A paz sae da vía morta en Colombia

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Trece millóns de persoas participaron o domingo nas marchas civís máis concorridas da historia de Colombia, coincidindo precisamente coa data na que se reanudaban as negociacións entre o Goberno e as FARC-EP, a guerrilla máis potente de latinoamérica.

"Manifestámonos para esixir unha negociación ¡xa!, o alto o fogo e o respecto ao cidadán atrapado nesta guerra" afirmou Francisco Santos, un dos organizadores das 700 marchas simultáneas.

¡Non máis violencia!, ¡non máis corrupción! ¡non máis secuestros!,¡non máis extorsións!, ¡non máis torturas!, ¡non máis xenocidios!, ¡ Non máis destrucción de aldeas!… Berraban os manifestaban os manifestantes nun frío día de orballo.

35.000 mortos enchen os 35 anos da maís encarnizada guerra, non declarada, de latinoamérica. Cada hora oito fogares son desprazados por mor da violencia, así se recolle no informe "Un país que foxe" da Oficina para os Dereitos Humanos e o Desprazamento. En tres anos, do 95 ao 98, .000 persoas abandonaron as súas casas e terras, delas o 70% son familias rurais, o 55% son mulleres e o 65% son mozos con menos de 19 anos. Os instigadores dos desprazamentos, segundo este prestixioso informe, son na súa maioría, os militares ou paramilitares cun 56%, mais a guerrilla tamén é a culpable do 29% dos desaloxos. Os desprazados do interminable exilio interior xa son 1.200.000 e, nos últimos dez anos, outro medio millón partiu cara ao exterior, abandonando un país que, na maior parte dos seus 1.147.748 Km2, está baixo o control de guerrilla, dos paramilitares ou dos cárteles do narcotráfico. Neste contexto Colombia non quere converterse nun problema rexional e resístese a posibilidade dunha intervención militar exterior.

Tres son tamén os grandes atrancos para a consecución da paz na que está comprometido o presidente Andrés Pastrana: Os paramilitares, o cambio do modelo socio-politico-económico e a violencia que non cesa.

A pesares das distantes posicións de partida nas que os guerrilleiros, consideran que a democracia non existe en Colombia, xa que foi confiscada polas oligarquías económicas representadas no bipartidismo, non houbo demasiadas dificultades na fixación consensuada, entre as FARC-EP e o Goberno Colombiano, da Axenda Común polo Cambio cara a unha Nova Colombia, é dicir, os temas de negociación. Nela se inclúen temas substanciais coma os dereitos (humanos, fundamentais, económicos, xudiciais, culturais, medioambiente, humanos…), a recuperación e redistribución da terra adquirida irregularmente a traveso do narcotráfico, os enriquecementos ilícitos, a substitución de cultivos ilegais e desenvolvemento dos sustitutivos (contraria a política propiciada polos EE.UU de fumigacións sen alternativas), a loita contra da corrupción e o narcotráfico, reformas electorais, combate aos grupos de autodefensa etc…

Tampouco puxo grandes impedimentos o presidente para a desmilitarización, esixida polas FARC, das Provincias Meta e Caquetá como zonas de distensión duns 42.000 Km2 . Mesmo sospeitase que o presidente chegou a filtrarlle á guerrilla unha investigación confidencial sobre os sectores do exército vinculados a guerra sucia, como método de ganar a súa confianza e desbloquear a negociación.

Conseguir acordos políticos que implicarían un substancial cambio no modelo socioeconómico é improbable. Superar os desencontros sobre as canxes de prisioneiros ou sobre os métodos de verificación internacional…., complicado. Pero o verdadeiro obstáculo que tivo rotas as mesas do diálogo ata agora foi a liberdade de actuación das autodefensas. As FARC non teñen presa, levan 35 anos de loita armada e coñecen perfectamente o que lles acontece aos guerrilleiros que deciden abandonar as armas e pasarse á actividade política. Ou fracasan electoralmente como sucedeu co M-19 no 1992, ou son víctimas permanentes da ameaza, a persecución ou a violencia.

A guerrilla, consciente da súa debilidade política e a súa forza militar, engade máis presión con asaltos a cuarteis, instalacións petroleiras e eléctricas, secuestros etc.

As autodefensas respostan coa súas característica "razzias" colectivas. A sensación de caos e impotencia apodérase da sociedade civil.

As masivas manifestacións reclamando unha negociación urxente e o cese da violencia e o reanudamento das negociacións de paz, sacan ao proceso de paz da vía morta na que levaban dez meses. Mais ninguén se atreve prognosticar unha viaxe cara a Paz sen descarrilamentos.