20070713novo ogaryovo yang jiechi vladimir putin

A retirada estratéxica de Putin

 Yang Jiechi e Vladimir Putin, clic para aumentar
O mesmo día deste anuncio, Putin confirmaba, en presenza do ministro de exteriores chinés, Yang Jiechi (esquerda), o excelente estado das relacións bilaterais, tanto no plano económico e comercial como no estratéxico. Putin e Hu Jintao reuniranse o 16 de agosto en Bishkek, capital de Kazajstán, no marco dun novo cumio da Organización de Cooperación de Shanghai.
 

O presidente Vladimir Putin anunciou a retirada de Rusia do tratado de forzas convencionais de Europa. EEUU, a OTAN e algúns estados europeos expresaron a súa decepción por esta decisión. Putin esgrimiu circunstancias "extraordinarias… que afectan á seguridade da Federación Rusa e que requiren medidas inmediatas". O Kremlin argumentou o incumprimento do tratado por parte dos países da OTAN en relación coa expansión desta e a súa demora na ratificación da emenda subscrita en 1999, segundo Itar-Tass. O pasado 12 de xuño e por iniciativa de Rusia, reuniuse en Viena unha conferencia especial dos países membros do tratado que rematou sen aprobación de ningún documento final. Soamente catro países ratificaron a emenda incorporada en 1999 (Ucraína, Kazajstán, Belarús e Rusia). Pero aínda sen cuestionar estas e outras precisións, todos os observadores interpretaron a decisión de Putin como unha resposta ao empeño da Administración Bush en seguir adiante coa implantación do escudo anti-mísiles en Europa, deixando de lado os requerimentos rusos. Non se pasará de aquí? Estamos en vésperas dunha nova carreira armamentística?

Este tratado foi subscrito en París o 19 de novembro de 1990 por 22 países da OTAN e do Pacto de Varsovia, co obxectivo de establecer un equilibrio en Europa limitando o armamento das forzas armadas convencionais, erixindose dende entón nun piar central da arquitectura internacional de desarme, como recoñecía recentemente o ministro alemán de exteriores, Frank-Walter Steinmeier.

En paralelo, a resposta rusa desenvolvouse noutros escenarios e con outros xestos significativos. Dunha banda, na pasada semana levaronse a cabo exercicios militares dunha envergadura nunca vista na etapa postsoviética, segundo a axencia Novosti. A peculiaridade destas manobras é que todas se desenvolveron preto das fronteiras e implicando a forzas de terra, mar e aire. Este fin de semana, Rusia probou con éxito un novo sistema de mísiles de defensa aérea, o chamado Sarkozy-400 Triumph, capaz de operar nas proximidades do espazo e realizar tarefas de defensa de mísiles non estratéxicos. O pasado 28 de xuño, Moscova lanzou tamén con éxito o seu misil balístico "Bulava" desde un submarino nuclear.

A modernización do armamento nuclear estratéxico está na axenda das potencias nucleares. Non soamente de Estados Unidos e Rusia, tamén de Francia, Reino Unido, India ou China. A causa principal deste impulso radica esencialmente na necesidade de manter un equilibrio nuclear estratéxico, nun intre en que, sobre todo EEUU e Rusia, miden as súas armas nucleares. Se Bush aposta polo escudo antimísiles co fin de lograr unha vantaxe militar, Rusia non ten outra opción que modernizar as súas armas nucleares estratéxicas, con dous obxectivos principais: acabar co sistema defensivo do contrario e manter a capacidade de contraataque.

Así pois, a rivalidade está servida e irá a máis en varias frontes. EEUU precisa rematar co equilibrio estratéxico nuclear e buscar unha vantaxe nuclear absoluta para poder confirmar a vixencia dunha orde unipolar baseada na superioridade militar. Cun equilibrio estratéxico roto, será dificil establecer unha orde multipolar no mundo, pola que avogan Rusia e outras potencias.

O mesmo día deste anuncio, Putin confirmaba, en presenza do ministro de exteriores chinés, Yang Jiechi, o excelente estado das relacións bilaterais, tanto no plano económico e comercial como no estratéxico. Putin e Hu Jintao reuniranse o 16 de agosto en Bishkek, capital de Kazajstán, no marco dun novo cumio da Organización de Cooperación de Shanghai.