A tentación do apocalipse

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Por unha banda, Bush define un "Eixo do Mal", un sustituto ou nova encarnación do "Imperio do Mal", contra o que hai que loitar con todas as armas. Pola outra, e xa moitísimo antes do 11 de setembro de 2001, os ayatolas pronunciaran ex cathedra que os Estados Unidos eran e son "o Gran Satán". Agora, ata Pastrana, ao por fin á tregua entre o goberno de Colombia e as guerrillas e voltar, coma quen dí, á guerra civil, invoca a protección do Arcanxo San Miguel, xefe das hostes celestiais contra as milicias luciferinas das FARC. ¿Será que entramos nunha nova era ? ¿ Ou será que non nos decatáramos de que a secularización non existía na vida internacional? Corren ventos de apocalipse. ¿Haberá que deixarse levar por eles ou teremos abeiro nalgures?

O que habería que plantexar, se temos un intre de reflexión, é se estes tempos serán tan novos como agora nos din. O mundo non muda tan de súpeto e convén precaverse contra a realidade virtual e mediática que é moito máis fácil de mudar que a mais fonda e real. E que non muda por acaso, senón empuxada polos intereses reais que estaban e seguen estando no fondo. Val a pena ver con atención, por exemplo, como no mundo da economía remátase unha e outra vez por voltar aos "fundamentals", aínda que sexan os movimentos das bolsas, a especulación e os fulminantes fluxos de capitais os que atrain a atención dos medios.

O mundo de hoxe non ten problemas moi diferentes do de hai seis meses. Os fundamentalismos de todo xénero estaban xa aí. Aí estaba tamén a apavorante desigualdade da distribución da riqueza, non só entre Norte e Sur, mas tamén dentro das sociedades nacionais "ricas". A mesma desigualdade nos valores culturais, a precariedade da razón humana no máis nobre sentido da palabra entre o fanatismo relixioso e o fanatismo do lucro desatado. O que se chamaba terceiro mundo, disolvida a dimensión xeográfica, incrustado nas sociedades desenvolvidas nun corrimento de camadas xeolóxicas de alarmantes consecuencias.

O que había era un silenciamento dos conflictos, interesado sen dúbida, despois do fin da guerra fría. Incluso algúns sentíanse enfastiados nun mundo "pouco interesante", sen as polémicas ideolóxicas que tanto gorentaban aos intelectuais e que ían deixarlle o paso a problemas técnicos dos que se encarregaría unha nova casta de tecnócratas e "masters".

Por baixo disto e de toda a apariencia de globalización, uniformidade, pensamento único, etcétera, seguía habendo conflictos localizados xeográficamente e inspirados por pensamentos e aspiracións tradicionais moitas veces e históricos en todo caso.

O recurso a interpretacións apocalípticas é cuase sempre sospeitoso, e máis cando estas veñen dos axentes do conflicto, dos dous lados. O millor antídoto é a atención ao detalle.

O casus belli

O que acontecéu o 11 de septembro, terrible nas dimensións da matanza, ousado no seu emplazamento, máis simbólico seguramente na interpretación que na concepción, non foi unha declaración de guerra á civilización, nen ao mundo occidental e tal vez nin sequer aos Estados Unidos de América per se.

Non sabemos, aínda que podamos intuilo e que valería a pena averigualo de certo, como se artella na realidade a disposición ao martirio de orixe relixiosa ou psicocultural coa planificacíón extratéxica de quen a aproveita. Nen siquer sabemos coa precisión que quixéramos cál ou cáles son as organizacións ou personas concretas que participaron neste sangrento episodio. Todo parece indicar, nembargantes, que encaixa nun conflicto político tradicional motivado polo descontento con certos reximes autoritarios ( uns seculares, como Exipto e outros relixiosos como o da Casa de Saud en Arabia) por parte de grupos, probablemente moi amplos, dos seus territorios, afastados tanto do desenvolvimento atribuido á modernidade como dos privilexios e as riquezas amoreadas pola clase dirixente, e que cristaiza en formulacións relixiosas. O escándalo ante a intimidade política e económica dos Estados Unidos con eses reximes toma doadamente, nesas condicións, e nas resultantes do díficil, longo e insatisfactorio proceso de confrontación entre civilización islámica e secularización posconfesional da cristiandade, un carácter relixioso e perfila como enemigo á superpotencia protectora. Os ecos do colonialismo potencian o argumento. Tal vez sexa interesante unha comparación con Latinoamérica, onde foi igualmente escandaloso o apoio estadounidense a reximes impopulares, onde a heranza colonial e os seus resentimentos estaban presente, pero onde non había elemento relixioso comparable ao islámico para artellar a oposición.

