Á segunda vai a vencida

A primeira clave a dilucidar na crise de Kirguizistán consiste en determinar se foi produto principalmente de circunstancias internas ou se constitúe un episodio máis da pugna estratéxica que enfronta os intereses de EUA e a OTAN con Rusia e a OCX (Organización de Cooperación de Xangai) en Asia Central. A segunda, se o novo goberno provisorio mudará de política e en que extremos, o cal pode ser indicativo igualmente das principais causas que incidiron na precipitación dos acontecementos cun saldo de case un cento de mortos e máis de mil feridos.

Motivos non faltaban para o levantamento popular. A corrupción e o nepotismo foron a máis durante o mandato de Bakíev ao igual que a irritación e o desencanto dos sectores que o apoiaron en 2005. O xeito de conducírense as protestas (moi organizadas, con milicanos armados, etc.) deixan entreaberta a hipótese dun aproveitamento do descontento social e do incremento da represión contra a oposición para incidir nun cambio de poder en Bishkek cun programa consistente en retomar a senda orixinal trazada en 2005.

Pero tampouco faltan argumentos para a intriga estratéxica. O Parlamento da República aprobou en febreiro de 2009 o peche da base estadounidense de Manas, unha vez asegurados compromisos de asistencia e créditos por valor de 2.000 millóns de dólares por parte de Rusia. Washington manobrou para evitar o peche da citada base, peza clave para afirmar a súa presenza na zona, e acordou pagar 180 millóns de dólares a Bishkek para mantela aberta, se ben aceptando restrinxilo uso ao traslado de materiais “non letais” a Afganistán.

A visita do xeneral David Petraeus, máximo responsable das forzas armadas de EUA en Iraq, no mes pasado a Kirguizistán para certificar o acordo de construción dun centro antiterrorista, puido ser a gota que rebordou o vaso da paciencia rusa. O Kremlin sentiuse enganado polo dobre xogo de Bakíev. O feito de que Putin acusarao en plena revolta de cometer o mesmo “erro” que o seu antecesor Akáev, derrocado en 2005, fai dubidar sobre a connivencia das autoridades moscovitas coa rebelión, reiteradamente desmentidas nestes días. Segundo a axencia Reuters, o líder opositor Omurbek Tekebayev, declarou abertamente que "Rusia xogou o seu papel no derrocamento de Bakíev".

As primeiras medidas anunciadas pola xefa do executivo provisional, a ex ministra de exteriores Rosa Otunbáeva, relativas á reversión das privatizacións e a redución nun 50% dos prezos de bens básicos como a agua potable, a electricidade ou a calefacción, son indicativas do compromiso con certo saneamento democrático das institucións públicas e coa necesidade de evitar un agravamento da pobreza no país, medidas que aseguran ao novo gabinete a contemporización social que precisa ata a celebración dos comicios, a seis meses vista.

As posibilidades do derrocado Bakíev de organizar con mínimas perspectivas de éxito unha oposición ao novo goberno desde Osh, onde seica permanece refuxiado,  dependen exclusivamente da súa influencia no exército e nas forzas de seguridade, que Otunbáeva situou taxativamente no bando dos insurxentes, co que as posibilidades dun alargamento da crise son mínimas.

Por outra banda, Otunbáeva asegurou o pleno respecto dos compromisos internacionais asumidos pola República, ratificados telefonicamente ante Putin e nun encontro presencial mantido con diplomáticos da misión estadounidense na capital. Iso significa que, en principio, todo seguirá igual na base de Kant (rusa) e de Manas (estadounidense), se ben Otunbáeva situou en axenda o futuro da cooperación con EUA, deixando no aleiro a viabilidade do centro de antiterrorista que planea Washington. Só no pasado mes de marzo transitaron por Bishkek 50.000 efectivos militares de EUA e outros países integrantes da ISAF (Forza Internacional de Asistencia á Seguridade en Afganistán).

Unha delegación encabezada polo xefe adxunto do gabinete provisional, Almazbek Atambáev, partiu este venres cara Moscova para celebrar conversas coas autoridades rusas. Putin ofreceu axuda humanitaria inmediata. Medvedev, desde Praga, reclamou das novas autoridades o peche da base estadounidense. Desta vez, Moscova empregarase a fondo para asegurar os seus intereses. Está por ver que o consiga e que iso redunde en beneficio dunha cidadanía duplamente maltratada, polas súas autoridades e polas apetencias estratéxicas das grandes potencias. O Gran Xogo está cheo de trampas e miserias.