En Israel, o servizo militar é obrigatorio para todos os xudeus e drusos maiores de 18 anos, incluíndo as mulleres xudías. Só certas comunidades ortodoxas están exentas e algúns israelís líbranse de realizalo por causas físicas ou psicolóxicas. Con todo, nos últimos anos disparouse o número de hebreos declarados psicoloxicamente incapacitados e esta opción, que esgrimía moita xente nova, é difícil de probar hoxe en día. Así, Ziek Gelkoff, un rapaz de 22 anos, tivo que fuxir do seu país como medio máis achegado á obxección de conciencia.
Diversos grupos pacifistas proclaman o dereito á obxección, ilegal en Israel, e a estes súmanse distintas organizacións contrarias ás políticas do Tzahal (Forzas de Defensa Israelí). Moitos deles, como Ziek, consideran que a paz non se consegue lanzando bombas ou adestrando soldados, senón facéndose amigo do veciño. Para eles non son necesarios os tres anos que teñen que ir, cumpridos os 18, ás bases militares; nin as sucesivas incorporacións a filas ata chegados os 45 anos. Pero non todos estes pacifistas foron quen de rexeitar a súa incorporación a filas e moitos deles tiveron que pagar por manter os seus ideais.
Coñecidos coma refusniks, por refusar o exército, intégranse en distintos colectivos, sendo "Yesh Gvul" ""Hai Fronteira"" un dos máis coñecidos. Nesta guerra contra o Líbano xa houbo un refusnik, Itzik Shabbat, quen se negou a integrarse nas tropas de emerxencia. Nunha entrevista concedida ao diario "Haaretz" confesaba estar seguro de que a xente o atacaría por declararse contrario a unha guerra que está a provocar continuos ataques na súa propia cidade. "Na miña opinión, só este tipo de oposición que eu elixín porá fin á actual tolemia, desfacendo ese sentimento erróneo que se sostén na primeira liña de combate, unha guerra innecesaria baseada en consideracións enganosas". Esta non é a primeira vez que Itzkik entra en prisión por negarse a servir nos territorios nin tampouco o único. Outros sufriron as consecuencias do rexeitamento acudindo varias semanas ao ano ao cárcere, pero algúns deles admiten que, cando tes un fillo, non podes darlle de comer metido entre barrotes e tes que cumprir certas normas contrarias a un mesmo.
Ziek Gelkof tamén se negou a entrar no exército, declarándose pacifista e totalmente contrario á violencia. Naceu hai 22 anos nun kibbutz do sur de Israel e conta que o seu único apego que ten, ao lugar de nacemento, é a infancia. Garda lembranzas do sitio onde se criou e bota de menos a amigos e familiares, pero non sente morriña polo espazo en si. Considera que o mundo é moi grande e hai moito terreo que descubrir e polo que viaxar. Así, leva dando voltas ao mundo dende os 18, fuxindo do sistema político do país onde lle tocou nacer. Coincide coa familia de cando en vez nalgún país e despois continúa a súa andaina, traballando onde lle deixan e percorrendo outras culturas. Abandonou Israel ao pouco de rematar o colexio. Intentou demostrar que estaba tolo pero non o conseguiu, polo que, antes de cumprir a maioría de idade saíu.
Agora está en India e, aínda que preguntou en diferentes embaixadas de Israel cando podería regresar, nunca tivo unha resposta concreta. Pensaba que podería estar uns dez anos sen poder volver, pero agora é máis optimista e mantén que desexa volver algún día, pero sen pasar en prisión máis de dous meses. Coma el, cada vez é maior o número de persoas que optan por refuxios lonxe da súa casa. A India é un dos principais destinos, de xeito que en lugares como Goa, os locais falan perfecto hebreo, sendo esta a lingua de comunicación maioritaria dentro do gremio dos comerciantes. Incluso os menús dos restaurantes ou os nomes dos lugares se anuncian en hebreo. E é que India converteuse nun novo éxodo para unha masa enorme de descontentos que tratan de achegarse ás fronteiras da paz.
O propio Ziek sostén que non ten sentido loitar, enfadarse e vivir en continuo estado de tensión, con medo, se só vivimos unha media de 80 anos. Parécelle unha perda de tempo e a única solución que atopa para que remate este conflito é fumar a pipa da paz, literalmente. Opina que podería intentarse e remata cun poema de Bertol Bretch que distribuíron os membros de "Yes Gvul" nunha das súas manifestacións:
Xeneral, o teu tanque é un vehículo poderoso.
Pisa o bosque, esmaga un cento de persoas.
Pero ten un erro:
Precisa dun condutor.
Xeneral, o teu bombardeiro é forte.
Voa máis rápido que a tormenta, carga máis que un elefante.
Pero ten un erro:
Precisa dun mecánico.
Xeneral, o home é moi útil.
Sabe voar, sabe matar.
Pero ten un erro:
Sabe pensar.