Un cumio de paz en Oriente Medio para o próximo outono, a fin de retomar as negociacións palestino-israelís e propiciar a creación dun Estado palestino coexistente con Israel. Este é o novo plan rexional presentado polo presidente estadounidense George W. Bush, que conta co total apoio do primeiro ministro israelí Ehud Olmert, a Unión Europea e o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP) e líder de Al Fatah, Mahmud Abbas.
Este plan de Bush para Palestina certifica a estratexia occidental e israelí para acabar co goberno de Hamas na ANP, elixido democraticamente en xaneiro de 2006. O momento de maior impacto para concretar a realidade das "dúas Palestinas" foron os recentes enfrontamentos entre milicias de Hamas e Al Fatah en Gaza.
Estes enfrontamentos entre Hamas e Al Fatah evidenciaron a separación xeopolítica entre unha Gaza dominada por Hamas e unha Cisxordania baixo goberno de Al Fatah e tutelado por Israel e EEUU.
Unha nova Palestina?
Esta separación palestina é un símbolo da nova configuración xeopolítica rexional. EEUU, Europa e Israel esperan conformar un eixe pro-occidental en torno a un Al Fatah gobernando en Cisxordania, Arabia Saudita, Exipto e Xordania, que podería tender pontes cara Siria e alcanzar unha histórica paz con Israel.
Este eixe de poder pro-occidental tentará contrarrestar calquera manobra do presunto eixe "islamizado" de maioría, mais non totalmente, xiíta, conformado por Hamas, o Hizbulah libanés e os seus aliados externos Siria e Irán.
Para consolidar este plan, Bush prometeu 40 millóns de dólares para apoiar os servizos de seguridade da ANP baixo a autoridade de Abbas, co cal tenta asegurar militarmente ás milicias de Al Fatah fronte a calquera tentativa de Hamas de "conquistar" Cisxordania.
Entanto, e para apuntalar o plan, o primeiro ministro israelí Ehud Olmert anunciou tras reunirse con Abbas, que liberará a 250 prisioneiros palestinos simpatizantes con Al Fatah e que suspenderá as misións de captura ou asasinato que penden sobre 180 milicianos dese partido, oficialmente laico e nacionalista, fundado por Yasir Arafat en 1964.
O temor occidental a que se xere outra "Intifada" nos territorios ocupados, propiciada pola frustración e o ascenso social e político de Hamas, permite deseñar unha estratexia disuasiva cara a sociedade palestina, destinada a crear un Estado "tutelado" por Israel e Occidente.
Este Estado palestino estaría conformado polo actual territorio de Cisxordania, próximo a Israel, Xordania e o Líbano, estratexicamente localizado cara Oriente Medio e principal fonte dos codiciados recursos hidráulicos conformados polos afluentes dos ríos Xordán e Litani.
Mentres, a extrema pobreza e o illamento exterior a Hamas probablemente provocará unha crise humanitaria en Gaza que, segundo os cálculos occidentais, debería propiciar a caída do goberno islamita neste territorio de apenas 400 km2 e millón e medio de habitantes, cunha espantosa densidade demográfica de 45.000 habitantes por km2.
A Axencia da ONU para os Refuxiados de Palestina, UNRWA, informou do lanzamento dunha campaña urxente de emerxencia para acometer a crise humanitaria que está por vir en Gaza. Se informa dunha pobreza extrema do 80% e un desemprego crónico do 36% da súa poboación.
A todo isto, uns 10.000 palestinos abandonan, cara o exilio, Cisxordania e Gaza, cansados da pobreza, da violencia interna e da irresolución do seu drama. Ismail Haniya, o líder político de Hamas e ex primeiro ministro da ANP ata a súa recente expulsión, acusou a Europa de manter unha "vergoñenta cegueira" con respecto ao drama palestino.
Outro plan fracasado para Bush?
Para Bush, alcanzar algún tipo de acordo en Palestina podería significar un balance político favorable de cara ao final do seu polémico mandato. Como o seu antecesor Bill Clinton entre 1999 e 2000, Bush buscará recrear un acordo de paz tan limitado como arriscado.
O fracaso de Clinton levou á segunda Intifada de setembro de 2000 e á práctica paralización do proceso de paz. A Bush non lle esperan escenarios tan diferentes, co caos iraquí agora entrampado nunha posible confrontación bélica no Kurdistán, unha posible renovación da guerra civil no Líbano e o potencial ascenso dun Irán nuclear, con amplos intereses xeopolíticos en Oriente Medio.
No 2004, e tras unha guerra ilegal e ilexítima contra Iraq, Bush impulsou un rimbombante plan do Gran Oriente Medio deseñado para "levar a democracia de Marrocos a Paquistán". O panorama no 2007 non pode ser mais desesperanzador, cun Bush derrotado e con pouca marxe de manobra moral para impulsar un novo plan de paz.
Mentres, a Palestina agoniza, lastrada pola indiferenza exterior cara o seu drama, xa non só político senón humanitario. E Oriente Medio semella prepararse para outra guerra.