A pequena gran victoria de Lagos

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O virtual presidente de Chile conseguiu crebar na 2ª volta a permanente tendencia alcista do exitoso alcalde de Las Condes e candidato pinochetista Joaquín Lavín Infante, que tocou cos dedos a gloria do triunfo, cando hai menos dun ano estaba desafiuzado polas enquisas.

Un dato curioso e relevante extráese das recentes eleccións. Se en Chile só votasen ás mulleres, os resultados serían exactamente os mesmos que computando ao total da poboación, 51,3 % contra 48,6%. Mais existe unha significativa diferencia, o gañador sería Lavín.

A estreita victoria do candidato socialista da Concertación, que só lle sacou 187.000 votos ao opositor Joaquín Lavín, ten unha vital transcendencia para soltar o lastre que aínda non permite lanzarse ao voo libre, para vivir en plenamente a liberdade, nun país onde a democracia non supera o limiar da normalidade. A existencia da Concertación, un estrano bloque electoral que aglutina baixo as mesmas siglas a partidos que en boa lóxica democrática serían contrincantes, como a Democracia Cristiana e o Partido Socialista, só se explica pola fraxilidade do réxime de liberdades chileno.

A gran importancia, desta pequena victoria, está no modelo a seguir para abordar a segunda transición que tanto Lavín e Lagos aspiraban a pilotar.

O aclamado alcalde de Las Condes, anhelada pasar á historia como o Adolfo Suárez chileno. Provén, coma o político abulense, do vello réxime, foi dirixente do partido máis abertamente pinochetista, a UDI, pero só con Pinochet na distancia puido alonxarse do seu espírito, xurando e perxurando a súa conversión. Ate o punto de enfadar aos sectores máis duros cando, logo de recibir, por sorpresa, o envelenado regalo de Jack Straw, anunciando a inminente volta de Pinochet, ao verse obrigado a declarar que o dictador debería enfrontarse coa xustiza do país. Con Pinochet na casa, a repentina viraxe da dereita cara ao réxime de liberdades é menos crible. Os seus intentos de achegarse aos colectivos que traballan nos DD.HH.ou de manifestar o desexo de pasar a páxina negra, foron estériles; aínda que o situaron ás portas do ceo, acadando uns resultados impensables para a dereita hai menos dun ano.

Joaquín Lagos era, ate o outono, o único líder capaz de ilusionar a unha sociedade queimada, por mor da crise xestionada polo outro polo da concertación, a Democracia Cristiana. O seu éxito é indubidabel, hai tres ou catro anos o apoio electoral que recibía o PS nas lexislativas e municipais apenas sobrepasaba o 10%.

Noqueado o 12-D, recobrou folgos para rabuñar 294.000 novos votos entre os abstencionistas ou entre os 293.000 liberados polos comunistas, verdes e humanistas, eliminados na primeira volta.

A apretada victoria permite a continuidade no poder por terceira vez consecutiva da mesma alianza política. Todo un record ,só acadado outra vez neste século.

Favorecido polas boas espectativas económicas que se pronostican para o 2000, cun crecemento económico previsto de entre o 4 e o 6%, debe afrontar fortalecido, as reformas constitucionais para eliminar a tutelaxe militar e sacudirse anacronismos coma o Consello de Seguridade Nacional ou os senadores vitalicios que distorsionan a vontade popular.

Vergoñentos capítulos como os acontecidos en 1982 cando o maxistrado Carlos Cerdá procesou a cinco xenerais pola desaparición de 13 dirixentes comunistas non deben voltar a suceder. Os militares foran amnistiados e o xuíz penalizado con dous meses de suspensión de emprego e soldo, pola súa ousadía. A xustiza debe ter agora expedito o camiño para pescudar na verdade histórica e continuar o precursor labor dos maxistrados Sergio Munoz, Hugo Dolmestch, Milton Juica ou Juan Guzmán.