20071004 pyongyang roh moo hyun kim jong il 01

A sorpresa coreana


 Roh Moo-hyun e Kim Jong Il; clic para aumentar
A celebración do cumio intercoreano o pasado mes de outubro, o segundo en sete anos, e os seus prometedores resultados, tanto no político como no económico, espertan múltiples esperanzas de que, por fin, esta herdanza da guerra fría atope unha vía estable de solución. (Foto: Roh Moo-hyun (á esquerda) e Kim Jong Il no cumio das Coreas o 4 de outubro de 2007 en Pyongyang).
 

A situación actual na península coreana non ten nada que ver coa de hai un ano, cando Pyongyang fixo estourar a súa bomba nuclear. De entón a hoxe, moitas cousas mudaron. Na última xuntanza celebrada en Pequín do diálogo hexagonal, EEUU accedeu a retirar a Corea do Norte da listaxe de países que patrocinan e apoian o terrorismo. Pola súa banda, Pyongyang comprometeuse a desmantelar a central de Yongbyon e informar de modo completo e transparente, antes de finais de ano, de todos os seus programas nucleares, aceptando a supervisión de Washington (que financiará os traballos). O abandono da aposta nuclear ten como contrapartida a entrega dun millón de toneladas de gasóleo pesado ou o seu equivalente monetario para facer fronte ás necesidades enerxéticas do réxime de Kim Jong Il.

Por outra banda, a celebración do cumio intercoreano o pasado mes de outubro, o segundo en sete anos, e os seus prometedores resultados, tanto no político como no económico, espertan múltiples esperanzas de que, por fin, esta herdanza da guerra fría atope unha vía estable de solución. Aínda que os anuncios económicos primaron, con importantes investimentos de Seúl que poden contribuír a aliviar a precariedade económica do Norte, a clave segue estando na confianza política entre as partes que deberá superar, en breve, unha primeira e substancial proba para dar honesto cumprimento aos acordos asinados: a superación da situación de guerra mediante a formalización dun acordo de paz, hoxe inexistente. Ese requisito si suporía un salto cualitativo esencial para deixar atrás o aínda vixente escenario, o do simple cese das hostilidades. EEUU, que ao igual que China, debería participar na sinatura dese tratado por ser parte involucrada no conflito (mantendo no Sur 28.000 soldados), esixe, como paso previo, o compromiso norcoreano de renuncia ás ambicións nucleares.

Da análise dos oito puntos da declaración conxunta asinada polas dúas Coreas, dedúcese que os encontros proseguirán a nivel de xefes de goberno e ministros. Se nada se torce, os primeiros serán neste mesmo mes de novembro cando os titulares de defensa concreten a utilización e explotación conxunta de áreas de pesca do Mar Amarelo e do porto de Haeju (no Norte) e da desembocadura do rio Han (que atravesa o Sur). Cada paso que neste sentido se afirme é un varapao ao escepticismo e establece sólidas bases para asegurar unha paz permanente na península. Igualmente, revelará a utilidade do diálogo como mecanismo para realizar progresos en materias conflitivas, moito máis eficiente que calquera inclusión en “eixes do mal” e outros enredos.

A reorientación da negociación en Corea ofrece a Pyongyang unha oportunidade única para saír do seu illamento e obter beneficios económicos importantes. A paz e a superación da desconfianza pode abrir o camiño á reconstrución da súa economía coas achegas procedentes do Sur. Roh falou de crear unha “comunidade económica conxunta”, que axudaría a estreitar as relacións bilaterais e a elevar o nivel de vida no Norte, un dos máis baixos do planeta, agravado cunha falta de liberdades que atopa na supervivencia do conflito boa parte dos seus argumentos máis falaces.