naval station mayport florida 02

A resurrección da cuarta flota nas augas de Latinoamérica

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Base naval de Mayport en Florida; clic para aumentar
Ábrese unha nova esfera de interese estratéxico para os Estados Unidos. E velaí que o 24 de abril resucitou Washington a Cuarta Flota, que estará activa desde a base Mayport (Florida) a partires do primeiro de xulio.
 

Cando unha potencia hexemónica propaga e impón un sistema económico e político nos países que dela dependen ten que ter moito cuidado de que o éxito das reformas que exixe non fagan medrar tanto a eses países que se lle vaian das mans.

Os analistas estadounidenses loubaron e louban, por exemplo, a política de privatización parcial e perda de monopolio da Petrobras iniciada polo presidente Cardoso e non modificada ata agora por Lula. Petrobras sería o bó exemplo, fronte ao mal exemplo de Petróleos de Venezuela e Petromex.

A posibilidade que se vai albiscando de que Petrobras refine amais petróleo venezolano podería poñer ao Brasil nunha posición dominante, incluso como principal exportador de refinado, ademais de segundo productor de crudo. A recente descuberta de recursos de 33.000 millóns de barricas no ponto Carioca, mar a fóra do Río de Janeiro, é moi prometedora.

Con todo isto, o Brasil comezaría a ter unha presencia xeopolítica que chegaría alén das dimensións continentais. Iso cadra con outras iniciativas brasileiras e coa clareza con que a diplomacia do país ve as ventaxas de se convertir nunha Arabia Saudí e desplazar ao inseguro Oriente Próximo como abastecedor básico dos EEUU. Xa lle fixo a Washington o favor de que Evo Morales renunciase a nacionalizar o gas natural dos campos da Petrobras en Bolivia.

Ábrese unha nova esfera de interese estratéxico para os Estados Unidos. E velaí que o 24 de abril resucitou Washington a Cuarta Flota, que estará activa desde a base Mayport (Florida) a partires do primeiro de xulio. A Cuarta Flota desaparecera en 1950. Ninguén discutía o predominio estadounidense nas aguas de Centroamérica, Sudámerica e as Antillas. Agora, ese mesmo Brasil petroleiro que se perfila como esencial aliado enerxético, comeza a ter unha forza naval considerabel. E a navegación comercial no Atlántico Sul vai ser cada vez maior. E por iso vai ser cada vez máis importante a custodia dos novos xacimentos submarinos.

Manter o conseguido e precaver o que está por vir é regra elemental da estratexia que impón a mudanza do Hemisferio Occidental.. Hai que atender ao salto que o Brasil pode dar e que o levaría de hexemón rexional a protagonista no xogo das grandes potencias mundiais. Os Estados Unidos non poden deixar que a prosperidade dos hexemonizados poña en perigo ou debilite a hexemonía do patrón do sistema. Teñen que consolidala cun tecido de intereses que sirva tamén de exemplo para os que non vaian na primeira fila dos aquiescentes cos modelos económicos preferidos.