200602roma estacion termini cartaz berlusconi02

A ofensiva da dereita italiana

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Cartaz Silvio Berlusconi, clic para aumentar
Nas rúas de Roma, os lugares máis emblemáticos como a Piazza Navonna, ou Via Cavour, ou a Piazza de Venezzia, están decoradas con fotos xigantes de Berlusconi, ou ben de pequenas pancartas de Cassini, anunciando o holocausto que provocará a chegada da esquerda se algún día alcanza o poder, e dende a prensa fálase constantemente do "Tridente": Berlusconi (Forza Italia), Fini (Alianza Nacional), Cassini ( UDC ), fronte ó candidato da coalición unionista do centroesquerda, Romano Prodi, que pretende dar a coñecer un programa de 280 páxinas do que se mofan os conservadores. (Foto: Cartaz de Silvio Berlusconi na Piazza Navonna de Roma).
Cartaz Silvio Berlusconi, clic para aumentar
(Foto: Propaganda electorial de Forza Italia na Estación Termini de Roma. ©Xosé Manuel Figueiras).
 

Facemos unha xeira polas rúas dunha Italia que comeza a ferver nos días previos á campaña electoral que se aveciña. Aínda non invadiron as súas Vias e as Piazzas os megáfonos e máis os automóbiles coas sintonías partidarias. Non obstante, algo comeza a rebulir nas grandes rúas, nas calexas, nas estacións de tren e de autobús, e nos emprazamentos máis turísticos, onde as pancartas dos candidatos asoman sen pudor nin discreción coas consignas máis viscerais, tralas fermosas fachadas clásicas avaliadas polos ocasionais indiferentes, que non teñen en conta as mensaxes maniqueas e simplistas dos ideólogos dun e doutro bando.

Nembargantes, a dereita parece gañala primeira batalla nesta loita preelectoral a raíz dunha agresiva e ambiciosa ofensiva de presenza nas rúas e nos medios de comunicación, amplamente dominados polos seus grupos de poder. O número de cartaces e de fachadas manchadas polo fetichismo electoral da dereita berlusconiana do partido Forza Italia é, con moito, superior á presenza de calquera outro partido en Roma e en moitas outras cidades. O castigo sufrido polos partidos da coalición da Casa das Liberdades tanto nas eleccións ó parlamento europeo como nas eleccións locais e rexionais, deixou un pouso de autocrítica e de desencontro que parecía levar á unión de centro-dereita cara ruptura, a atomización en pequenos partidos centristas e da dereita, e á loita polo liderado dentro dun abano de posibilidades ideoloxicamente heteroxéneo dentro da coalición da Casa das Liberdades. Pero lonxe da ruptura da entente centro-dereitista, o medo a perderen a "maggioranza" sobre a que se sostén o seu goberno, clarificou unha nova estratexia de entendemento e de renovación da súa oferta electoral onde conviven os centristas, a dereita máis dura, e por se fora pouco e diante da posibilidade da derrota, chegaron os contactos cos neofascistas de Alternativa social, na que milita Alessandra Mussolini, descendente do afamado ditador, Roberto Fiore, acusado de pertenza a banda armada e asociación subversiva que permaneceu dez anos agochado en Londres e que actualmente é o secretario de Forza Nova, sen esquecernos de Adriano Tilgher, líder da Fronte Social Nacional, condenado en 1975 por resucitar o partido fascista.

Nas rúas de Roma, os lugares máis emblemáticos como a Piazza Navonna, ou Via Cavour, ou a Piazza de Venezzia, están decoradas con fotos xigantes de Berlusconi, ou ben de pequenas pancartas de Cassini, anunciando o holocausto que provocará a chegada da esquerda se algún día alcanza o poder, e dende a prensa fálase constantemente do "Tridente": Berlusconi (Forza Italia), Fini (Alianza Nacional), Cassini ( UDC ), fronte ó candidato da coalición unionista do centroesquerda, Romano Prodi, que pretende dar a coñecer un programa de 280 páxinas do que se mofan os conservadores.

A Casa das Liberdades, pola contra quere concretar un sinxelo programa en base a dez puntos, que se encargarán de forxar nesta semana. Desta maneira, unha vez resolto o problema do liderado da coalición, despois de axustar as contas cos centristas de Follini e Cassini, e cun Berlusconi protagonista que é agora alcumado o "pequeno Mussolini", recuperáronse os folgos para retomar a campaña con forza. Berlusconi, parece ter consolidado o seu posto, a base a comparacións esperpénticas e aparentemente absurdas de si mesmo con Napoleón, Churchill ou Xesucristo. Por outra parte, os centristas de Follini e Cassini (UDC), que en principio non quixeron reeditar o que na Casa das Liberdades se alcumou o "contrato cos italianos", unha estratexia conxunta dos partidos da coalición de cara ás eleccións como se levara a cabo en 2001, obrigan ós partidos do centro dereita presentarse ás eleccións por separado, o que en principio parece levar á división e dispersión das forzas pero que non obstante, crea paradoxicamente a impresión de estaren máis unidos que nunca, en función de propoñer opcións similares mentres que os partidos da esquerda se afunden nas discusións internas. A UDC vai finalmente entrar nas escenificacións conxuntas e para aparecer nas fotos en grupo cos outros lideres de partidos da dereita, e nos medios xa se deixan percibir as fotos de Berlusconi, Fini e Cassini, que foron bautizados co nome de "o Tridente".

Outro pé da estratexia centro dereitista da Casa das Liberdades, consiste en atacar o voto indeciso que nas eleccións do 2001, lle deu avantaxe á CdL. Para iso, xogan un rol fundamental a televisión local e os típicos sms dos teléfonos móbiles. A Lei 313 de 2002, prohíbelle a Berlusconi as incursións na RAI e nas televisións privadas que agudizan aínda máis a presenza do que ate o de agora fora primeiro ministro italiano. Berlusconi, consegue así unha alternativa mediatica para afondar máis na persuasión dos italianos mías apáticos, e agora que conseguiu orientar a propia coalición, sostén que nesta semana acabará desta maneira a parte defensiva da súa comunicación, co que é previsible que nos sorprenda con algunha das súas saídas de ton, nos vindeiros días, que provocan tantas paixóns coma risas. Aparentemente unha enquisa americana reduce a avantaxe entre os dous bandos da esquerda e da dereita, e unha nova enquisa feita en Italia, e que está a punto de saír parece corroborar a tendencia do voto cara o equilibrio de forzas.

Mentres a dereita explota ó máximo os seus recursos, a esquerda confúndese en se o tren de alta velocidade é ou non unha prioridade, no apoio ou na condena ós ataques que a guerrilla iraquí fai ós seus propios soldados, e afúndese nos anuncios e nas promesas que parecen conter as 280 páxinas do programa electoral que uns farragosos e insulsos cartaces anuncian nalgunhas esquinas perdidas das cidades. Un exiliado cubano, bo coñecedor da política italiana e adobiado dunha ollada crítica do que para el é a política dun país alleo, reveloume o novo alcume co que ó parecer se coñece a Romano Prodi debido a falla de contundencia á hora de impoñerse dentro da propia coalición:"mortadela". Esperemos que a pólvora da esquerda non estea mollada.