O Anuario 2009 do SIPRI sinala que os gastos militares mundiais experimentaron en 2008 un novo récord ata sumar 1,464 billóns de dólares, cun aumento do 45% respecto á cifra dunha década atrás, representando o 2,4% do PIB global. A cifra per cápita ascende a 217 dólares, o que supón un incremento real respecto a 2007 do 4%. Segundo o SIPRI, as principias causas do incremento están relacionadas coa guerra de Iraq, a reconversión de Rusia nunca potencia mundial e o despegue chinés. Nun contexto máis amplo, a introdución do concepto de guerra antiterrorista levou a moitos países a considerar os seus problemas de seguridade dende esa perspectiva, o que facilitou ante a cidadanía a lexitimación de exorbitantes gastos militares, preferentemente en equipos de alta tecnoloxía e en renovación de equipos. A maiores, a asociación entre industria da guerra, espacial e avance tecnolóxico nun intre en que todas as economías do mundo compiten por mellorar a súa competitividade global outorga un factor engadido de “comprensión”.
EEUU segue a ser o país número un en gastos militares. En 2008 ascendeu ao 42% do total mundial, superando a suma dos 14 países que lle seguen no ranking. Coa Administración Bush, os gastos en defensa aumentaron un 67%, en paralelo á presenza operativa do sector privado .
Pese ao cambio de discurso en EEUU e a relativa mudanza de métodos e prioridades, non cabe agardar grandes cambios para os próximos anos, que estarán moi condicionados tanto polas numerosas frontes de conflito abertas como tamén pola tensión estratéxica con outras potencias en disputa pola hexemonía global. Por outra banda, o feito de que a industria do armamento sexa a de maior proxección internacional da economía rusa incide na permanencia da primacía outorgada por Moscova a este sector En canto a China, cabe agardar mesmo un reforzo do seu empeño modernizador no área da defensa, especialmente das forzas navais.
Así as cousas, poucas expectativas hai dunha reducción inmediata do gasto militar, mesmo aínda no caso de que a crise económica dure máis tempo do inicialmente previsto. Este desmesurado nivel de gasto en defensa indica que ante a incerteza e fluidez da situación internacional, boa parte dos países optan por tomar posicións seguindo o canon clásico, presos dunha maneira de pensar que menospreza a incidencia doutros factores (seguridade humana, alimentaria, etc.) na estabilidade e no equilibrio global. Claro que con ese outro enfoque, a guerra deixaría de ser un lucrativo negocio. E iso sería, dirán algúns, unha gravísima irresponsabilidade nos tempos que corren…