20070102 ban ki moon

A quenda de Ban Ki-Moon

 Ban Ki-Moon, clic para aumentar
Erguer valados ao avance da pobreza e dos desequilibrios debería ser a máxima do mandato de Ban Ki-Moon. E sabedores das limitacións dos estados, só así será se a propia sociedade civil é quen de mobilizarse para esixir que cumpran coa palabra dada.
 

O novo secretario xeral da ONU anunciou o que serán as prioridades do seu mandato: a reforma da organización, o restablecemento da confianza mutua entre os países membros e o fortalecemento da capacidade administrativa do propio organismo. Esas preocupacións, que revelan un interese moi centrado nos asuntos "internos", deberán acomodarse nunha axenda internacional na que os problemas relativos ao mantemento da paz en diferentes rexións do mundo (Oriente Medio, África, Asia Oriental, etc) esixirán unha atención continuada e agardemos que con un nivel de resultados maior ao precedente, se ben o éxito é unha clave que non está en mans exclusivas do titular da ONU.

Non obstante, habida conta que o habitual é que cada secretario xeral desenvolva un par de mandatos, a década de Ban Ki-Moon debería estar marcada polo in-cumprimento dos Obxectivos do Milenio, aprobados no Cumio de 2000. Trátase dun compendio de obxectivos elementais en materia de redución da pobreza, educación, igualdade de xénero, protección ambiental, saúde pública, etc, que, a día de hoxe, non van por moi bo camiño. Ban terá ao seu favor que as forzas conservadoras en EEUU están perdendo influencia e iso pode permitir que o papel da ONU gañe en importancia na política internacional e que o piar central da súa axenda non atenda en exclusiva ás preocupacións dos países ricos (o terrorismo e a proliferación nuclear) senón tamén ás angustias dos pobres (desenvolvemento).

O programa de reformas de Kofi Annan, o máis ambicioso dos últimos tempos, quedou formulado nos seus trazos xerais, pero foi minimamente aplicado. Centrar o mandato de Ki-Moon en implementar eses obxectivos pode satisfacer á diplomacia onusina e a moitos estados máis ou menos poderosos, pero pouco pode contribuír a aliviar as tensións profundas dun sistema internacional que segue a ter na exacerbación das desigualdades o foco de maior tensión. Erguer valados ao avance da pobreza e dos desequilibrios debería ser a máxima do mandato de Ban Ki-Moon. E sabedores das limitacións dos estados, só así será se a propia sociedade civil é quen de mobilizarse para esixir que cumpran coa palabra dada.