O ataque a Nova Iorque e Washington foi unha provocación táctica brillante para unha operación con fins moi concretos en términos "rexionais". Por certo que tal vez non haxa que exaxerar a prioridade do conflicto palestino-israelí nos fins desa táctica. Pode ser un fruto máis, benvido pero non primario.

Os Estados Unidos non só responderon á provocación, senón que a aproveitaron, sen dúbida, para poder actuar, durante non sabemos aínda canto tempo, con carta branca en proxectos que xa tiñan, que a hexemonía "un feito" esixe na sua lóxica, pero que nas condicións anteriores tiñan que esperar ou que encamiñarse por outras vías, como as da política económica internacional do Presidente Clinton. Un regalo para Bush, que pensaba ir por outros camiños semiaislacionistas, e que sin esto non tería a popularidade sen precedentes que hoxe ten no seu país.

Aí están, xa que logo, reclamando análise e actuación, os problemas que poderían seguir arquivados algún tempo máis se non fora pola provocación. En todos eles, a iniciativa está vindo dos Estados Unidos. E non sería pensable nin xustificable en termos nacionais que éstes deixaran sen utilizar a oportunidade. Desde Iraq ata o Sahara Occidental, ábrense oportunidades inestimabeis "e ineludibeis" para unha potencia hexemónica. A situación non para de oferecelas: a morte de Savimbi, por exemplo, exixe actuación rápida nese país africano, que non hai que esquecer que produce tanto ou máis petróleo que Kuwait.

É obrigación ir máis alá da retórica e non limitarse a denunciala. Non abonda con insistir en que detrás dos fervores relixiosos e democráticos dos discursos da lideranza estadounidense hai intereses reais mui concretos. Por eso hai lóxica nos conflictos e entran no campo da razón. ¿Pódese negar que o petróleo é importante e que importa quén o controle? Dese tipo de realidade habería que partir para propor alternativas, sen asentarse nunha dogmática moralizante e cómoda que aplicamos ás relacións internacionais e a mais nada.

Outro "favor" do ataque suicida á administración de de Bush foi o de permitirlle sair da millor maneira posible do sempiterno problema do unilateralismo e o multilateralismo na conducta do seu país no mundo. Un presidente e un congreso con pouca simpatía polas alianzas víronse na situación de invocalas para proceder aos seus planes, sabendo que as dimensións apocalípticas do momento xustificaban unha actitude de "quen no está conmigo está contra mín". ¿E quen vai estar do lado do Mal? Sobre todo cando, en termos da propia política interna, cuase todos es gobernos do mundo síntense ameazados pola sustancia ou a forma "radicalismo ou terrorismo" do enemigo común, xeneralizado neses termos cunha elasticidade como quen di completa.

A solución foi tan perfecta que, curiosamente, parece que cuase pasou de moda, por innecesaria, a mesma OTAN. Segue prestando servicios certamente, pero vai sendo cada vez máis difícil que conten nela outras voces que as dos EUA. Aparte dos Balcáns, a crise tróuxolle outra tarefa modesta pero necesaria: a vixilancia continua con AWACS do espacio aéreo do país norteamericano.

Teñen agora os Estados Unidos unha alianza á que encontran difícil obxetar os que tanto se queixaron do unilateralismo. E pretender un multileralismo "democrático" é irreal a todas luces. Os protestos e as tensións teñen os pes trabados pola desproporción de poder, e moi sinaladamente de poder militar. Vai ser difícil, ainda que tal vez non imposible de todo a longo prazo, ir limando os dentes da potencia hexemónica. Pedir que actúe como unha ONG é moito pedir.

Alianzas tería que habelas de todo xeito, e ata cabía esperar que os países fosen xogando bazas, cada un cós seus trunfos, e situándose da millor maneira posible nunha nova constelación. Non foi así, polo esmagador da provocación e da reacción. E porque viñeron á tona algúns espellismos antes disimulados e agora manifestos.

O espellismo europeo

Europa, a Unión Europea, tén unha oportunidade máis de predicar desde un púlpito de moralidade superior e sazoada pola cultura e a historia. Pero exponse moito a acusacións de hipocresía. Non importaría nun apocalipse. Pero aínda non estamos aí, según parece. E no mundo real, no que había antes e seguirá habendo probablemente, para desespero de uns e exercicio de paciencia de outros, a Unión non pode seguir aforrando en armamentos e pretendendo influir na guerra. Aínda que só sexa de paso, convén suliñar que o seu entusiasmo unitarista dificulta una posibilidade que aínda había ata pouco e que vai quedando moi reducida: a da neutralidade nacional. Aparecer como unha entidade á espera da hexemonía non é nada novo nin ten nada de admirable para quen teña aspiracións progresistas nas relacións internacionais.

