A Segunda Guerra do Golfo e as súas repercusións sobre o equilibrio estratéxico Occidente-Islam

O argumento civilizatorio estivo practicamente ausente na segunda guerra do Golfo. Nin entre os pretextos nin entre os motivos principais da guerra contra Iraq asomou en tempo algún o feito islámico. Non así na posguerra, onde se aventura como unha das claves indispensables para garantir a estabilidade política interna.

Aos poucos días de consumarse a victoria das forzas anglonorteamericanas, milleiros de xiís marchaban cara a cidade sagrada de Kerbala para facer unha poderosa demostración de forza. O regreso de Irán do líder relixioso, aiatolá Mohammed Baqr al-Hakim, que encabeza un dos principais grupos contrarios a Sadam e á invasión, foi celebrado por milleiros de seguidores coas consignas de "Sí,si, Islam… Sí, si, Hakim". Mentres moitos analistas aventuran xa choques inevitables cos sunnitas, as mulleres e o Iraq laico, Hakim, nas súas primeiras intervencións, sabedor dos medos que convoca, pon o acento en que a "máxima prioridade é recuperar a independencia(1)".

Totalmente obviado o factor cultural e civilizatorio, as causas esgrimidas polos partidarios da guerra para xustificar o ataque a Iraq se centraron fundamentalmente na posesión de armas de destrucción masiva, no reiterado incumprimento das resolucións de Nacións Unidas, nas supostas conivencias co terrorismo internacional, no perigo que o goberno de Sadam supuña para os países veciños e, en derradeira instancia, na esixencia moral de liberar ao pobo iraquí das garras do dictador para ofrecerlle a posibilidade de vivir nun réxime democrático.

Neste escenario, o contraste coas razóns reais da guerra non podía ser maior. O cinismo dos argumentos esgrimidos polos partidarios da intervención armada contra Iraq espoleou a indignación cidadá expresada nas rúas a través de importantes mobilizacións. Pero non hai unha, senón moitas razóns, evidenciando a complexidade dos novos problemas internacionais, que non poden abordarse con febles esquemas do perfecto/imperfecto, nin con anteolleiras ideolóxicas que se ben poden acomodarse ás nosas querencias expositivas, pouco poden ter que ver coa realidade.

É obvio o interese polo petróleo, o primeiro ben protexido polas tropas americanas nada mais facerse co control do país. Museos, hospitais, ministerios (salvo o do Petróleo), todo xénero de bens privados e públicos foron obxecto de saqueo, unhas veces planificado, outras improvisado, pero sen entidade para alterar a prioridade decretada desde Qatar e o Pentágono. O valor do petróleo neste conflicto ten, cando menos, catro manifestacións. En primeiro lugar, o control dos pozos de Iraq permítelle a EEUU ter asegurado todo o petróleo que necesita importar. Co control de boa parte dos gasoductos e oleoductos que pasen por territorio afgano, Washington se atopará nunha situación diametralmente distinta á actual. E xa non estaría totalmente desarmado ante a eventualidade de que os países petroleiros membros da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) decidiran, por intereses políticos en determinado momento, castigar a Occidente reducindo a súa producción para obrigar a aumentar artificialmente o prezo do barril de cru(2).

En segundo lugar, cómpre, a pesar diso, relativizar o valor inmediato da contribución do cru importado dos países do Golfo por parte de EEUU e que actualmente soamente representa o 11,5 por cento do consumo americano. Arabia Saudita, por exemplo, proporciona o 7,9 por cento dunha cifra total que segue contabilizando a grandes trazos tanto as aportacións de países do continente americano (Canadá, México e Venezuela) como as propias (unha terceira parte é de producción doméstica)(3). En terceiro lugar, cómpre non perder de vista o futuro da OPEP. Unha vez Iraq regrese á organización, cabe imaxinar unha clara fragmentación en dous bandos: Iraq-Arabia Saudita-Kuwait-Qatar e, posiblemente, Omán e Emiratos Árabes, fronte ao núcleo que poderían conformar Irán, Libia, Alxeria e Venezuela, quen tratarán de manter a tradicional política do cartel en materia de prezos e cotas de producción(4).

