A ocupación militar do Sahara (I)

O conflito saharauí vai xa para máis aló de 35 anos. A 53 “provincia” franquista do Sáhara creada no 1958 non podía ser allea ao movemento de descolonización producido a partir do 1960, unha vez aprobada polas Nacións Unidas da Carta da Descolonización. Tras a súa independencia no 1956, Marrocos reclamou o territorio do Sáhara Occidental como parte do Gran Marrocos. Dende 1966 a Asemblea Xeral da ONU reiterou até hoxe o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, apreciado positivamente tamén pola Corte Internacional de Xustiza no seu Ditame Consultivo sobre o Sáhara do 1975.

No ano 1974, España anuncia a súa intención de celebrar un referendo durante a primavera do 1975. Marrocos oponse ao proxecto español. A situación deteriorouse cando o Rei Hassan II de Marrocos organiza a Marcha Verde de máis de 300.000 marroquís sobre o Sáhara. O 31 de outubro dese ano tropas marroquís cruzan a fronteira noroeste do Sahara Occidental, enfrontándose ao Frente Polisario, acrónimo do Frente Popular de Liberación de Saguía el Hamra e Río de Ouro, creado en 1973. O 6 de novembro de 1975, uns 300.000 marroquís desarmados intérnanse no Sáhara Occidental. O conflito está servido. En virtude dos acordos de Madrid de outubro de 1975, agonizante Franco, estabeleceuse unha administración temporal tripartita por España, Marrocos e Mauritania. O 26 de febreiro de 1976 España abandonou o Sáhara, tras o cal o Frente Polisario proclamou a República Árabe Saharaui Democrática (RASD), emprendendo unha guerra de liberación do territorio. A RASD, aceptada no 1984 como membro da Organización para a Unidade Africana, está recoñecida actualmente por 46 países, a maioría africanos ou latinoamericanos.

O taboleiro complétase co apoio, entre outros, dos Estados Unidos, especialmente, da man do presidente George Bush, e de Francia a Marrocos e coa oposición de Arxelia ás pretensión de Marrocos. Non debemos de esquecer que nos anos 60, Marrocos ambicionaba extender o seu su territorio tamén a parte de Mauritania e a zonas limítrofes de Arxelia, o que provocou combates en setembro-outubro de 1963. A posición española foi variando dende unha tendencia prosaharahui até a actual de apoio indirecto a Marrocos ao falar do respecto ás solucións que cheguen as partes, deixando espida a posición saharauí. Mauritania, con serías dificultades económicas e bélicas, e o Frente Polisario acordan en 1979 en Arxel, a retirada deste país do territorio sahariano que ela ocupara, sendo recoñecido o Frente como lexítimo representante do pobo saharauí. Marrocos invade a continuación este territorio. A controversia levedada traguería como mal froito un conflito internacional que chega até hoxe á espera dun referendo que –imposibilitado por Marrocos— non fora esixido, polo demais, na práctica do proceso de autodeterminación dos pobos levado a cabo nas décadas dos anos sesenta e setenta.