new york edificio onu

A ONU abre reformas en 2005

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A ONU sobreviviu nestas seis décadas pero as súas estructuras orixinais, creadas polas potencias vencedoras trala fin da II Guerra Mundial, vense hoxe superadas pola complexidade do sistema internacional no mundo da "posguerra fría". Neste sentido, os 191 membros da ONU coinciden na necesidade de democratizar os mecanismos de decisión e a acción do organismo, enfatizando na esencia do multilateralismo e nas alternativas presentadas pola Declaración do Milenio, asinada en setembro de 2000.
 

En vésperas do seu 60 aniversario, a conmemorar en outubro de 2005, o actual escenario internacional semella dar paso ao inicio dunha reforma profunda nas estructuras que conforman a Organización das Nacións Unidas. Esta iniciativa de reforma, xa suscitada trala desintegración da URSS e o fin da "guerra fría" en 1991, vaise implementar nun momento sumamente crítico para a ONU, trala súa cuestionada efectividade durante a crise que levou á guerra en Iraq, en marzo do 2003, as secuelas de malversación que salpican ao entorno do secretario xeral, Kofi Annan, polo programa "Petróleo por alimentos" no país árabe, e o persistente acoso da administración Bush para desprestixiar, e así posibilitar, unha anticipada substitución de Annan.

Precisamente, é o tema iraquí o principal catalizador da actual crise dentro da ONU e da discusión sobre a necesidade de reforma. O unilateralismo de Washington e Londres cara a crise iraquí e a posterior invasión do país árabe, sen autorización expresa do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, deixou ao principal organismo multilateral carente da necesaria marxe de manobra para a resolución do conflicto, toda vez que o labor dos inspectores da ONU para determinar a tenencia de armas de destrucción masiva por parte do réxime de Saddam Hussein, fora desacreditado pola administración de George W. Bush.

Do mesmo xeito, a presunta corrupción dentro do Programa da ONU "Petróleo por Alimentos", creado en 1995 para paliar as necesidades dunha poboación iraquí atribulada polo embargo, tamén converteuse recentemente nun sinal para o actual goberno estadounidense, á hora de desprestixiar a figura do secretario xeral da ONU. A razón principal débese á presenza do fillo de Annan, Koji, na dirección deste programa, a través da empresa suíza Cotecna. Se ben Annan remata o seu mandato no 2006, nos predios da Casa Branca comezan a traballar discretamente coa finalidade de adiantar a súa substitución. Neste apartado, os "neoconservadores" en Washington verían con bos ollos a posíbel designación do ex presidente checo Vaclav Havel.

A encrucillada na que se atopan tanto Annan como a ONU en xeral, obriga agora a replantear as actividades e o funcionamento do organismo, mais non a súa esencia. As reformas que se propoñen non estipulan un cambio na súa constitución nin nos seus valores. A finais do 2004, Annan nomeou unha Comisión de Sabios coa finalidade de redactar as pautas necesarias para iniciar a discusión das reformas, que deberían ser aprobadas en Asemblea xeral en setembro do 2005. Esta Comisión, integrada por personalidades como Bent Scowcroft, Qian Qichen, Gro Harlem Brundtland ou Amr Moussa, elaborou un documento de 101 puntos, respaldado de inmediato polo propio secretario xeral.

A ONU sobreviviu nestas seis décadas pero as súas estructuras orixinais, creadas polas potencias vencedoras trala fin da II Guerra Mundial, vense hoxe superadas pola complexidade do sistema internacional no mundo da "posguerra fría". Neste sentido, os 191 membros da ONU coinciden na necesidade de democratizar os mecanismos de decisión e a acción do organismo, enfatizando na esencia do multilateralismo e nas alternativas presentadas pola Declaración do Milenio, asinada en setembro de 2000.

O principal órgano que, presumibelmente, verá modificada de forma substancial a súa estructura é o Consello de Seguridade, principal órgano de decisión. A posíbel ampliación dos cincos membros permanentes (EEUU, Gran Bretaña, Francia, Rusia e China), podería incluir a Alemaña, Xapón, India e Brasil, ademais da discusión sobre a inclusión dun membro do continente africano (Nixeria, Exipto ou África do Sur), a ampliación dos membros non permanentes de 15 a 24 países, e a posibilidade de eliminar ou estender o dereito a veto.

Este cambio non é precisamente cosmético: ten que ver mais coa sensatez e a vontade dos países membros na tarefa de descifrar as claves xeopolíticas do poder mundial e a configuración dun sistema multilateral de balanza de poder, a pesar do predominio global da hexemonía estadounidense. A presenza no Consello de Seguridade de países como India, Brasil e Suráfrica respaldaría as demandas do Sur, plasmado nunha posíbel alianza Asia-África-América Latina, e revelaría o ascenso de países que esperan facer sentir a súa voz nas decisións mundiais. Do mesmo xeito, tomando en conta cómo se manifesta a actual crise internacional, semella imperativa a inclusión dun país con influencia no musulmán, tal é o caso de Exipto.

Se ben a xeopolítica e os intereses das potencias mundiais seguen a influir nas principais decisións da ONU, a complexidade do mundo do século XXI determina a necesidade de afrontar definitivamente os problemas sociais, como a pobreza, a exclusión, a defensa do medio ambiente, a provisionalidade dos recursos naturais, a pacificación dos conflictos, a defensa dos dereitos humanos e a democratización. O 2005, pois, debe indicarnos se a ONU ten a capacidade tanto para reformarse como para reformular novas alternativas aos problemas mundiais.