Se analizamos os actores principais do golpe, os apoios civís, o papel activo dos medios de comunicación, os pronunciamentos internacionais… podemos xa armar boa parte do crebacabezas da conspiración deseñada dende hai meses, tal como avanzamos en novembro no Canal Mundo de Vieiros.
Embaixadores recén chegados a Caracas con amplas experiencias desestabilizadoras en Centroamérica, altos militares formados na Escola das Américas, medios de comunicación implicados, empresarios á cabeza, manifestos das potencias estranxeiras… foron pezas necesarias para axitar cara á definitiva confrontación final, á xa dividida sociedade Venezolana.
Antonte, preguntábase o editorialista do The New York Times, Tim Weiner, ¿Cando un golpe é, en verdade, un golpe? Para respostar a pregunta tivo que votar man dos manuais da polítoloxía que recollen os precedentes en Latinoamérica e finalmente concluír: " Un golpe é un golpe, sempre e cando Washington diga que é un golpe, namentres non".
No momento no que a multitude convocada pola alianza contranatura de Carlos Ortega-Pedro Carmona (CTV-Fedecámaras), seguindo as consignas dos líderes que encabezaban a protesta, abandonou o seu destino final previsto en Chuao, na sede de PDVSA (Petróleos de Venezuela SA) para dirixirse a toma do Palacio de Miraflores eran sabedores de que situación non tiña retorno, e só dúas saídas eran posíbles, ambas as dúas autoritarias: ou o golpe de estado ou o autogolpe bolivariano.
Poderíamos empregar boa parte do artigo en virarnos cara Hugo Chávez como co-responsable co clima de crispación e división que vive o país, como xa temos feito noutras ocasións, pero hoxe non toca. É primoridial agora de repasar quen ten aprendida a lección dos golpes de estado.
Entre os estados que saudaron efusivamente o Golpe de Estado, sobresaen os representantes das dúas grandes potencias mundiais: EEUU e a UE. O Ministro de Exteriores Josep Piqué manifestara concluínte: "todos iamos vendo como a situación volverase insostible, e a posición do Presidente Chávez estaba cada vez con menos apoios institucionais, populares e cun rexeitamento crecente da poboación". O primeiro xefe de Estado que se puxo en contacto telefónico co Golpista Pedro Carmona, para ofrecerlle a súa colaboración, foi o presidente de quenda da UE, José Mª Aznar, quen enviou ao embaixador en Caracas Manuel Viturro a entrevistarse con presidente usurpador da legalidade democrática.
Desconcertado polo inesperado desenlace do cuartelazo e coa Re-volta de Chávez, o Voceiro do Departamento de Estado só acertou a dicir: "estamos consternados pola situación e seguémola coidadosamente". Máis locuaz estivera antes Administración norteamericana na chegada, polo atallo do Golpe de Estado, á Presidencia Venezolana do xefe da patronal empresarial Carmona Estanga. Daquela culpara a Hugo Chávez da súa caída e felicitando ás Forzas Armadas por telo destituído.
Quen non precisaron moito tempo para sinalar como Golpe de Estado o acontecido con Hugo Chávez, foron os Presidentes das nacións que teñen máis fresca a lección dos golpes de estado nas dictaduras latinoamericanas Ricardo Lagos, Eduardo Duhalde e Alejandro Toledo: Chile-Pinochet (1973), Arxentina- Videla (1976), Perú-Fujimori (1992).
En xeral, agás o caso de Colombia, a maioría dos países de Latinoamérica condenaron enerxicamente a ruptura da normalidade democrática . Na reunión da OEA (Organización de Estados Americanos) os diplomáticos rexeitaron os argumentos dos EEUU, que negaban a existencia do golpe, e mesmo estaban decididos a estrear a Carta Democrática de Lima asinada o 11 de setembro de 2001, para illar Venezuela por ter rachado a orde constitucional.
Nun calculado termo medio situáronse Rusia, China, Portugal e Italia que demandaban un pronto restablecemento democrático en Venezuela, admitindo colateralmente a existencia dunha creba democrática. Os estados europeos máis enérxicos co golpe foron Gran Bretaña e Francia.
Quizais se poida entender a tibieza Occidental diante do atropelo a representatividade lexítima do pobo no país caribeño, en base a que non lle perdoan a Hugo Chávez que borrase do mapa electoral ás dúas grandes correntes do pensamento político internacional: Socialcristiana-conservadora e socialdemócrata.
Para tentar entender que xornais, do prestixio de El País utilizasen, o primeiro día de Carmona, eufemismos como Goberno interino, gabinete cívico-militar, goberno de transición para obviar conscientemente o termo golpe de estado, non ten unha explicación coherente.
No interior de Venezuela tanta axitación tiña xa decantados dende hai meses aos contendentes.
A folga en PDVSA (Petróleos de Venezuela) foi unha folga política para acabar con Chávez, tal como a consideraban os propios líderes opositores convocantes.
Aparentemente o desencadeante da crise fora a negativa dos destituídos directivos de PDVSA a dimitir e abandonar a empresa. Certo que o control desta xigantesca corporación petroleira, situada entre as 10 máis importantes do mundo, que dispón de 6 refinerías e 14.000 gasolineiras nos EEUU, que produce 2.430.000 de barrís diarios de cru, que sitúa a Venezuela como o cuarto país exportador de petróleo do mundo, que recada o 50% das exportacións… semellaba ser un motivo de peso para a para a dura pugna pola súa administración e mando.
Pero a extensión da folga a toda a sociedade, financiada pola patronal empresarial, non tiña explicación laboral, senón que formaba parte do crebacabezas do golpe.
Da conspiración virtual na que os grandes medios apoiaron o Golpe, é elocuente o premeditado silencio sobre a represión con mortos e feridos sobre os simpatizantes chavistas durante o fugaz goberno de Carmona, a falta de información sobre as marchas e manifestacións de partidarios do oficialismo bolivariano. Cando pola contra o xoves facían unha exhibición e despliegue informativo sen precedentes sobre a multitudinaria marcha dos opositores a Chávez.
Dos editoriais de apoio a Carmona… teremos tempo para falar máis de vagar.