A primeira revolución do 2000, en marcha

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

En Ecuador nada permanece inmóbil. Axítanse e treman tanto os soportes físicos coma os sociais. Mais non é a virulenta erupción do volcán Guagua Pichincha á que ocupa as portadas dos xornais, senón a crecente onda de protestas contra a crítica situación económica do país. Pende dun fio a cabeza do presidente Jasmil Mahuad, quen xa decretou o estado de excepción. Os aíres da embrionaria revolución xa se perciben. As clases suspendidas, os militares nos cuarteis, os taxistas bloquean as cidades, as rúas énchense cada día de manifestantes…

Diversos sectores sociais como a poderosa CONAIE (Coordenadora Nacional Indíxena do Ecuador), ou a Fronte Patriótica manteñen un crecente pulso co goberno que terá o seu punto álxido o día 15, data na que está convocada unha xigantesca manifestación, co obxectivo de provocar a caída do presidente e a creación dun atípico Goberno Patriótico de Unidade Nacional, no que estean representantes dos diversos sectores sociais, das igrexas e das Forzas Armadas.

"Ecuador é un volcán", "Mahuad a un paso do abismo", "O goberno contra da parede", "¿Hai ventos golpistas?", "O país camiña cara debacle"…, titulares e editoriais, todos eles, dos xornais ecuatorianos que se serven para calibrar a magnitude do conflicto social.

O presidente Jasmil Mahuad sinte a soidade da impotencia e do abandono progresivo dos seus soportes. Busca, sen éxito, o apoio das Forzas Armadas dar un autogolpe a imaxe do "Fujimorazo" no 92. O vicepresidente Gustavo Noboa parece preso dun repentino ataque de mutismo selectivo que o distancia do presidente e, ao tempo, o postula como candidato oficialista alternativo. O influínte bloque Cordes, de pouca representación numérica pero de enorme peso ideolóxico como centro de estudios e investigacións políticas, sociais e económicas, tamén se alonxa do goberno. Algúns sectores empresariais piden abertamente a renuncia de Mahuad. O mesmo que fan os ex-presidentes León Febres ou Rodrígo Borja. A Coalición parlamentaria PSC (Partido Social Cristiano)- DP (Demócrata-Popular), que ata hai pouco funcionou coma unha implacable apisoadora, está definitivamente avariada, incapaz de articular unha maioría parlamentaria estable.

Dezaseis meses de mandato de Mahuad teñen sumido ao país nunha grave crise económica recoñecida sen zaragalladas polo presidente na súa mensaxe de fin de ano ao cualificar o 1999 coma "…un dos peores da historia de Ecuador".

Segundo dados do INEC (Instituto Nacional de Estatística do Ecuador) 1999 pechouse cunha inflación do 60,7%, quince puntos por riba da do ano pasado, a máis alta de toda América Latina. Tamén o ano que ven de rematar, rexistra a nefasta plusmarca da maior recesión económica do século cun "7,3%. A taxa de desemprego medrou en tres puntos ata situarse no 14,4%, especialmente grave nun país onda o 56,9% das persoas que posúen traballo fano nunha condicións de subemprego. O salario mínimo minguou dende os 83 dólares ata os 60 e a moeda oficial, o sucre, caeu polo precipicio sen fondo da depreciación. Se a comezos de ano 1 dólar equivalía a 6.902 sucres, o 30 de decembro eran precisos 20.925 para mercar o mesmo dólar. Onte, preso da desesperación, o presidente dedidiu dolarizar a economía fixando a paridade en 25.000 sucre.

As opcións abertas ante o magno proceso de mobilización social son catro:

  • O presidente pode seguir no poder co apoio das forzas militares e co beneplácito implícito e xa manifestado dos EEUU.
  • Renuncia do presidente e acceso ao poder por mecanismos constitucionais de Gustavo Noboa, o actual vicepresidente que garantiría o continuísmo.
  • Renuncia do presidente e do vicepresidente, coa chegada de un goberno de concentración e unidade nacional ou un goberno de notables.
  • Golpe de estado e acceso dos militares a un poder transitorio de emerxencia. Un dato avala esta hipótese, o ex-embaixador dos EEUU, Lesly Alexander, ten manifestado en Nova Iorque que os militares ecuatorianos están preparados para asumir a dirección do país.

