A OTAN contra Milosevic

Mentiría se dixera que aplaudir ou rexeitar a acción militar da OTAN contra a Serbia de Milosevic é unha decisión que non admite dúbida ningunha. En principio, a todos nos arrepía o recurso á violencia, mesmo cando se esgrime como inevitable para evitar outra maior. Todo o referente á guerra é unha bofetada ó bo sentido, dicía Hermann Melville. Sen embargo, as tráxicas circunstancias que concorren no Kosovo en concreto e nos Balcáns en xeral, esixen explorar unha ampla riqueza de matices.

É incuestionable que a acción da OTAN non se ampara na legalidade internacional, e mesmo que vulnera o seu propio estatuto de alianza militar defensiva. Diría inclusive que a OTAN non ten razón de ser no mundo de hoxe como instrumento para asegurar a paz e a estabilidade no continente. Desaparecida a Europa dos bloques, o seu papel debería ter mermado cedendo protagonismo á OSCE (Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa). E a ONU debería ter avanzado nestes anos desenvolvendo o capítulo VII da Carta que contempla a posibilidade de proveerse de forzas armadas para desenvolver accións en caso de ameazas á paz, quebrantamentos da paz ou actos de agresión.Pero o que debería ser non é. E iso afecta seriamente á lexitimidade da acción da OTAN.

Dende outra perspectiva, sen embargo, resulta intolerable o comportamento dos dirixentes serbios. Milosevic é o gran responsable da detonación balcánica. O seu nacionalismo centralista e expansionista desencadeou primeiro a ruptura da Federación Iugoslava e despois as sucesivas guerras de Croacia, Bosnia e agora Kosovo. Dende hai dez anos a minoría albanesa vivía en condicións de autentico apartheid no seu propio país. Sobran razóns para argumentar a natureza perversa da política de Milosevic. Pero a principal dúbida radica en se a acción militar é o mellor camiño para quebrala.

Europa e a comunidade internacional en xeral amosaron certa comprensión coa súa política porque receaban da proliferación estatal (Eslovenia, Croacia, Bosnia, etc). Na Carta de París (decembro de 1990) intentouse acotar a eclosión de novos estados afirmando a intanxibilidade das fronteiras. Pero os novos vacíos eran ocupados polo rexurdir da historia avaliados cunha incuestionable lexitimación democrática. Por iso, en boa medida Europa e Estados Unidos tamén son responsables de Milosevic. Medrou ó amparo dunha política errada que deu argumentos a quen contaba con que nunca se recoñecerían novos Estados se non mediaba un acordo mutuo e pacífico. A factura pagámola agora.