Isto débese non só ao peso de EE.UU. en asuntos globais, senón en grande medida á incompetente política do presidente ucraíno, V. Zelenskyi. Estados Unidos é, en efecto, o principal doante de axuda a Ucraína e un actor chave na alianza político-militar da OTAN, que podería garantir realmente a seguridade de Ucraína, pero esta axuda e o apoio só poderían utilizarse con éxito cando o propio país receptor amose forza e cohesión moral e política no seu enfrontamento con Rusia. Así o demostrou durante o primeiro ano da invasión o pobo ucraíno, pero non os dirixentes políticos do país, cuxos plans e intereses non prevían nin prepararse efectivamente para a defensa nin resistir unha guerra de desgaste.
Incapaz e pouco disposta a ocuparse dos asuntos militares -non era ese o seu propósito de chegar ao poder-, a administración de V. Zelenskyi sostén que a guerra de Putin é en realidade unha loita contra Occidente, polo que son os amigos occidentais quen, se non se atreven a tomar parte directa nos combates (o cal é bastante obvio), deben asumir a carga principal: fornecer armas e municións, financiar a supervivencia do Estado ucraíno en xeral. En canto ás accións dos dirixentes ucraínos nas esferas militar, económica, política e internacional, foron, por dicilo suavemente, ineficaces. Despois de que os republicanos atrasasen a subministración de axuda en 2023, en lugar de conseguirse unha estabilización na fronte, viuse un lento avance das tropas rusas, que nin sequera se viu afectado pola invasión da rexión rusa de Kursk.
Para convencer que a axuda se empregaría con eficacia, V. Zelenskyi presentaba plans que ían de «resistencia» á «vitoria», pero a liberación real dos territorios capturados por Rusia xa non estaba en cuestión. Tras a elección de D. Trump, V. Zelenskyi acolleuse á súa fórmula de «paz mediante a forza» e, para gañar as súas simpatías, intensificou as críticas á falta de axuda de D. Biden e outros socios. As declaracións non melloraron a actitude de desaprobación de D. Trump cara a V. Zelenskyi, ao que identifica con Ucraína, lamentablemente, e as perspectivas de seguridade de Ucraína volvéronse máis precarias. É moi dubidoso que o recente acordo centenario co Reino Unido garanta realmente a seguridade de Ucraína en ausencia dunha implicación efectiva de Estados Unidos.
De días a meses…
Durante a campaña electoral, Trump xactouse de que poñería fin á guerra en 24 horas, pero dicíao sen ter unha visión real do problema, simplemente tratábase de crear unha imaxe para os votantes que os demócratas fracasaran á hora de evitar a guerra e a súa escalada durante tres anos, o que para un presidente republicano sería cuestión dun día ou dunha chamada telefónica. Isto soaba esperanzador para masas de electores ás que non lles importaba quen gañase en tal escenario, a condición de que Estados Unidos librase dun problema grave, custoso e «alleo» no seu camiño cara á grandeza.
Xa celebrada a súa toma de posesión, cando toca demostrar a súa capacidade para resolver problemas urxentes, D. Trump segue demostrando a súa ignorancia sobre a natureza e a gravidade da guerra na Ucraína. Cando se lle preguntou sobre a posibilidade de conxelar as hostilidades, evitou dar unha resposta directa, pero sinalou que a guerra non debería empezar en absoluto, pero que empezou como resultado da incompetencia do presidente ucraíno, e que non ocorrería se Trump fose presidente. Non sabe de que vai esta guerra (ata chegou a dicir en público que a Zelenskyi deulle ganas de facer guerra).
O feito de que o Estado ucraíno estea a loitar pola súa soberanía, e o pobo-nación estea a defender o exercicio do seu dereito á autodeterminación, é descoñecido, incomprensible e irrelevante para o actual presidente estadounidense. O seu cerebro funciona dentro do sistema de coordenadas dun listo home de negocios, onde o principal criterio de conveniencia é maximizar os beneficios explotando as circunstancias favorables do momento, quedando á marxe as necesidades do progreso, a moral, a ética ou calquera outra consideración non empresarial.
