A raia reclama máis protagonismo a Madrid e Lisboa

A XXX Cimeira Ibérica, co debate aberto dun novo tratado que teña máis en conta á cidadanía da fronteira, permite constatar como Galicia e o Norte de Portugal acolleron xuntas menos reunións, oito, que a Meseta soa, dez.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

A XXX Cimeira Ibérica, co debate aberto dun novo tratado que teña máis en conta á cidadanía da fronteira, permite constatar como Galicia e o Norte de Portugal acolleron xuntas menos reunións, oito, que a Meseta soa, dez.

O 11 de novembro de 1983 o primeiro ministro socialista portugués Mario Soares recibía en Lisboa ao presidente socialista español Felipe González, acompañados dos seus respectivos gobernos, no que supuña a primeira Cimeira Ibérica. 35 anos despois o próximo 21 de novembro Valladolid acollerá a edición número 30 deses encontros ao máis alto nivel que neste tempo, máis aló do seu contido concreto, veñen servindo para que unha vez ao ano (ou case) Madrid e Lisboa sexan conscientes de que os dous estados están máis separados nas súas capitais que na raia que comparten millóns de persoas da Guarda e Caminha ata Vila Real e Ayamonte. Porén, non sempre esas reunións se achegaron á “fronteira máis antiga de Europa”, que segue a reclamar maior protagonismo.

Nestes 30 anos de cimeiras, con 15 organizadas por cada estado, Galicia só acolleu dúas, en 2004 en Santiago e en 2015 en Baiona. Toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a terceira máis antiga do continente e con anos previos de colaboración mutua, acolleu un total de oito, con seis na rexión Norte de Portugal a sumar ás dúas galegas. Esa cifra é superada por todas as cimeiras que só España decidiu celebrar na Meseta: catro en Madrid, tres en Castela e León incluída a deste ano e outras tres en Estremadura. España mesmo levou dúas cimeiras a lugares tan afastados de Portugal como Palma de Mallorca e Valencia, mentres que Lisboa fixo o mesmo en Açores e Madeira.

A celebración do encontro deste ano en Valladolid parece supoñer tanto un recoñecemento do novo Goberno central ao alcalde da cidade, Óscar Puente, portavoz ao tempo da executiva socialista estatal, como ao progresivo interese que nos últimos anos veu amosando Castela e León pola cooperación transfronteiriza. Ese é tamén un dos factores que veu contribuíndo a que o Goberno galego fose diluíndo o peso político da súa histórica eurorrexión co Norte de Portugal en favor da nova macrorrexión na que Castela e León pasou a ser o terceiro socio.

Nos últimos anos, a cimeira de Baiona de 2015 supuxo polo limitado alcance do seu contido un certo parón acrecentado pola non celebración do encontro en 2016. No de 2017 en Vila Real puxéronse sobre a mesa novos retos en materias como a coordinación das emerxencias ou a mellora das comunicacións por fibra óptica e ferrocarril e, sobre todo, a necesidade de avanzar na sinatura dun novo tratado de cooperación transfronteiriza que supere o actual, o de Valencia de 2002. Nesa cuestión veñen traballando nos últimos meses os dous gobernos, aos que a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), coordinadas polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, vén reclamando que o novo acordo teña máis en conta a cidadadanía e permita que o propio tratado se converta “en fonte de dereito transfronteirizo, especialmente na creación de entidades con personalidade xurídica, que deben dispor dun réxime xurídico e fiscal propio que atenda á súa natureza de ámbito supranacional”.

A nova cimeira chega tamén nun momento en que os dous gobernos estatais volven ser socialistas e con dous primeiros ministros, António Costa e Pedro Sánchez, que veñen amosando a súa complicidade mutua. Un cambio a respecto do desdén que viña amosando o PP español cara ao Goberno portugués de Costa sustentado polo Bloco de Esquerda e o Partido Comunista Portugués. Porén, como nos últimos 35 anos, está por ver como de rápido ou lento acaban repercutindo as verbas diplomáticas dos gobernantes na vida diaria da raia.