Fonte fotografía: Wikimedia. Vista do interior do hemiciclo da Asemblea Nacional de Francia.

A República espida (II)

A “revolución” macronista: tecnocracia lonxe dos partidos e malestar democrático

As eleccións de 2017 confirmaron certa ruptura definitiva coa orde política anterior. Emmanuel Macron, un exministro centrista sen estrutura partidaria tradicional, soubo capitalizar a crise do bipartidismo e liderar unha “revolución electoral” tan inesperada como fulgurante. Co seu novo movemento, La République en Marche (LREM) —de perfil tecnocrático, transversal e deliberadamente antipartidario—, Macron obtivo a presidencia fronte a Marine Le Pen, tanto polos seus propios méritos como polos deméritos da candidata ultradereitista, cuxa campaña errática na segunda volta consolidou o voto de rexeitamento. Ao mesmo tempo, a súa vitoria pulverizou a representación dos partidos históricos, tanto o Partido Socialista (PS) coma os Republicanos (LR), que ficaron reducidos a meras forzas testemuñais. A posterior maioría absoluta de LREM na Asemblea Nacional (314 escanos) edificouse sobre candidatos neófitos na política, sen experiencia nin implantación territorial, dependentes por completo do tirón presidencial. Este modelo personalista e tecnocrático, sen democracia interna nin estrutura orgánica real, levou o hiperpresidencialismo ao seu cumio: o poder quedou concentrado no xefe do Estado, sen contrapesos efectivos nin debate partidario que o limitase.

O propio Macron definiuse como un presidente “xupiteriano”, situado por riba dos partidos e dos “corpos intermedios” da sociedade. Na práctica, gobernou esquivando a mediación dos sindicatos e do Parlamento cando lle foi posible, preferindo consultas directas e controladas polo Elíseo, nun exercicio calculado de verticalidade. Como advertiu Pierre Rosanvallon, “a democracia non vive só da letra da Constitución; vive tamén do espírito das institucións”. Ese espírito participativo e deliberativo viuse profundamente erosionado por un estilo macronista autorreferencial e tecnocrático, que redefiniu a Presidencia como un espazo separado da cidadanía. Macron levantou, proactivamente, un muro entre o Goberno e os cidadáns, ao tempo que reforzaba a súa figura simbólica como encarnación do pobo, nun paradoxo que resume a deriva actual da Vª República.

As consecuencias non tardaron en manifestarse. Entre 2018 e 2019, a revolta dos “chalecos amarelos” puxo de relevo o profundo divorcio entre boa parte da cidadanía e as elites gobernantes de París. Como sinala con acerto a economista Julia Cagé, o movemento dos Gilets Jaunes demostrou que as clases populares “xa non se senten representadas pola clase política nin por Macron”. Para Cagé, nun sistema democrático san, os problemas que estes manifestantes puxeron enriba da mesa —a desigualdade territorial, a fiscalidade sobre o carburante e a perda de poder adquisitivo— deberían terse debatido institucionalmente, e non nas rúas. Porén, ante a ausencia de canles de representación efectivos, os cidadáns optaron pola protesta extra-institucional, síntoma evidente do malestar democrático latente. O Goberno de Macron tratou de conter a crise promovendo dúas iniciativas inéditas: o Grand DébatNational e a Convención Cidadá polo Clima, mecanismos de participación inspirados na deliberación cidadá. Malia o seu interese formal, estes exercicios resultaron máis cosméticos ca transformadores, xa que non modificaron o esencial: o proceso de toma de decisións permaneceu concentrado no presidente e no seu círculo inmediato, por riba mesmo do Goberno e do Parlamento, sen un compromiso real de redistribuír poder nin de revisar as políticas aplicadas.

Chegados a este punto, os sucesivos golpes sufridos polo sistema levárono a un auténtico punto de non retorno.

2022–2024: a difícil cohabitación cun mesmo

A reelección de Emmanuel Macron en abril de 2022 repetiu case punto por punto o escenario de 2017. A segunda volta enfrontouno de novo con Marine Le Pen, e, unha vez máis, unha parte significativa do electorado votou por rexeitamento e non por adhesión, apoiando a Macron unicamente para frear a ultradereita, non para avalar o seu proxecto político. Convertido xa en norma e costume electoral, o “voto por exclusión” substituíu á adhesión programática como lóxica dominante. Como subliña o historiador André Larané, Macron “debía o seu éxito non ao seu balance nin á súa popularidade, senón simplemente ao rexeitamento da súa rival”.

Acto seguido, a maioría presidencial perdeu a maioría absoluta nas eleccións lexislativas de xuño de 2022, algo que resultaba previsible e fora mesmo anticipado por numerosos analistas políticos. Por primeira vez en vinte anos, un presidente recentemente reelixido atopábase en minoría na Asemblea Nacional, con só 245 escanos para Ensemble, moi por debaixo dos 289 necesarios para a maioría absoluta.

A nova lexislatura inaugurou un Parlamento tripartito e fragmentado: un bloque macronista de centro liberal, unha forte oposición de esquerda unida na coalición NUPES (131 escanos) e unha ultradereita do Rassemblement National (RN) máis numerosa ca nunca (89 escanos). A tradicional alternancia bipartidista dera paso a unhamajoritéintrouvable, literalmente imposible de atopar. Francia entraba así nunha crise de gobernabilidade sen precedentes na historia recente da Vª República. Falto de maioría, o Goberno comezou a recorrer de forma sistemática aos mecanismos constitucionais de excepción para levar a cabo as reformas que consideraba necesarias, malia non contar cun respaldo maioritario nas urnas. As ferramentas do chamado “parlamentarismo racionalizado” foron empregadas ao límite para esquivar os bloqueos: en menos dun ano, o Executivo recorreu ata en once ocasións ao artigo 49.3 da Constitución, que permite aprobar unha lei sen votación parlamentaria —entre elas, os Orzamentos e a reforma das pensións, que elevou a idade de xubilación. A oposición respondeu con múltiples mocións de censura, ningunha das cales logrou prosperar, e cunha mobilización social masiva nas rúas contra a reforma. Instalase definitivamente a idea dunha unha auténtica “crise democrática”. Mesmo sen violar formalmente a Constitución, Macron introduciu o país nunha crise de lexitimidade. Gobernar a golpe de decreto-lei pode ser legal, mais erosiona o contrato social e mina a confianza dos cidadáns nas institucións. De feito, a impopular reforma das pensións aprobada sen voto parlamentario en 2023 confrontouse cunha maioría social manifesta nas rúas, mentres o Elíseo se escudaba nos resquicios legais da Vª República. Para boa parte da opinión pública, este episodio confirmou o diagnóstico: o exceso de verticalidade no poder estaba a asfixiar o espírito democrático do réxime.

Non é casual que, hoxe, tanto a renuncia ao uso do artigo 49.3 como unha nova reforma das pensións figuraron no centro das negociacións para que o Goberno Lecornu II poida sobrevivir á súa primeira semana. Os golpes reiterados ao sistema de 1958 volven unha e outra vez ao centro do debate político, proba da profundidade da crise e do impacto que estes mecanismos teñen nunha sociedade tan politizada e consciente do poder institucional como a francesa.

Continuará a próxima semana