Hai xente que pensa que a ONU, porque de primeiras non autorizou atacar o Iraq, mantivo sempre esa liña. Non é certo: o primeiro que fixo, despois da invasión, foi dictar a resolución 1511, de 16 de outubro de 2003, que significa un mandato á forza multinacional, co que o Consello se Seguridade lexitima a invasión.
E lexitímaa aínda sabendo que a ocupación é violenta, que a situación no país é corrupta e que a resistencia empeza a ser popular á par que os invasores van gañando crecente impopularidade. Non a lexitima de calquera maneira: habería que establecer a curto prazo institucións políticas iraquís.
E aínda sabendo que as tales institucións non foron democraticamente constituídas, senón que se basearon na corrupción duns homes de palla de Washington, que non merecían, nin merecen, a máis mínima respectabilidade ao pobo iraquí, a ONU anovou o mandato ás forzas de ocupación en varias ocasións máis.
É gravísimo que un organismo que ten a encomenda de garantir o cumprimento da legalidade internacional, polas presións dos invasores remate bendicindo a invasión primeiro e a ocupación despois. Con moita razón se ten criticado á ONU, no sentido de que esta non podía dar legalmente un mandato ás forzas invasoras cando estas, contra toda legalidade, invadiran e ocuparan Iraq.
Hai autores, como Ellen Paine (rebelion.org), que sosteñen que ese mandato, tan mal fundamentado, é único na historia do Consello de Seguridade da ONU. En calquera caso, unha vergonza máis a engadir ao cúmulo de vergonzas desta guerra.