A resurrección dos perdedores

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

En Davos e Porto Alegre, separados, por unha inmensidade física e un océano ideolóxico téñense reunido o Foro Económico Mundial e o Foro Social Mundial para abordar dende perspectivas opostas a globalización biface.

Ás xélidas cumes alpinas da estación de Davos acoden, á súa cita invernal o selecto clube da elite mundial emerxida da New Economy. Patrocinados polas 1000 corporacións máis importantes do planeta, reúnense dende hai 30 anos, coa intención de actualizar estratexias e perfilar as liñas de acción do modelo neoliberal. Pola estación suíza pasan, cada ano, como actores invitados as figuras máis relevantes da política e da economía . As primeiras figuras do reparto do ano 2000 como W. Clinton, Tony Blair, e Madeleine Albright, deron paso a prometedores actores secundarios que cobraron protagonismo durante o ano pasado como V. Kostunica, Vicente Fox que teñen a a oportunidade de utilizar a palabra para tentar engaiolar ao goberno mundial na sombra sobre estabilidade e rendibilidade dos investimentos nos seus países ou de procurar apoio para á solución das crises abertas.

Ás cálidas latitudes da estival cidade brasileira están convocados os perdedores da globalización. Na capital do Estado de Río Grande levantaron a voz para anunciar a fin do pensamento único e que “Um outro mundo é possível”. Para facer proclamas tan rotundas como ambiciosas. “Acabou o monolitismo do pensamento único”, “a transición en marcha”, “A globalización é reversible” ,“ o desafío do sur”, “outra esquerda é posible”… Para denunciar “A pillaxe planetaria”, “asimetrías ilexítimas”… Ou para deixar un oco á ironía “estes incómodos excluídos”.

Dende a introducción das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) as relacións na aldea global réxense polas pautas da Nova Economía. Se para Saramago estamos a apurar os residuos dun modelo xa fosilizado, que necesariamente dará paso a unha nova era; para I.Ramonet, Porto Alegre marca o umbral do séculoXXI dende o que poder artellar un pensamento alternativo ao pensamento único. No mesmo sentido apunta Eric Hobsbawm que sitúa os límites do século XX, dende o punto histórico-ideolóxico, na derrota do comunismo, simbolizada na caída do muro de Berlín en 1989.

Máis alá das posibles diverxencias sobre o punto de arranque da nova era, xa se dispón de tempo suficiente para coñecer as vantaxes e inconvenientes que comporta a actual globalización. Nun prato da balanza están a xeralización progresiva das democracias nun contexto no que ten máis sentido conquistar mercados que conquistar territorios. O abaratamento dos custos de producción e a maior capacidade de creación de riqueza mediante a especialización productiva zonal. O alongamento dos ciclos de crecemento e o maior control sobre a economía mundial…

Pero no Foro Social Mundial non houbo tempo para reflexionar sobre estas bondades e detivéronse en buscar un modelo alternativo no que a riqueza xerada non se acumule en bolsas de opulencia, mentres aumenta a lexión de marxinados- en 1960 o 20% da poboación, que vivía nos países máis ricos, tiña uns ingresos 30 veces superiores aos do 20 % que vivía nos países máis pobres. En 1995 era 82 superior-. Valorar o patrimonio que aporta a diversidade e fuxir do empobrecemento cultural que marca o ritmo uniformador dos cosmócratas. Desmarcarse da “terceira vía” que se pasou con armas e bagaxe ao inimigo, portando só un pequeno maletín de cirurxía estética para cortarlle as arestas máis duras ao liberalismo e osixenalo. Criticar a pasividade dos intelectuais acomodados diante da medrante desigualdades. Valorar o papel da información veraz como elemento fundamental para as sociedades democráticas do novo século… Davos e Porto Alegre representan dúas visións da antagónicas da globalización, pero non irreconciliables.

O FSM declárase constructivo, pacífico e compatible co mercado, agás na prestación dos servicios esenciais como a educación, a sanidade e a Seguridade Social… e demanda unha globalización humana, de valores, un crecemento sustentable, uns regulamentos do comercio non proteccionistas cos productos dos países pobres, o control do capital especulativo que representa o 86% dos 110 billóns de dólares que circulan polo mundo.

No forno da FEM (WEF) onde se elabora o novo pensamento da economía vaise paseniñamente admitindo que a mundialización non funciona sen unhas oportunas doses de regularización. Posibilidade admitida especialmente dende a caída do Nasdaq (índice de bolsa que mide os principais valores tecnolóxicos) e da freada na locomotora americana. Na axenda das elites reunidas en Davos hai xa un lugar reservado para reflexionar sobre “A visión do sur” e invitar aos gobernos de Brasil, India, Tanzania e Tailandia. Tamén este ano abriuse un oco para “Tender pontes sobre as diverxencias”.ou para ver “¿Como tratar a contrarreacción á globalización?

Da variopinta multitude que se reuniu FSM non se podía agardar unha conclusión unitaria, os seus organizadores nunca pretenderon pasar de ser un laboratorio de ideas, un crisol de propostas, un espacio no que confluísen intelectuais e políticos como Bernard Cassen, Samir Amin – autor de “A ilusión neoliberal”-, José Saramago, Danielle Mitterrand, Oscar Niemeyer, Noam Chomsky, Jean Ziegler, Miltón Santos, Eduardo Galeano, Ramos Horta, , Ariel Dorfman, Ignacio Ramonet, Emir Sader , Ahmed Ben Bella ou o extravagante líder labrego francés da “contramacdonalización” José Bové. No substrato do fenómeno de Porto Alegre está a esquerda latinoamericana agrupada ao redor do “Foro de Sao Paulo”que xa toca o poder en estados e capitais importantes e saben do necesario paso da utopía a “realpolitik”. Da ruidosa protesta de Seattel-Davos-Washington-Praga-Niza á mesa das alternativas elaboradas.

Se as pontes do diálogo se abrisen nesta enriquecedora batalla de foros, teríamos unha ventá para o optimismo. Se non é así, alomenos terá rematado a árida época do pensamento único e os movementos progresistas non precisarán seguir deambulando en busca dun referente cara onte onrientarse. Xa saben en que dirección se atopa, e están chamados a construílo.

Enlaces relacionados:

Le Monde Diplomatique
Foro Social Mundial
Foro Económico Mundial