Un modelo institucional esgotado
A Quinta República francesa, concibida por Charles de Gaulle en 1958 para achegar estabilidade tras o caos parlamentario da IV República, atópase hoxe en crise sistémica: as súas fendas e debilidades están á vista en Francia e no exterior. O hiperpresidencialismo, a extrema centralización do poder e o peso case monárquico do xefe de Estado están hoxe obstaculizando responder ás necesidades dunha sociedade plural, politizada. É hoxe un sistema político esgotado e anticuado fronte ao que os franceses se senten impotentes, denotando un evidente déficit democrático. Trátase do resultado dunha arquitectura institucional erosionada polas crises encadeadas das dúas últimas décadas e media, que foron debilitando de maneira estrutural os piares sobre os que se ergue o monumental edificio da Quinta República. Isto lévanos a preguntarnos abertamente se o sistema está definitivamente superado e se cómpre artellar un novo inmoble máis sólido e acorde co contexto político actual, en acordo cos novos valores e anhelos da sociedade (máis participación, máis eficiencia, menos rituais) e de estilo semellante ao dos seus veciños europeos como Italia, España e Alemaña. Esta análise repasará a decadencia institucional da V República desde a óptica da sucesión de crises e golpes de efecto entre o ano 2000 e a parálise gobernamental de 2025, para finalmente propoñer tres principios de reforma: proporcionalidade, descentralización e parlamentarismo.
Do quinquenio e o “shock” de 2002 á erosión da bipolaridade
No ano 2000, Francia puxo en marcha unha reforma institucional decisiva: a redución do mandato presidencial de sete a cinco anos —fin do septenato— e a sincronización das eleccións presidenciais e lexislativas. O obxectivo era evitar as cohabitacións (un Presidente dunha forza política e un Primeiro Ministro doutra, algo frecuente até entón) e garantir ao xefe do Estado unha maioría lexislativa case automática, algo que se cumpriu con precisión até 2022. En realidade, esta modificación supuxo outorgar aínda máis protagonismo e poder ao Presidente da República, que xa posúe un nivel de autoridade institucional practicamente incomparable no contexto europeo.
O primeiro beneficiario foi Jacques Chirac: tras a súa reelección en 2002, as lexislativas celebradas de inmediato déronlle unha cómoda maioría parlamentaria. Porén, aquela reforma sementou problemas a longo prazo. A coincidencia temporal entre ambos comicios acabou privando a Asemblea Nacional da súa lexitimidade propia e do seu papel de contrapeso: os deputados, elixidos a rebufo do presidente, convertéronse en simples “soldados” da súa folla de ruta. As eleccións lexislativas pasaron a ser de segunda orde (supeditadas as eleccións presidenciais, con campañas que non son máis que a prolongación da primeira).
A consecuencia esperada non tardou en chegar, cunha crecente abstención: nas lexislativas de 2017, o 50 % do electorado abstívose, e con apenas o 24 % dos votos, Emmanuel Macron obtivo 314 escanos, un exemplo claro da distorsión maioritaria que desvirtúa a representatividade do sistema. Tal automatismo do voto lexislativo tras a presidencial foi cualificado por Olivier Rouquan como un “desequilibrio institucional”, xa que desactiva o binomio Primeiro Ministro–Parlamento en beneficio dun hiperpresidencialismo problemático. Ademais, priva o sistema dunha válvula de escape político cando o mandato presidencial é posto en cuestión —como acontece, por exemplo, coas midterm elections nos Estados Unidos.
Eis aquí o primeiro elemento, o primeiro gran golpe ao deseño institucional e político de 1958.
Moi pouco despois da adopción do quinquennat no ano 2000, Francia viviu en 2002 un auténtico terremoto político que poucos souberon anticipar. A inesperada clasificación do ultradereitista Jean-Marie Le Pen para a segunda volta das presidenciais provocou unha alarma social sen precedentes e deu lugar a un voto masivo en clave de rexeitamento, non de adhesión, arredor do candidato non-FN/RN: Jacques Chirac, reelixido con máis do 82 % dos votos.
Aquel “shock do 2002” inaugurou unha longa etapa —que chega até hoxe— na que a vida política francesa gravita de maneira constante arredor do medo á extrema dereita, sexa polo crecemento en enquisas como pola acumulación de éxitos nas eleccións. Os partidos tradicionais, desconcertados ante o avance do FN/RN e a desafección cidadá, comezaron a oscilar ideoloxicamente e a reformular os seus discursos coa esperanza de frear a fuga de votos cara á ultradereita ou cara á abstención.