Por último, quizais a clave do asunto: o nivel de afectación da nova situación ás economías asiáticas en xeral e a China en particular. Se dalgunha confrontación civilizatoria debemos comezar a falar non sería só coa islámica, senón tamén coa confuciana, seguindo o paradigma de Huntington. En efecto, en 2002, o 50 por cento das importacións petrolíferas de China viñeron do Golfo, o 15 por cento soamente de Arabia Saudí. De manter o actual ritmo de crecemento nos próximos anos, cuestión esencial para garantir tanto a estabilidade social como a supervivencia do actual réxime chinés, os expertos calculan que deberá importar entre o 30 e o 40 por cento do seu consumo petrolífero. Hoxe por hoxe, quen controle o petróleo do Golfo pode controlar tamén a evolución da economía chinesa e ata quizais, o futuro político do país.

Sabido é que despois da guerra contra os talibáns, que consolidou unha forza presencia militar estadounidense en Asia central, a teoría do cerco a China goza de gran predicamento en numerosos sectores, máis alá incluso do Imperio do Medio. China presiona a Rusia para que exporte o seu petróleo de Siberia oriental a través dun oleoducto que debe atravesar territorio chinés, descartando a opción preferida por Xapón, ata o porto ruso de Najodka(5). A seguridade petroleira é unha das estratexias básicas da política exterior chinesa e unha das principais novidades neste ámbito, a creación da Organización de Cooperación de Shanghai "Rusia, China, Tadxikistán, Uzbekistán, Kazajstán e Kirguiztán- debe inxerirse, en boa medida, nesa preocupación. EEUU conta agora con tres bases militares en Afganistán e nove en Asia Central, mentres reforza a colaboración con Filipinas, Indonesia, Singapur e Tailandia. A estratexia de contención e freo de China semella evidente.

Na propia tensión que rodea o contencioso norcoreano non están ausentes os intereses enerxéticos. Para todos os actores con intereses na zona, o futuro da explotación das reservas de gas natural do noreste asiático é un tema substancial e como xa acontecera en Afganistán, líbranse duras batallas por definir as rutas dos gasoductos. Pyongyang, coma Cabul, está no medio de todas as ambicións.

Sen dúbida, esta guerra contra Iraq serviu tamén para evidenciar o liderato político-militar mundial de EEUU, sen contrapeso posible, desfacendo, como é ben sabido, toda aspiración do euro a se converter nunha moeda de referencia e de uso no comercio internacional das principais materias primas. E servirá, con toda seguridade, para redefinir o mapa da rexión en beneficio de Israel, con sacrificios a pagar, en primeiro lugar, por Palestina e tamén por Siria.

Que unha guerra destas características, cun nivel de prepotencia tan acusado, puidera abordarse tan doadamente, sen a penas fisuras na sociedade norteamericana é imposible de comprender sen o 11S. Naturalmente, deuse unha triple converxencia de lobbies (o petroleiro, o militar-industrial e o israelí), facilitado polo apoxeo do discurso de extrema dereita que alimentan dende a prensa e o mundo académico William Kristol, William Safire, Norman Podhoretz ou Robert Kagan, provocando que ata un ex candidato presidencial republicano como Patrick Buchanan se decida a erguer a súa voz en The American Conservative para denunciar que os "likudniks" (amigos do Likud de Ariel Sharon) están ao mando da política exterior norteamericana(6).

Por último, cómpre non perder de vista a estratexia electoral. O voto xudeu non é relevante cualitativamente, pois a penas representa o 2 por cento da poboación, pero esta comunidade é decisiva noutros planos. A súa importancia como donantes nas campañas electorais é substancial (ata un 60 por cento dos fondos privados recadados polos candidatos demócratas). Karl Rove, de quen depende a planificación electoral do Presidente Bush, basea toda a súa estratexia na psicose da seguridade que arranca do 11S. E iso facilita e retroalimenta os comentarios incendiarios de figuras como Podhoretz quen afirma en Commentary, por exemplo, que a intervención contra Irak "marcará o comezo da cuarta guerra mundial: unha guerra contra o islamismo militante… que debería rematar establecendo un protectorado norteamericano sobre os xacementos de petróleo de Oriente Próximo(7)".

Esta situación de permanente tensión, que electoralmente pode resultar beneficiosa para os intereses inmediatos de Bush, sitúa o mundo ante unha dinámica de guerra sen posguerra, sen máis reglas que a do ataque preventivo e a ausencia de limiares, confiando a cegas no uso da forza como mecanismo para resolver as diferencias políticas.

A reacción do mundo árabe

O nacionalismo árabe soñaba con desprazar as lealdades do Estado ao mundo árabe, como quizais soñan agora algúns movementos relixiosos co islam. Pero a realidade viu a impoñer o fortalecemento dos estados e o esquecemento da unidade árabe.

