Emmanuel Macron posing a photo at the Elysee Palace 2021

A República espida (III)

2024–2025: Disolución, gobernos efémeros e parálise institucional

Coa Asemblea Nacional bloqueada e a tensión social aínda latente, Emmanuel Macron tomou en absoluta soidade, no ano 2024, unha decisión tan brusca como arriscada: facer uso da súa facultade excepcional para disolver a Asemblea Nacional. O detonante inmediato foi o resultado das eleccións europeas de xuño de 2024, nas que o partido presidencial quedou nun humillante segundo posto, 17 puntos por detrás do Rassemblement National (RN) de Jordan Bardella. A noite do 9 de xuño de 2024, e contra todo prognóstico, Macron anunciou a disolución e convocou novos comicios lexislativos anticipados.

Tratábase dun movemento a vida ou morte (quitte ou double), xustificado oficialmente como un intento de “clarificar” as forzas políticas en xogo e recuperar unha maioría gobernable, tras dous anos de cohabitacións tensas con sucesivos primeiros ministros —Borne, Attal e outros—, hoxe abertamente distanciados do seu antigo líder. É tamén unha decisión personalísima e tomada en práctica soidade.

Porén, o cálculo resultou falido: as eleccións lexislativas de xullo de 2024 produciron de novo unha Asemblea sen maioría clara, aínda máis fragmentada e tripolarizada. O RN marcou un fito histórico ao gañar a primeira volta co 33 % dos votos, o que obrigou á activación dun amplo fronte republicano entre centro e esquerda para frear o seu avance na segunda volta. Finalmente, a esquerda unida no Novo Fronte Popular (NFP) obtivo arredor de 193 escanos, o bloque presidencial centrista —rebautizado como Ensemble pour la République— uns 166, e a extrema dereita do RN, xunto cos seus aliados, arredor de 142. Ningún grupo acadou a maioría absoluta, e confirmouse unha Asemblea dividida en tres bloques e sen maioría clara, símbolo dunha ingobernabilidade estrutural.

Cómpre subliñar que esas “plataformas” e “frontes” que competiron nas eleccións non se traduciron en bloques cohesionados na práctica parlamentaria. O NFP está hoxe máis dividido ca nunca, cun Partido Socialista (PS) cada vez máis enfrontado a La France Insoumise (LFI), mentres que o bloque central permanece atomizado entre Renaissance (de Gabriel Attal), o MoDem (de François Bayrou) e Horizons (de Édouard Philippe). En resumo, tantos partidos como pre-candidatos presidenciais, pois esa é, en última instancia, a lóxica que guía toda a vida política francesa: a presidencialización extrema do sistema.

A “clarificación” que Macron pretendía conseguir derivou, en realidade, nun Parlamento aínda máis ingobernable, froito da ausencia total de cultura política do compromiso —unha cultura innecesaria e mesmo desincentivada desde a fundación da Vª República, deseñada precisamente para evitar o pactismo partidario e parlamentar que caracterizara as súas predecesoras.

Macron nomeou entón a Michel Barnier como primeiro ministro, un veterano gaullista europeísta e figura considerada de consenso, coa intención de artellar unha gran coalición co centro-dereita que permitise estabilizar a lexislatura. Non obstante, aquela fórmula naceu con pés de barro: unha parte significativa dos deputados conservadores de Les Républicains negouse a apoiar abertamente o Goberno Barnier, mentres que, pola esquerda, o Novo Fronte Popular se situou nunha oposición frontal.

A finais de 2024, incapaz de aprobar os Orzamentos Xerais, Barnier anunciou a súa intención de recorrer de novo ao artigo 49.3 da Constitución para impoñer as contas sen voto parlamentario. Esa decisión actuou como faísca definitiva: a esquerda e a ultradereita uníronse nunha moción de censura transversal, algo até entón impensable.

O 10 de decembro de 2024, a Asemblea Nacional aprobou a moción e derrubou o gabinete, convertendo a Michel Barnier no primeiro Primeiro ministro destituído por censura parlamentaria directa desde 1962. Con este episodio, Francia entraba nunha fase de inestabilidade política inédita na Vª República.

