ESTE ARTIGO FAI PARTE DO IGADI ANNUAL REPORT 2022-2023 “GLOBALIZACIÓN E MULTIPOLARIDADE EN TEMPOS DE GUERRA”

A Nova Orde Económica Mundial

O 14 de decembro de 2022 a ONU publicaba na súa web o resultado da votación para a adopción da resolución “Cara unha Nova Orde Económica Internacional”: aprobada con 123 votos a favor e 50 en contra, cunha abstención (Turquía).

Mediante este acordo Nacións Unidas expresaba a súa preocupación sobre a crecente vulnerabilidade das economías en desenvolvemento (moitas delas no hemisferio sur) fronte á débeda externa, así como tamén a fraqueza fronte aos fluxos de capital negativos netos procedentes destes países, a flutuación dos tipos de cambio e o endurecemento das condicións financeiras mundiais. Con respecto a isto, a Asemblea da ONU subliñaba a necesidade de explorar os medios e instrumentos necesarios para lograr a sostibilidade da débeda e as medidas necesarias para reducir o endebedamento dos Estados en desenvolvemento.

No voto a favor da resolución situáronse case a totalidade dos países do hemisferio sur e do continente asiático. Resulta moi significativo indagar que países se mostraron en contra desta resolución; este voto en contra concentrouse fundamentalmente nos países desenvolvidos situados no hemisferio privilexiado e nos principais socios da OTAN. Os Estados Unidos, Canadá, a Unión Europea e Xapón, xunto con Australia e Nova Zelandia esgrimiron como argumento de oposición a esta resolución que o texto trataba de prescribir accións ao Fondo Monetario Internacional (FMI) e ao Banco Mundial (BM).

Durante décadas, organismos internacionais como o FMI e o BM levan ofrecendo liñas de financiamento a países con dificultades económicas para o seu desenvolvemento. Unha actividade necesaria, sen dúbida, para garantir un devir máis xusto no desenvolvemento mundial. Pero estas liñas de axuda ofrecidas adoitan acompañar a imposición dunha liña de axustes nos países receptores, coa suposta intención de garantir a viabilidade desas economías e a devolución das contías prestadas. Porén, para unha parte da comunidade económica máis heterodoxa, o paquete de exixencias impostas como contraprestación ao financiamento destes países inclúe unha axenda claramente neoliberal con medidas como o recorte do gasto social, a desvalorización da moeda, a liberalización do comercio ou a privatización de empresas estatais.

En calquera caso, o resultado da votación de Nacións Unidas revela unha realidade subxacente que fai tremer á “vella” orde económica internacional, instaurada nunha época na que algúns países en desenvolvemento nin sequera existían aínda como Estados independentes. Fronte á orde económica histórica, a Nova Orde Económica Internacional (NOEI) substitúe o concepto pretérito de “axuda ao desenvolvemento”. En concreto, este termo, acuñado en 1974 na VI Asemblea especial da ONU, implica que existe unha determinada estrutura sistémica que perpetuou a posición de pobreza dalgúns países. Así, dentro da NOEI tratan de recollerse as peticións que os países menos desenvolvidos efectúan aos máis desenvolvidos acerca das regras de funcionamento da economía internacional. Algunhas destas recomendacións históricas incluíron no tempo o impulso a acordos sobre remuneración xusta nas exportacións dos países menos desenvolvidos, a redución dos dereitos arancelarios, o aumento da transferencia de tecnoloxía ao terceiro mundo, o incremento do peso destes países no FMI, e tamén o alivio da débeda exterior destes países e a suba da axuda oficial dos países industrializados ata o 0,7% do PIB.

Mais, se estamos dentro dun proceso de cambio da Orde Económica Internacional, por que se caracterizará esta? Se para un puñado de analistas a pandemia e a guerra de Ucraína supuxeron a fin da era post-Guerra fría, para outros esta fin non está tan clara, vendo as implicacións que o conflito bélico pode ter a medio e longo prazo na configuración da OTAN e da propia UE. Non obstante, o que si semella máis meridiano é que aparecen novos polos na gobernanza mundial, encabezados nomeadamente por China, que estaría secundada por un gran número de países asiáticos. No futuro posiblemente viviremos nunha nova realidade política e económica máis multipolar na que cada país tratará de garantir a súa propia independencia e seguridade, alén de protexer os seus intereses económicos e industriais, pero dentro dun conxunto de alianzas menos ríxidas e máis baseadas no pragmatismo. Incluso hai quen apunta cara a un incremento da rexionalización das relacións políticas e macroeconómicas.

Para as relacións comerciais mundiais, e dentro deste escenario, caben varias posibilidades de evolución. De acordo coas persoas analistas, a primeira delas é que aumenten os fluxos de capital e o investimento estranxeiro directo (IED) cara a países amigos con baixo risco (friendshoring). Neste contexto, sería fundamental a capacidade dos países por tecer alianzas fóra dos bloques tradicionais. Máis aínda se atendemos a estimacións como as levadas a cabo desde o McKinsey Global Institute, onde suxiren que entre o 15% e o 25% do comercio mundial de bens podería trasladarse a diferentes países nos próximos cinco anos. O resultado desta deslocalización da actividade implicaría, segundo a opinión ofrecida desde Schroders, que o conxunto de países que participan nas cadeas mundiais de valor fose maior nos próximos anos. A segunda das posibilidades estaría máis na liña do reforzo do proteccionismo da actividade comercial e industrial, iniciada na era Trump hai xa un lustro. Nesta dirección, os países poderían optar pola creación ou aumento das reservas de existencias para garantir o abastecemento das súas cadeas de subministración, o que dalgunha maneira implicaría redundar nun exceso de demanda temporal (que xa se viña producindo desde a pandemia) e que podería aumentar a fenda na relación habitual entre existencias e vendas a nivel agregado. Sexa cal sexa o escenario, o fin da política de covid cero na China augura unha recuperación dos prazos de entrega que se veñen retrasando nos últimos anos, o que sen dúbida debería favorecer que o xigante asiático poida recuperar parte dos niveis de IED recibidos antes da pandemia.

Finalmente, dentro da complexidade da NOEI, novos elementos entrarán en xogo, aínda que non necesariamente a curto prazo. Así, para expertos como Ignacio Ramonet, as vindeiras décadas virán marcadas no político e no económico por fenómenos como o cambio climático e as migracións (fundamentalmente desde o sur), agardándose incluso a irrupción de revoltas ecolóxicas, un fenómeno que non tería por que entender de fronteiras. Por suposto, nun escenario coma o descrito, estes posibles conflitos futuros afectarían á gobernanza mundial, o que diluiría aínda máis a “vella” concepción bipolar do mundo. Desafortunadamente, e para acabar, estas cuestións continúan a ser andrómenas para moitas persoas.

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2022-2023 “Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra”, que podes descarregar aquí.