¿Cal é a dimensión actual do poder árabe? Os países da Liga Árabe ocupan o 10 por cento da superficie do planeta (14 millóns de quilómetros cadrados), representan o 4 por cento da poboación mundial (280 millóns de habitantes) e aportan unicamente o 2 por cento do PIB planetario. En conxunto, o seu peso económico é igual ao de Canadá (nove veces menos poboado que o mundo árabe) ou que o propio Estado español (sete veces menos poboado). Sen o petróleo e o gas, o "mundo árabe" é unha realidade económica totalmente irrelevante. As súas exportacións no ano 2000 apenas suman 80 mil millóns de dólares, o equivalente de Malasia ou de Suiza. Incluso tendo en conta os hidrocarburos, as súas vendas non representan máis do 5 por cento do comercio mundial. A maiores, os seus desequilibros internos son fantásticos: cunha media de 1.710 dólares de renda por habitante, a enorme fenda existente entre os 25.000 de Qatar ou 18.060 dos Emiratos Árabes e os 370 de Mauritania ou os 320 de Sudán evidencia outras carencias de maior calado, unha taxa de desemprego que oscila entre o 15 e o 30 por cento segundo os países, a exclusión do mundo do traballo de ata dous tercios da poboación feminina "85 por cento nos países do Golfo", ou un analfabetismo que atinxe á metade das mulleres e a un cuarto dos homes.
Os países árabes, ricos e pobres, celebran cumios e aproban declaracións comúns, pero as redes de intereses que defenden son tan complexas e os abismos internos que os separan tan pronunciados que dificilmente cabe agardar deles algo máis que palabras.

A conquista de Iraq foi interpretada unanimemente nese mundo árabe como unha catástrofe, unha "nakba", comparable á creación do estado de Israel en 1948, afirma François Soudan(8). Trátase dunha guerra colonial, din, con fundamentos ideolóxicos e económicos (o petróleo), inscrita nun plan global que non pretende "liberar" Oriente Medio, senón sometelo mellor. Despois de Iraq, agardan Siria, Irán, a limpeza étnica cos palestinos coa promesa dun estado propio, etc.

É visible o contraste da percepción de agresores e agredidos. Simón Peres, líder laborista israelí, chega a afirmar que a victoria anglonorteamericana é tamén unha victoria para o mundo árabe e o conxunto dos musulmáns porque contribuirá á súa liberación. Richard Burns, responsable de asuntos árabes no departamento de Estado é máis preciso: "soamente subsistirán os países árabes que saiban evolucionar, os demais quedarán na cuneta e acabarán por caer. O terrorismo é consecuencia do inmobilismo". Por último, Richard Perle, ex responsable da Defense Policy Board do Pentágono asegura que "os árabes non respectan máis que a forza; non facer a guerra sería interpretado como unha debilidade e un regalo para Ben Laden". Estaba claro, en calquera caso, para todos que as forzas norteamericanas, como sinalou Chedli Klibi, ex secretario xeral da Liga árabe, non son unha empresa filantrópica e que entrarían en Bagdad aínda que Sadam optara por marchar. O cambio de réxime non era o principal obxectivo desta guerra(9).

Dentro de Iraq, os agresores non atoparon aliados declarados, a non ser as forzas curdas do Norte. Os novos líderes chegarían do exilio. Pese a que as tropas británicas o agardaban, os xiítas do Sur non deron signos de compromiso cos invasores e as súas manifestacións despois da conquista resultaban reveladoramente contrarias á presencia ocupante.

Na rexión, no conxunto do mundo árabe todos sabían que a guerra estaba perdida. Un periodista libanés, Fuad Mattar, ex haxiográfo de Sadam Husein, chegou a escribir no xornal As Safir: "perderemos Iraq como perdemos Palestina. Perder é unha sensación común entre os árabes(10)".

Moitos lembraban a guerra no Líbano de 1982, cando Menahem Begin decidiu lanzar tamén unha guerra preventiva na que as motivacións oficiais pouco ou nada tiñan que ver coa realidade.

