A ONU marca obxectivos, obvia medios

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

A "Cimeira do milenio" era a definitiva proba para o desexado cambio de rumbo da ONU. Xa por evolución…, xa por revolución. A máis grande concentración de dirixentes mundiais da historia, precedida poucos días antes de Cimeiras de relixiosos, presidentes de parlamentos, ONGs e de empresas privadas co mesmo programa á abordar…. debía marcar os obxectivos da institución para o novo milenio.

O revulsivo para sentarse a reflexionar era evitar os riscos de exclusión, marxinación e división mundial que pode comportar a globalización. Pero o equipo de expertos de Kofi Annan tiña elaborado un programa con obxectivos moito máis ambicioso, que se resumía na loita contra da extrema pobreza e que se debullaba nos seguintes compromisos: Reducir á metade, en quince anos, a poboación mundial que sobrevive con menos dun dólar ao día. Que todos os nenos do mundo poidan acceder á educación primaria. Parar o avance da SIDA e da malaria. Reducir, en dous tercios, durante os próximos cinco anos, a mortalidade infantil e en tres cuartos a mortalidade maternal nun prazo de 15 anos.

Tan eloxiosos obxectivos recibiron os parabén das altas autoridades congregadas, pero deixaron sobre a mesa o plan de financiamento e os medios para as metas asumidas. O Secretario Xeral non quere que se fale, en ningún modo, de fracaso. Conseguir axuntar esforzos nunha mesma dirección e modificar o "Chip" de salvar vidas preventivamente, non só cando estoupa o conflicto, é un avance que hai que valorar na xusta medida. Preservaremos un número de vidas moitísimo maior.

A moiría dos temas pendentes volveron quedar no armario ou saíron para volver axiña. Puntos cruciais como a reforma do Consello de Seguridade, o arbitrario uso do cuestionado dereito de inxerencia, os fracasos nas misións de paz, a condonación da débeda prantexada dende o G-77, o control do trasfego de diamantes como motor de sanguentos conflictos, a loita contra a corrupción que sume na pobreza ao pobos mentres dilapida recursos e cretos internacionais..queda outravolta aprazado.

Quizais Kofi Annan teña razón cando di que de ningún xeito se pode falar de fracaso, pero tamén e certo que os éxitos aínda deberán agardar para ser visualizados e que moitas das esperanzas postas na Cimeira do Milenio, racharon na fin de semana.