Haberá uns trinta anos, tres famosos cómicos ingleses – ún alto e fachendoso, outro de mediana estatura e ben mantido e un terceiro baixiño e comedido – postos diante do público, mantiñan un breve diálogo. O alto dicía, máis ou menos, “eu ollo de enriba embaixo a estes dous porque eu sou de clase alta”. O mediano dicía: “eu ollo a éste de embaixo arriba, mais ollo de enriba abaixo a este outro porque sou de clase media”. O baixiño ollaba aos outros dous e dicía: “eu sei o meu lugar”.
Eran tempos en que na Gran Bretaña falábase de que xa era hora de superar a loita de clases e dar paso a unha sociedade máis igualitaria. Ao longo dos anos, chegouse a ter o convencimento de que, efectivamente, tíñase acadado unha sociedade aberta e, máis ou menos, igualitaria; e que as diferencias nesa sociedade non eran de clase, senon de raza (consecuencia da masiva chegada de inmigrantges da vella Commonwealth) ou de sexo.
É por iso que resulta chocante a publicación dun conxunto de ensaios baixo o título “A quén lle importa a clase traballadora branca?”1. A mensaxe fundamental – según o director da publicación – é a de que a clase volta a ter importancia decisiva. “O que esta obra nos ensina – dí – é que as posibilidades que hoxe se lles ofrecen aos nenos están abrumadoramente vencelladas aos ingresos, ocupacións e nível de estudos dos seus pais; dito de outro modo, á clase”.
A tese que informa a obra enteira é a de que o trunfante pensamento neoliberal tén, como unha das suas características, unha crecente tolerancia da desigualdade económica xunto cunha crecente intolerancia cara á discriminación racista, sexista ou homófoba. Como escribe un comentarista, as universidades son un bon exemplo: son moito menos racistas e sexistas que hai 30 ou 40 anos, mais, ao mesmo tempo, son más elitistas. A mente neoliberal ve con ledicia que médicos, profesores ou xuristas negros, indios ou pakistaníes entren a formaren parte dos níveis altos da clase media porque – estiman os neoliberales – a diversidade é boa para os negocios. Mais unha elite diversificada non é menos elitista pola sua diversidade e, como resposta á demanda de igualdade, lonxe de ser un obxetivo da esquerda, é política de dereitas.
Os autores participantes no libro entenden o rexurdimento da clase, non como función da crecente inxusticia de clase (o coeficiente GINI de desigualdade é máis favorable agora que cando Margaret Thatcher chegou ao poder), senon como función da crecente inxusticia do “clasismo”. O que censuran non é o feito da diferencia de clase, senon o “desprezo” con que se trata á clase inferior.
Unha ilustración do “clasismo” é a que presenta unha colaboradora do libro, Beverley Skeggs, coa experiencia dunha das persoas de clase traballadora que compoñen o seu núcleo de estudo. Trátase dunha xoven e varios amigos seus que visitan unha “boutique” de chocolates na cidade de Manchester e comentan con risas cántos bombóns poderían comer se tiveran cartos para mercalos, ata que unha compradora óllaos de tal xeito que lles fai entender que ela ten direito a estar na “boutique” e que eles están fora de lugar. O que Beverley Skeggs sinala non é o feito de que algúns teñan cartos para mercar os bombóns e outros non, senon o de que aquéles – personificados na compradora – desprecien aos que non poden mercalos.
O director da obra, Kjartan Páll Sveinsson afirma que as clases traballadoras brancas sofren diversas discriminacións: polo seu acento (cousa sempre importante en Inglaterra), polo seu estilo, polos alimentos que comen ou polas roupas que visten. Compre non pensar que estamos diante dun supremacista branco do British National Party. O que se dí da situación dos traballadores brancos aplícase tamén ao resto de etnias que hai no país englobadas no concepto da “cultura da clase traballadora”. O que acontece é que a eliminación da discriminación racial, sexista ou homófoca non altera a natureza dun sistema que xenera grandes números de postos de traballo non especializado, mal remunerados e precarios.
A organización editora do libro, Runnymede Trust, foi creada en 1968 co propósito de promover unha sociedade británica multiétnica e culturalmente diversa. Agora, nesta colección de ensaios, fai unha especie de autocrítica a partir da premisa de que non abonda con ter acadado a diversidade étnica e cultural e de ter gañado (ou pouco menos) a batalla contra a discriminación racial, porque a clase divide novamente á sociedade. A igualdade racial esixe respecto polas diferencias raciais, mais a igualdade de clase esixe a eliminación das diferencias de clase. E, como no caso do cómico baixiño do “sketch”, hai actitudes e situacións que lle marcan á “clase traballadora” o lugar que lle corresponde na sociedade, non só na británica, senon na de todo o chamado mundo desenvolvido.
1 Who Cares about the White Working Class?, dirixido por Kjarten Páll Sveinsson. Runnymede Trust, 2009.