A practica totalidade dos gobernos da rexión non podían aspirar a outra cousa que non fose unha guerra curta, por temor á onda desestabilizadora das masivas protestas internas. A única excepción foi a Siria de Bachar el-Assad, país que se enfrontou abertamente a EEUU e condenou sen ambigüidades a agresión contra Iraq. O muftí de Damasco, Ahmed Kaftaro, chamou á resistencia musulmana e animou as accións de kamikakes. Mentres multitudinarias manifestacións se desenvolvían na capital siria, Rumsfeld e Powell presionaron a Bachar para que elixira campo, coa destrucción "involuntaria" dun autobús que levaba voluntarios sirios á guerra nun país veciño co que tradicionalmente sempre primou a antipatía.

No firme posicionamento de el-Assad pesaron varios elementos. Primeiro, a necesidade de reforzar a súa lexitimidade interna, fráxil pola súa falta de carisma e pola orixe hereditaria do seu mandato. Isto conseguiuno, elevando a súa talla de líder árabe fronte a un Hosni Mubarak ou un rei Abdalá de Xordania, moi comprometidos coa política de Washington. Segundo, porque teme a supervivencia do réxime. Coa ocupación de Iraq, queda practicamente cercado, entre Turquía e Israel, cun exército feble en comparación co dos países veciños. Damasco ten motivos para estar preocupado, e teme as concesións que deberá facer a partir de agora para non extremar o seu illamento. No punto de mira, Líbano, recentemente visitado por Colin Powell: Siria podería renunciar non soamente a unha parte do Golán senón tamén ás súas pretensións sobre Beirut que se convertería na capital dun estado satélite de Israel. A remodelación do mapa político de Oriente Medio afectará a Siria e para afrontar este reto non ten outra opción que un achegamento, non menos delicado e perigoso, a Teherán.

Xordania, pola súa banda, é o mellor símbolo da capacidade árabe para extremar o dobre xogo. Dunha banda, o rei Abdalá tivo que respaldar coa boca pequena as demandas dunha poboación que está composta por palestinos nas tres cuartas partes e cunha influencia islamista in crescendo. Doutra, atender os requerimentos de EEUU. Sospeitoso de manter relacións ocultas coa CIA, a dependencia financeira de Washington obrigoulle a esquecer os importantes vínculos económicos co Iraq (comerciais, enerxéticos) e admitir unha asistencia militar "discreta" que consistiu na instalación de baterías antimíseis Patriot en Safawi, a medio camiño entre Aman e a fronteira iraquí, para mellor asegurar a protección de Israel. Seis mil soldados acompañaban este dispositivo. O apoio xordano ás forzas agresoras pode custarlle a Abdalá un ascenso islamista importante nas eleccións lexislativas previstas para xuño, que fará mais vulnerable o seu trono.

A II Guerra do Golfo e Huntington

Ingmar Karlsson, director de Planificación Política no Ministerio de Asuntos exteriores de Suecia, dicía en 1994, a propósito dunha crítica ao artigo de Huntington publicado en Foreign Affairs, que "o islam é un magma, un depósito que conten conceptos e ideas totalmente dispares… é un fenómeno da sociedade, máis que un elemento estratéxico da xeopolítica(11)". De feito, cando a I guerra do Golfo, Sadam non xustificou o seu ataque a Kuwait con argumentos relixiosos ata despois do suceso, e foi expulsado por unha coalición que incluía a Arabia Saudí, Turquía, Exipto e, daquela, Siria. A familia real saudí, entón, incluso mobilizou ás autoridades islámicas para que proclamasen nunha "fatwa" que o feito de que os soldados paganos norteamericanos estiveran defendendo a Meca, non contradicía as ensinanzas do Corán. Os intereses dos estados, tamén no mundo árabe, prevalecen sobre a esfera relixiosa.

Se Sadam chama á guerra santa é para obter o apoio da opinión pública musulmana e amparar unha estratexia bélica que persigue finalidades políticas concretas. Cando Bush apela a Deus nos seus discursos non se separa do mesmo guión, engadindo as finalidades económicas ás políticas. En ambos os dous casos, lonxe de estar ante a evidencia dun choque entre civilizacións, é patente a mostra da manipulación política dos elementos emocionais das culturas, relixións incluídas.

A primeira guerra do Golfo non foi aproveitada en absoluto para comprender culturalmente os problemas do mundo islámico, nin do significado do conflicto no contexto psicolóxico do Oriente Medio. Pola contra, acentuou a xenofobia en EEUU e serviu para reforzar a idea de que o islam era o novo inimigo chamado a substituír a URSS. Cando o 19 de abril de 1995 se produciron os atentados de Oklahoma, todos dirixían a súa atención cara os movementos islamistas. Pero os monstros pertencían á extrema dereita americana, branca e cristiana. O 11S reforzou aquelas tendencias, facilitando o desenvolvemento de estratexias que contaban con terreo abonado en amplos sectores da opinión pública.

