente estadounidense Bill Clinton quer deixar, na fin da súa presidencia, algún grande logro polo que poida ser recoñecido na Historia lonxe dos seus affairs.

Esta inmensa presión soportada pola poboación palestina, que despois da morte do laborista Rabin (a mans dun extremista israelí) nunca percibiu tan lonxe un paz xusta e duradeira, había atopar algunha vía de escape nalgún momento e soamente necesitou o empurrón de Sharon.

Se analizamos de forma detida as probabilidades de sobrevivencia dunha paz asinada baixo as condicións actuais, é doado concluír que a violencia destes días acabaría producindose nun futuro non moi afastado. Tanto os palestinos como gran parte da poboación israelí estaba en contra das propostas que se estaban a negociar e unha paz tan efémera como a que se pretendía cadar non tería ningunha viabilidade nin aplicación práctica.

De feito, se a poboación israelí permanece tranquila nos seus asentamentos é porque o Exército xa estaba na rúa preparado para unha nova Intifada e un incremento das actividades de Hamas. A oposición palestina á firma desta suposta "paz" quedara patente durante o verán con motivo das negociacións de Camp David.

A nova escalada da violencia provocou que as delegacións que estaban a traballar nos EEUU, volvesen a casa e pechasen deste xeito un novo capítulo do proceso. O pobo palestino logrou manifestarse e dar pe á reflexión tanto aos seus dirixentes como aos propios israelís e os demais mandatarios internacionais que figuran como extras no guión. Agora é tempo de negociar de verdade e conseguir un acordo que non humille e faga xustiza dunha vez para sempre.