Para a administración Trump, que se preocupa por «restaurar a grandeza de Estados Unidos», a guerra de Ucraína é un malentendido entre os intereses locais de Europa do Leste. O equipo de D. Trump é capaz de entender que a xente de Zelenskyi pode estar interesadA en ter o seu propio Estado soberano, pero non teñen claridade sobre o empeño con que o defenden os ucraínos, xa que se pode esquecer todos os valores nacionais e vivir bastante ben como parte da Rusia imperial (o que pasou coa xente de Crimea e Donbás), ou como o seu apéndice en forma dun Estado pseudonacional e asociado a Rusia, como a formación mandada por Łukašenka. Esta visión do mundo ponse de manifesto na persistente promoción por parte de D. Trump de ideas sobre a aceptabilidade de converter Canadá noutro Estado estadounidense, os beneficios da transición de Groenlandia ao dominio estadounidense e a «devolución» da Canle de Panamá. En tal enfoque ignóranse os intereses nacionais das persoas que viven alí, a lei e a xustiza están privadas de calquera relevancia, e permítese o uso da forza militar para lograr o obxectivo. O desprezo polo dereito internacional, ou a súa relatividade, queda evidente.
Todo isto non difire moito do modus operandi de Putin, quen, en aras da conveniencia para o seu Estado, está a pisar o dereito de Ucraína a existir e demostrou a súa vontade de destruír a propia vida nos seus terreos con este fin, xa que os ucraínos demostraron ser obstinadamente conscientes de si mesmos e non estar dispostos a converterse de novo nun «irmán menor» de Moscova. Ao contrario que ao principio da «operación militar especial», cando se trataba de protexer a soberanía das dúas «repúblicas populares», agora os funcionarios do Kremlin, tras escribir na súa constitución a anexión de cinco rexións ucraínas, falan da inutilidade das negociacións co que «agora se chama Estado de Ucraína» e mesmo predín a súa desaparición este ano. A pesar de que, ao ritmo actual, tardarían decenios en ocupar toda Ucraína, nin sequera están a librar unha ofensiva, trátase dun difícil avance.
Os dirixentes do Kremlin teñen a esperanza que mentres a administración Trump fala agora de meses, que levaría resolver o conflito en Ucraína, da necesidade de concesións por ambas as partes (a pregunta é sobre que concesións pode facer unha vítima ao seu asasino), poida producirse un cambio a favor de xenerosas concesións ao agresor. Conxelar ou deter a guerra non satisfai a Rusia. Como dixo Putin no Consello de Seguridade de Rusia, o que se necesita non é unha tregua, senón «unha paz duradeira baseada no respecto dos intereses lexítimos de todos os pobos, de todas as nacións que viven nesta rexión». Coñecendo a xerga do dirixente moscovita, é fácil comprender que a súa paz non implica a existencia dunha Ucraína soberana, e non se pode evitar o «déjà vu» de 1939, cando Moscova, baixo o lema de «liberar aos irmáns de Ucraína occidental e Bielarús occidental», repartiuse Polonia con Hitler e alegrouse abertamente de que «o vástago orgulloso da Unión Soviética que a «criatura malformada do Tratado de Versalles» deixaba de existir (asestando ao mesmo tempo un golpe mortal aos movementos nacionais de ucraínos e bielarusos) e maldicindo oficialmente aos «incendiarios de guerra» anglo-franceses.
Constatar estas similitudes non ten nada que ver con parábolas, hipérbolas nin recursos polémicos. É o que está a suceder. A Orde Mundial actual, xurdida por mor da Segunda Guerra Mundial, entrou en crise e necesita ser modificado, adaptándose á realidade de hoxe día. Rusia, considerándose inxustamente a única herdeira da extinta Unión de 15 Repúblicas Soviéticas, pretende adxudicarse a esfera de dominio da URSS. Como non lle resultaba conseguilo por medios políticos nin económicos, viuse “obrigada” a recorrer aos métodos da última guerra mundial e por agora avanza lentamente cara á consecución dos seus obxectivos, que xa van máis aló do anunciado como meta da chamada “operación especial”.
Desde Moscova emítense mensaxes contraditorias só en canto ao comezo de negociacións ou o seu rexeitamento, pero se deixa claro que en caso dunha detención das hostilidades quererá recoñecemento das anexións, un desarmamento masivo de Ucraína, rexeitamento total ao seu ingreso na OTAN, o que significa unha redución da soberanía de Ucraína como a de Checoslovaquia en 1938, á que pronto seguiu a súa desaparición como estado.
Se o presidente D. Trump, para quen o nome do Golfo de México vese máis importante que a guerra de Ucraína, non logra manterse distante do tema e chega a intervir na súa solución, as principais concesións das dúas partes como base dun acordo sería que as tropas rusas pararan onde chegaron e Ucraína renunciaría totalmente ao seu acceso á OTAN. Para manter o armisticio necesitaríanse tropas estranxeiras de mantemento da paz (sen a participación norteamericana), o cal non se ve factible, por tanto o armisticio non durará moito e a guerra renovarase a un nivel máis grave e un alcance máis amplo.