E dúas reflexións máis. Unha das cuestións principais destacadas por Huntington no seu "Choque de civilizacións" é a de que podemos asistir ao nacemento dun eixe ou conexión confuciano-islámico. A Casa Branca viña observando con preocupación o comercio de armamento e enerxético entre ambos polos que podería chegar a competir cos intereses, valores e poder occidentais. A acción podería ir dirixida a segmentar esa posibilidade. Pero en todo caso a existencia deses vínculos revelaría a preeminencia dos intereses económicos e políticos por riba de toda consideración cultural. E outro tanto pode dicirse da motivación da guerra.

De darse un entendemento entre confucianos e islámicos será por que perseguen uns intereses económicos e políticos comúns, a pesar das súas diferencias culturais, case tan antitéticas, por outra banda, como as que as separan do mundo occidental.

Outra tese de Huntington, merecedora de atención neste caso, é a de que Occidente debe promover unha maior cooperación e unidade dentro da súa propia civilización, e en particular entre os seus compoñentes europeo e norteamericano. A xulgar pola evolución de todo o conflicto, a activación da suposta confrontación entre civilizacións provocou unha fenda no seo das relacións euroatlánticas como nunca se coñecera en cincuenta anos. A unidade dentro das civilizacións é algo que non pode darse por sentado, habida conta ademais que as diferenciacións entre civilizacións son máis borrosas do que a simple vista parece. E os diferentes actores dentro de cada civilización poden compartir intereses económicos e políticos diferentes. A fin de contas, as civilizacións non controlan estados. Pola contra, os estados controlan civilizacións e soamente interveñen na defensa da súa propia civilización cando interesa facelo en beneficio do propio estado, afirma Karlsson.

Conclusión

O presidente Bush está convencido de que as raíces do terrorismo atópanse nas sociedades subdesenvolvidas, enfermas e corruptas do Medio Oriente. Cómpre derrubar eses réximes e transformar as súas sociedades. A guerra contra Iraq é a primeira etapa dun proceso que afectará a toda a rexión. Nesa perspectiva, a segunda guerra do Golfo é producto dos argumentos facilitados polos think-tanks de dereita e o lobby pro-israelí, evitando que a administración Bush poida considerar aínda que so sexa por un momento que EEUU foi atacado o 11S por mor da súa política errada co mundo árabe-musulman.

Bush está persuadido de que a loita contra o terrorismo é unha especie de cruzada que un decreto celestial lle encomendou de pilotar contra o eixe do mal. O polo principal deste eixe está no Medio Oriente, no islam retrógrado. Poida que entre os principais ideólogos deste conflicto haxa quen pense en clave civilizatoria, que as diferencias entre a cultura occidental e a islámica non poden solventarse se non é a través da forza, someténdoas. Soamente dese xeito sería posible conquistar a seguridade anhelada, asegurando a hexemonía pola vía das armas, "civilizando" a golpe de canon e brandindo a espada dun cristianismo intolerante.

Pero non existen diferencias irreductibles entre as civilizacións. William Pfaff fai fincapé na perigosidade de converter as inevitables diferencias e rivalidades morais entre civilizacións nunha estratexia política, ao dar a estas contendas un carácter irreversible e irreductible(12). A cultura é unha variable da política exterior e de seguridade, pero non para pasar do extremo de non ser considerada a penas a ser o seu eixe central.

Cando se afirma que os islamistas identifican a Occidente coma o seu inimigo porque non acepta a súa relixión, cultura ou civilización, debiamos repasar a historia das accións europeas e norteamericanas na rexión dende a invasión napoleónica de Exipto e concluír que non resulta difícil non sentir certa simpatía con esa percepción, aínda que a veces se esaxere e se utilice para culpar a forzas exteriores de fracasos internos. O propio Huntington ven a dicir en marzo de 1999 no seu artigo "A superpotencia solitaria" que EEUU non se decata da antipatía que esperta. A agresión contra Iraq, completada agora coa designación dunha autoridade colonial, alentará a probable resistencia que de seguro se organizará nas diversas rexións do país e dirixirá todo o Medio Oriente contra a política norteamericana.

