Despois do 11-S, a OTAN e o seu novo concepto estratéxico acadaron un maior protagonismo internacional na intervención sobre Afganistán que para moitos despexaba as dúbidas sobre a continuidade da propia organización tralo fin da guerra fría.
As novas funcións da OTAN baseábanse na incapacidade individual dos seus membros para abarcar os novos problemas internacionais, e buscou adaptarse aos novos problemas dun mundo globalizado onde as ameazas son transnacionais e carecen dunha base de operacións fixa. A capacidade dunha intelixencia militar coordinada entre os seus membros e as súas forzas combinadas está moitísimo mais desenvolvida e arraigada do que poderían estar novas axencias creadas para estes problemas. Ademais, a Unión Europea buscou o protagonismo na alianza coma contrapeso político dos Estados Unidos. Para Europa, as relacións entre a OTAN, a Unión Europea Occidental, o Consello Europeo, e a OCDE son parte dun sistema único no cal estas institucións se complementan e fortalecen mutuamente. Para os europeos, a OTAN é unha oportunidade de manter en marcha mecanismos que lle permiten actuar como unha forza coordinada no militar, en boa medida gracias á preparación conxunta e a homoxeneización de técnicas de combate e en armamento que a Alianza organiza para os seus membros.
En datas previas á invasión sobre Iraq ninguén tiña dúbidas da importancia dunha OTAN que logrou acadar o seu obxectivo fundacional como entidade de defensa contraposta ás potencias comunistas. Nese momento se reinventou a si mesma para evitar que a súa existencia se puxera en tela de xuízo. Algo que conseguiu comprometéndose coa loita contra as novas ameazas, a mutua defensa e o mantemento da estabilidade internacional.
Sen embargo, a súa capacidade para canalizar os posibles conflictos quedou en entredito trala negativa dos seus membros a apoiar a intervención en Iraq e o ataque unilateral do "Trío das Azores". Quedou así claro, que a OTAN non pode asumir unha intervención a tal escala sen o apoio estadounidense. Os norteamericanos, pese ó fin de guerra fría, aínda posuían a capacidade e vontade para intervir en calquera parte do globo independentemente dos medios e do apoio alleo con que puideran contar.
Agora, o tempo demostrou aos Estados Unidos a inviabilidade da súa política unilateral e buscan a lexitimidade da ONU no control de Iraq e o apoio da OTAN para realizar os relevos dos países ocupantes. A súa vez, a ONU e a OTAN non poden desentenderse da cuestión iraquí, pero tampouco poden acudir a Iraq aceptando o plan de paz estadounidense coma propio. Actuar baixo esas condicións seria iniciar unha política de feitos consumados.
Na espera de que as eleccións nos Estados Unidos indiquen se o intervencionismo de Bush vai ter continuidade, xa na súa persoa ou cun novo presidente demócrata, a OTAN exhibe na súa internacionalidade unha bandeira arredor da cal poder recuperar o protagonismo internacional. Unha lexitimidade reforzada gracias ó seu debate interno, que polo de agora evitoulle implicarse nunha guerra cuestionada. A Alianza ten garantido un posto de privilexio entre as institucións internacionais pese aos moitos problemas que están por abordar nunha hipotética reforma. Entre eles, un dos mais importantes seguirá sendo, por moito tempo, a diferencia entre as capacidades militares dos seus membros, un reto dificilísimo de afrontar para a OTAN que xunto á doutrina Bush debería impulsar o cambio nas súas estructuras. Fronte á énfase na capacidade de intervención internacional estadounidense o resto de membros teñen serios problemas para xustificar ante o seu electorado a mera modernización das súas forzas armadas, circunstancia que remite ao longo prazo calquera mellora nesa perspectiva. Á súa vez outro dos problemas está na loita política en canto ao poder de decisión no manexo das tropas. Ninguén quere que o seu país estea baixo mando defensivo doutro; aínda así as zonas defensivas OTAN xa están creadas e estructuradas e gozan dunha aceptación xeral.
Doutra banda, resulta imposible pensar nunha alternativa armamentística viable sen os Estados Unidos na OTAN. A dependencia da tecnoloxía militar estadounidense por parte dos membros da OTAN é un factor importante, do cal soamente a Unión Europea fai esforzos por saír e dispor dunha capacidade militar propia a través da Euroforce.
En suma, se ben Estados Unidos segue mantendo unha gran capacidade de intervención propia precisa dunha OTAN que poida usar como aliada cando os intereses coincidan ou de cara a obter unha maior lexitimidade e eficacia.
As forzas da OTAN son moi superiores á suma das súas partes. Para valorala debemos ter en conta a súa capacidade de xestión e coordinación, así como a autoridade política que lle confire o seu número de membros e o aumento da súa internacionalización coa última expansión. Os seus membros por separado e sen a labor de coordinación da OTAN carecen da capacidade para enfrontarse ás novas ameazas que se cernen sobre o panorama internacional, coma o terrorismo, os ataques informáticos ou o control do tráfico de armas e de compoñentes con que estas poidan ser elaboradas. Son tarefas que precisan dunha forte colaboración internacional e polo tanto dunhas estructuras sólidas. Posuílas fai que a OTAN teña garantida a súa supervivencia na elite das institucións internacionais que loitan contra estes riscos. Por outra banda, a actitude dos Estados Unidos ante a OTAN aínda está por aclarar. O tempo dirá se a pesar do éxito militar, o fracaso na busca dunha pacificación efectiva da sociedade iraquí obrigará aos Estados Unidos a reconsiderar tanto a súa agresiva política exterior como a forma de levala a cabo ignorando a opinión da comunidade internacional.