O dato é tan histórico como simbólico: en seis décadas, ningún outro Goberno caera por unha moción de censura —nin sequera nos períodos de cohabitación—. O sistema gaullista, deseñado precisamente para previr gobernos febles dependentes do Parlamento, perdera esa garantía esencial, deixando á vista a erosión do equilibrio institucional que o sostivera dende 1958.

A sucesión de feitos en 2025 confirmou a parálise institucional da Vª República. Emmanuel Macron, obrigado a nomear un novo primeiro ministro tras a caída de Barnier, optou desta volta por unha figura centrista do seu círculo máis próximo: François Bayrou, presidente do MoDem e eterno aspirante á Presidencia da República. Bayrou intentou artellar unha maioría de “centro amplo”, integrando sectores da dereita tradicional e procurando incluso algunhas abstencións benevolentes da esquerda moderada. Porén, antes de cumprir cen días no cargo, o Goberno Bayrou afrontou un voto de confianza que o propio primeiro ministro decidiu promover —en solitario, guiado pola súa axenda persoal, tal como se fai na Vª república — co propósito de “deixar un legado honorable” e non ser derrubado, como Barnier, por unha moción de censura. Bayrou tiña na cabeza o legado persoal que deixaría para historia, non a estabilidade, a democracia ou os intereses dos franceses. O resultado foi o mesmo: Bayrou perdeu a votación e presentou a súa dimisión, converténdose nun dos mandatos máis breves da historia republicana francesa. No verán de 2025, Francia volveu atoparse sen rumbo nin estabilidade: un presidente sen maioría nin credibilidade para formar un novo executivo sólido e sen posibilidade de convocar eleccións anticipadas, bloqueado pola propia Constitución, que impide disolver a Asemblea Nacional ata un ano despois da última disolución. Esa cláusula expiraba en xuño de 2025, pero, mesmo así, Macron mostrouse reticente a arriscarse cunha terceira lexislativa en tres anos, temendo dar aínda máis azos ao Rassemblement National.

Ignorando —ou facendo como que ignora— que é precisamente esta forma de proceder, baseada na conservación e na inacción política, a que alimentaba semana tras semana o crecemento electoral do RN, Macron quedaba cada vez máis illado e desprovisto de marxe política, símbolo dunha presidencia esgotada e dun réxime institucional en estado de colapso funcional.

Finalmente, no outono de 2025 —marcado, entre outras cousas, pola entrada en prisión de Nicolas Sarkozy, un feito de enorme carga simbólica para a Vª República—, Emmanuel Macron designou o terceiro primeiro ministro nun só ano: Sébastien Lecornu, entón ministro de Defensa e home de máxima confianza do presidente. A aposta era, unha vez máis, constituír un gabinete de “unidade nacional” ou, cando menos, transversal, coa esperanza de romper o bloqueo institucional. Durante tres semanas, Lecornu tratou de negociar cos partidos moderados para conformar un executivo con peso significativo de ministros procedentes da dereita tradicional (LR), entre eles o presidenciable Bruno Retailleau. Porén, o intento acabou en desastre: catorce horas despois de anunciar a composición do novo goberno, Lecornu presentou a súa dimisión, alegando “falta de acordo político cos ministros designados”. O que se soubo despois é que Retailleau se negou a compartir Consello de Ministros con Bruno Le Maire, outro presidenciable co que compartira militancia no pasado, pero que derivara cara a posicións abertamente macronistas. O enfrontamento persoal entre ambos revelou, unha vez máis, a fractura e a atomización da dereita francesa, incapaz de ofrecer unha liña común nin de integrarse nun proxecto transversal. Tras esta experiencia traumática —un goberno de apenas 14 horas de vida, o máis breve da historia republicana—, Macron volveu recorrer a Lecornu, pedíndolle que atopase unha “plataforma de estabilidade”, un deses conceptos novidosos e deliberadamente difusos, tan característicos da retórica presidencial macronista. Así o fixo quen en París xa alcuman o “freire soldado” de Macron, símbolo á vez de lealdade persoal e de impotencia política nun sistema exhausto

Continuará a próxima semana