Os diversos colectivos que axitan a sociedade para provocar a caída do presidente, polarízanse en dous conglomerados: a Fronte Patriótica, que aglutina a traballadores, mestres/as, labregos, pequenos empresarios, e a CONAIE (Coordenadora Nacional de Indíxenas do Ecuador). Ambas as dúas manteñen e propostas programáticas distintas, mais converxen tanto nas datas da mobilización e coma nos dous obxectivos finais: A disolución dos tres poderes do Estado e a formación dun goberno democrático popular.

A FP non dubidou en sentarse a falar cos militares e xerarquías eclesiásticas para explicarlles os seus puntos de vista para dar solución á crise e expoñer o seu programa. Pretenden convidalos a participar nun governo alternativo ao actual, que consideran entregado á banca privada e preso do FMI, integrado por organizacións sindicais, labregas, indíxenas, populares, A Igrexa, As Forzas Armadas, medianos e pequenos productores e partidos políticos progresistas.

Do "Programa para o Novo Ecuador" deseñado polos dirixentes da FP, descatan as seguintes propostas, coincidentes en grande parte cos principios expostos na Constitución Bolivariana de Venezuela:

  • Oposición as privatizacións e defensa da industria nacional estatal.
  • Moratoria no pago da débeda externa.
  • Manter a saúde, a educación e a vivenda coma servizos obrigados do estado.
  • Conxelación dos prezos dos productos básicos, dos combustíbeis e dos servizos públicos.
  • Loita, sen cuartel, contra da corrupción.
  • Devolución dos depósitos particulares conxelados no poder da banca.
  • Destitución do poder xudicial e substitución por outro íntegro.
  • Un novo poder lexislativo con presencia de traballadores, indios, negros, labregos e mestres de todas as provincias e rexións.
  • Defensa da soberanía nacional e expulsión das bases militares norteamericanas.

Dende a CONAIE mantense unha dialéctica máis revolucionaria, de aberta ruptura coa actual orde democrática e retómase a terminoloxía do "Home Novo" que vira a luz na Revolución Soviética. Acentúan as súas demandas nunha nova articulación territorial do Estado e na participación popular.

Nunha innovadora concepción do poder, están constituíndo os autodenominados "Parlamentos Provinciais" que deliberan e elaboran novas propostas en cada concentración.. O día clave para saber a dimensión da revolta vai ser o 15 de Xaneiro, data na que está convocada unha magna concentración diante do Pazo Presidencial de Carondelet, onde se constituirá un Parlamento Nacional Indíxena que debe elaborar unha Resolución final.

O Goberno Mahuad da conta de evidentes mostras da agonía, con bandazos alternativos. De enerxía tinguida de autoritarismo -coa que ser caracterizan os seres débiles " ou de con concesións políticas de carácter social.

Por unha banda, na simbólica noite de reis, sen un claro amparo legal e co fin de impedir as protestas, decretou o Estado de Emerxencia ao suspender tres dos dereitos fundamentais, ante a alarma das organizacións de DD HH; O de concentración e reunión política, o de manifestación e o de inviolabilidade dos domicilios.

Pola contra, alonxándose do rigor monetarista imposto polo tecnócratas neoliberiais que levou ao desastre económico aos 12.400.000 ecuatorianos; escórase cara ao progresismo e manifesta a súa disposición a descentralizar o poder, creando gobernos autonómicos. Promete unha orxía de investimentos en infraestructuras (petrolíferas, sector eléctrico, estradas…). Anuncia a devolución dos depósitos conxelados. Asegura ter preparados xenerosos programas de becas para a educación e alimentación dos nenos/as pobres. Asegura que creará un bono de vivenda popular. Asevera que mensualmente se entregarán pensións asistenciais a grupos marxinais…

O creto de credibilidade co que conta Jamil Mahuad é ínfimo. O día 15 saberase se a primeira revolución do século 2000 muda o destino do pobo ecuatoriano, se existe un cambio nominal sen cambios de orientación política ou se as rancias receitas do militarismo autoritario toman as rendas do poder.

Da forza dos desafiantes manifestantes, en marcha, vai depender o resultado.