A importancia das relacións de Tokio con EEUU quedou de manifesto na conversa telefónica mantida por Barack Obama co gañador das recentes eleccións niponas, Yudio Hatoyama, líder do Partido Democrático e futuro primeiro ministro. Para os líderes xaponeses, as relacións con Washington van máis aló dun entendemento cualificable de normal e mesmo da tradicional e sacrosanta alianza que simboliza a base da política oriental e occidental dende o remate da Segunda Guerra Mundial. Encomendar a defensa nacional a EEUU para centrarse no desenvolvemento económico ten sido, ata hoxe, unha fórmula con difícil alternativa para os políticos xaponeses, unha realidade que explicita a condición subordinada e ata servil ante a superpotencia, o que xera cada vez máis sentimentos encontrados na dignidade nipona, especialmente entre as novas xeracións. A obriga fáctica de compartir os gastos da guerra antiterrorista ou a forzada revalorización da moeda xaponesa con respecto ao dólar estadounidense son mostras evidentes desa dependencia.
Hatoyama prometeu “iniciativa” en materia de política exterior e en relación a EEUU o seu programa electoral insiste na “reciprocidade”. Algúns intúen unha matizada volta a Asia. Desde a reforma Meiji (1868-1912), Xapón multiplicou os seus esforzos de aproximación aos países occidentais, sufrindo importantes reveses. Os cambios experimentados no panorama internacional e a translación a Asia do epicentro económico global inducen a pensar que a recuperación do papel e significación global de Xapón como país “normal” pasa non só pola revitalización económica e a mellora das condicións sociais internas, senón tamén pola asunción plena e coherente da súa condición de país asiático. En tal sentido, ademais de manter relacións construtivas e estratéxicas con EEUU, Tokio debe estreitar os vínculos cos países veciños, con quen pode articular unha relación máis autónoma sen verse restrinxida por outras potencias.
Parte substancial desa recuperación da iniciativa exterior ten en China, o seu maior mercado exportador, o referente esencial. Primeiro país visitado por Hatoyama nada mais asumir o cargo de líder do PD, pode agora facer valer a súa traxectoria persoal, caracterizada por enfocar as relacións con Pequín á marxe dos diferendos clásicos centrados na interminable discusión sobre os problemas históricos, e gañarse o seu apoio para a anhelada recuperación dun papel político proporcional á súa significación económica, unha minusvalía superable. Non será doado porque son moitos os problemas pendentes, pero este Xapón de Hatoyama ten ao seu alcance, sen dúbida, a primeira e maior oportunidade da historia recente para impulsar un cambio de rumbo que poña fin, tamén aquí, aos condicionantes da guerra fría. É hora de encarar esa post-historia.