Durante o seu segundo mandato, Chirac gobernou con inmobilismo, desaproveitando a lexitimidade extraordinaria que lle outorgara o electorado de esquerdas no ballottage. O desencanto coa “partitocracia” medrou de forma sostida ao longo desa década, e tanto a abstención como o voto extremo instaláronse en niveis estruturalmente altos, converténdose en trazos permanentes do sistema político francés.
Velaquí o segundo gran sobresalto.
Sarkozy e Hollande: hiperpresidencialismo e decadencia dos partidos
As presidencias de Nicolas Sarkozy (2007–2012) e François Hollande (2012–2017) estiveron marcadas por estilos e resultados opostos, mais en ambos casos acentuaron a crise de lexitimidade do sistema e unha crecente perda de peso dos partidos fronte á figura presidencial. En paralelo, continuou a operación de sedución do electorado FN/RN, cunha axenda política e lexislativa centrada na orde, a seguridade e o medo.
Sarkozy foi o primeiro en recibir o alcume de “hiperpresidente”: concentrou a iniciativa política no Elíseo, eclipsou completamente ao Primeiro Ministro (François Fillon) e gobernou a golpe de protagonismo mediático e decisións persoais. A reforma constitucional de 2008, impulsada por el, reforzou aínda máis o carácter presidencialista do réxime, ao permitirlle, por exemplo, comparecer directamente ante o Parlamento reunido en Congreso, á vez que introduciu certos contrapesos, como a limitación a dous mandatos consecutivos, inspirada no modelo estadounidense.
Paradoxalmente, esta última medida acabou debilitando a autoridade presidencial a medio prazo: un presidente no seu segundo mandato convértese nun “parrulo manco” (lameduck), sen incentivos electorais e con marxe política decrecente, especialmente cando o seu propio partido carece de vida autónoma fóra da súa figura. Durante o seu quinquenio, Francia gozou dunha maioría parlamentaria dócil —froito, de novo, da sincronización electoral—, pero a deriva personalista e certos excesos no estilo de mando erosionaron rapidamente a súa popularidade. En 2012, Sarkozy non logrou ser reelixido, un feito inédito para un presidente saínte na V República, síntoma de que o “síndrome do hiperpresidencialismo” comezaba xa a xerar un rexeitamento social amplo.
François Hollande, pola súa banda, inaugurou unha novidade significativa na democracia francesa: as primarias abertas. Co obxectivo de relanzar a esquerda tras os malos resultados de Ségolène Royal en 2007 —quen tamén introducira a orde, a seguridade e o medo como eixes da súa campaña—, o Partido Socialista organizou por primeira vez un proceso aberto para escoller candidato. Hollande, gañador das primarias e logo das eleccións, chegou ao poder prometendo unha “présidence normale”, en contraste co estilo hiperactivo e personalista de Sarkozy. Porén, o seu mandato afondou na crise dos partidos tradicionais. Gobernou co apoio do Partido Socialista e dos seus aliados, mais viuse minado por divisións internas, dimisións sucesivas e un crecente sector crítico no propio grupo parlamentario, que acabou por desgastar o seu liderado. As propias primarios aceleraron a aparición de contendentes ao posto de Presidente quen, desde os ministerios, facían campaña por eles no canto de remar a favor das decisións dun goberno colexiado. Foi nese contexto cando o seu ministro de Economía, Emmanuel Macron, presentou unha plataforma política independente, En Marche!, rompendo definitivamente coas estruturas partidarias clásicas: algo nunca visto ata entón na V República. Aínda que Hollande tentou rebaixar o ton presidencial e devolver protagonismo ao Primeiro Ministro e ao Consello de Ministros, ese esforzo de humildade se converteu nunha debilidade que o colocou á mercede dos seus propios ministros e deputados. para restaurar a confianza cidadá. O seu quinquenio rematou con mínimos históricos de popularidade e coa implosión do Partido Socialista, reducido ao 6 % dos votos e ao cuarto posto na primeira volta das eleccións de 2017. O propio Hollande renunciou a presentarse á reelección, un feito sen precedentes para un presidente incumbente na V República, debido á súa extrema debilidade política e á fragmentación do seu espazo electoral.
En síntese, durante a década 2007–2017 o sistema mantivo estabilidade institucional formal — non houbo crises de goberno nin cohabitacións—, mais sufriu un descrédito progresivo das forzas de goberno (gaullistas e socialistas) e unha fatiga democrática que prepararon o terreo para unha ruptura total no ciclo electoral seguinte. O quinquenio, pensado para reforzar a estabilidade, acabou por atomizar a vida política francesa en clave persoal, relegando os partidos a un segundo plano e convertendo as eleccións nun xogo de liderados individuais e plataformas ad hoc. Só á luz dese proceso pode comprenderse plenamente o fenómeno Macron / En Marche! de 2017 e a situación actual.
Continuará a próxima semana