No balance, Occidente gaña posicións, pero ¿aumenta ou diminúe o atractivo dos valores e da cultura occidental? A conquista de maiores posicións ¿non significa tamén unha menor capacidade para impoñer os seus valores nas sociedades non occidentais? Dubido que con semellantes actitudes a parte do mundo que se moderniza anhele ser mais occidental. E actuacións como a da guerra contra Iraq favorecerá aínda mais o rexurdir islámico ata transformalo nun movemento social, cultural e intelectual de primeira magnitude, que cando non constitúa goberno, dominará a oposición.

Unha cousa é que as sociedades non occidentais decidan complementar as súas respectivas culturas e adoptar algúns elementos básicos da nosa (Pedro o Grande, Ataturk), e outra que se impoñan. E non debemos confundir modernización con occidentalización. E o que queren dicir os chineses coa expresión ti-yong (saber chinés para os principios fundamentais, saber occidental para usos prácticos).

É un feito que hai civilizacións, conxuntos e subgrupos culturais con visións do mundo diferentes, pero é necesario buscar fórmulas de convivencia e cooperación antes de asegurar que os outros son unha ameaza. Os milleiros de persoas que se manifestaron contra a guerra en todo o mundo eran tamén unha expresión de solidariedade cos cidadáns árabes, non por cuestións relixiosas, senón por ser víctimas da insultante prepotencia duns agresores que non admiten matices a esa certeza de que conseguimos dar coa fórmula para dirixir a economía (propiedade privada e mercado), a vida política (democracia) e a sociedade (liberdade individual), como sinalou Samir Amin(13).

As estratexias de cooperación e de alianza entre estados non teñen por que establecerse arredor de bases de identidade culturais, en función da pertenza a unha ou a outra civilización. As culturas non forman conxuntos herméticos e homoxéneos, como asegura Laurence Thieux, son entidades dinámicas, sometidas a cambios baixo a influencia e a penetración doutros sistemas dominantes de valores e de coñecementos(14). Sempre houbo influencias e interaccións.

Polo demais, o feito da guerra en si mesma se aparta de Huntington cando este afirma que os intereses de Occidente non se ven favorecidos por unha intervención promiscua nas disputas doutros pobos. Deben ser os principais estados das civilizacións dominantes os que resolvan os conflictos rexionais, afirma, pero cada día que pasa EEUU afirma a súa vontade de exercer como xendarme universal. A non ser que pretenda a cadratura do circulo: transformar a Iraq no que non puido ser antes, a potencia central do mundo islámico. Empeño difícil pois na medida en que estea aliñado con Occidente perderá toda simpatía e recoñecemento.

En suma, nesta guerra, non estamos falando mais que de economía e de poder. E os conflictos no futuro non estarán determinados por supostos conflictos culturais, senón polas motivacións que sempre moveron o mundo arredor dos intereses económicos e políticos dos seus protagonistas. En substancia, en Bagdad do que se trata é de estender a hexemonía de EEUU sobre recursos que lle son necesarios como é o petróleo. Nese sentido non existe mais civilización que a do capitalismo reinante e nese contexto os conflictos, se as desigualdades continúan crecendo, enfrontarán a excluídos con integrados, os novos donos do mundo e os parias da Terra.


Notas:

(1) BBC, 10 de maio de 2003.

(2) Montoya, Roberto. El Imperio Global. Los libros de la catarata, Madrid, 2003. Páx 358.

(3) Riordan, Shaun. Sí, era el petróleo. En Estrella Digital.

(4) Mansilla, Roberto. ¿Adeus á OPEP?, Canal Mundo (Vieiros), 29 de abril de 2003.

(5) El País, 4 de maio de 2003.

(6) The American Conservative, marzo de 2003.

(7) Commentary, marzo de 2003.

(8) En Jeune Afrique/L’Intelligent nº 2204, do 6 ao 12 de abril de 2003.

(9) Ibid. Anterior.

(10) As Safir, 15 de abril de 2003.

(11) Karlsson, Ingmar. El choque de civilizaciones: ¿un escenario realista?, Política Exterior nº 40, agosto/setembro de 1994.

(12) Pfaff, William. Inevitable Clashes Between Civilizations? Don’t Believe It, International Herald Tribune, 23 de xaneiro de 1997.

(13) Amin, Samir. Imperialismo y culturalismo. El Viejo Topo, xuño, 1997.

(14) Thieux, Laurence. Confrontaciones de culturas: buscando el paradigma de las relaciones internacionales. En Papeles, CIP, nº 52, 1994.