A actuación da Unión Europea está moi lonxe de ser especialmente progresiva ou xenerosa, ou de ofrecer alternativas ao capitalismo predatorio en esferas tan pouco espectaculares, pero tan importantes, como a das organizacións intergubernamentais de productos básicos ( OIC, OICC, etc.). Estes "detalles" precisan de atención, cando esquecemos por uns momentos o milenarismo apocalíptico e vimos ao que recebe o traballador do cafetal polo café que os desenvolvidos á moda presumen de apreciar.

Nen siquer no escenario máis amplo da ONU, no que poderían poñerse esperanzas, todo o limitadas que se queiran, para propor e desenvolver alternativas á hexemonía, é exemplar, nen moito menos, a actuación da Unión Europea. Explícase moito millor como a dun aspirante á hexemonía, composto, despois de todo, de antigos imperios.
Cairon tamén os veos da socialdemocracia europea e as suas "terceiras vías" . Era un enfoque moi fácil no mundo artificialmente calmo do fin da historia. Incluso Bill Clinton tiña a simpatía dos socialdemocrátas europeos para unha política tan hexemónica como a do seu sucesor, pero coa luva branca da economía. Agora, tanto ten Tony Blair como Aznar: os dous queren "redefinir" a Alianza. Vailles ser difícil.

O espellismo antiglobal

É difícil non sentir simpatía por moitos aspectos do movimento antiglobalizador, e probablemente non hai por qué poñerlle tachas por ser tan variopinto como é. Entre os seus méritos ata agora está o de ter dado unha chamada de atención moi necesaria á arrogancia de Davos e facer mudar a linguaxe das negociacións e os textos das organizacións internacionais que instrumentan ou tentan reglamentar a desreglamentación. Tamén iniciativas como a da Taxa Tobin ou a ben conducida operación contra o Acordo Multilateral sobre as Inversións son partidas no seu haber.

A retórica dese movimento, e ata a sua linguaxe expresiva corporal, a sua simbólica, as suas danzas e imaxes evocan un preapocalipse perigoso, que pode estalo levando ás correntes iniciadas pola provocación de que vimos falando. Habería que ter cuidado de non repetir as festas nas que morreu a productividade e o futuro da esquerda mentras trunfaba un capitalismo de "panem et circenses". É doado descansar a responsabilidade do pensamento duro nun espectáculo que non por ser simpático deixa de ser tan espectáculo como o dos medios capitalistas.

"Outro mundo é posible". Oxalá, e boa falta fai. Pero se ha de ser realidade para todos non pode ser cuestión de estilos e formas, nen dun fácil doctrinarismo do bon salvaxe.

O espellismo da desestabilización do status quo

Sempre que hai una hexemonía, o que adoita acontecer despois das guerras, e canto máis mundiais son éstas máis forte e a hexemonía resultante, as esperanzas dos descontentos, por non decir das víctimas, ainda que eso é que son moitas veces, céntranse na existencia de unha segunda potencia "insatisfeita" e algo marxinada ainda, pero con potencialidade destructiva. Así foi sempre, incluso cando non había tan claramente como agora unha potencia hexémonica tan abertamente única, senón un sistema de equilibrio como o do chamado Concerto da Europa de hai máis dun século ou o resultante do Tratado de Versalles. Eses abandeirados da subversión do status quo atrain a adhesión e a simpatía de cantos non se senten representados ou debidamente atendidos no sistema ou non comparten os seus valores.

Isto é comprensible. Pero se de algo ha de servir a experiencia histórica, teremos que ter cuidado para ver con quén nos embarcamos. O progresismo arrastra unha triste historia de nefastas alianzas. E para o nacionalismo ilustrado, é decir para quen desexe un mundo plural e aberto no que caiba a experimentación e os erros que ten que haber para que haxa progreso. pouco teñen que ofrecer ideoloxías unitaristas e totalizadoras como a da Umma islámica, que teñen o seu modelo nun pasado idealizado.

Deixou as primeiras páxinas o tema do Pacífico e o século do Pacífico, pero non hai motivo para pensar que non vai dar xogo no tapete das hexemonías a evolución do mundo chinés. Conviña non criar máis espellismos, pero a verdade é que, das experiencias alleas, hai por ahí algúns elementos máis "exportabeis" que moitos dos que circulan estes días. Non falo só da cultura tradicional senón tamén da experiencia política dos 150 anos máis recentes da China. E da Rusia.

O Apocalipse é un ponto final. E, como non hai pontos finais para a historia, mais valerá recusarse a aceptalo e seguir pensando duro e con paciencia. A política, tan aperreada, pode aínda ofrecernos máis que o milenarismo.