Como empezou o conflito?
Atendendo á versión dos países occidentais, trataríase de axendar unha resposta contundente á mobilización de tropas rusas na fronteira ucraína; atendendo á versión rusa, trataríase de evidenciar ante a OTAN a firme vontade de conter a expansión desa organización máis ao Leste porque entende que iso suporía unha grave ameaza para a súa seguridade. Cabe lembrar que a comezos dos nos anos 90, os EUA deron garantías ao líder soviético Mijaíl Gorbachov de que non se expandiría cara o Leste. Mentiron: aí están os países bálticos, Bulgaria, Romanía, Hungría, etc., todos dentro da OTAN. Esa idea de que os rusos son “malos malísimos” e nós o paradigma da solidariedade benintencionada require de moitos matices.
De onde vén? Cales son as súas orixes?
Habería varios planos a considerar. Dunha banda, sen remontarnos mais atrás, a guerra de Ucraína de 2014 rematou cos Acordos de Minsk, que non foron implementados debidamente; por tanto, o conflito permanecía en stand by pero non estaba nin está resolto. Doutra, a tensión entre EUA e a OTAN con Rusia leva anos en fase de espiral crecente. Non se trata só das críticas ao sistema político ruso e os seus déficits en materia de liberdades, poñamos por caso, senón tamén do papel desempeñado polo Kremlin para condicionar os intentos de Occidente de alargar a súa influencia en países da periferia inmediata, xa falemos de Bielorrusia ou Xeorxia, por exemplo. Por tanto, Ucraína é neste caso unha peza mais desa engrenaxe de tensión entre os EUA e Rusia.
Por que agora todo o mundo mira para Ucrania? Que cambiou para que poñamos o foco naquel país?
Porque é o aglutinante referencial desas tensións como hai meses aconteceu coa Bielorrusia de Lukasenko. Por outra banda, hai quen pensa que a OTAN necesitaba dun conflito de gran impacto mediático para revalorizarse ante a súa crise de identidade. Macron dicía hai un par de anos que estaba “en morte cerebral”. É claro que Washington, que libra unha loita a vida ou morte pola hexemonía global con China, precisa asegurarse de que a UE estea do seu lado ao cento por cen. O estalido de conflitos en Europa obriga a todos a posicionarse de xeito que Bruxelas e Washington reforzan a súa alianza. Sen un Occidente unido baixo o liderado anglosaxón (o que chaman ideas, valores e unha orde baseada en regras), China, pensan, será o hexemón do século XXI.
Que intereses económicos hai con Ucrania….
A relevancia económica de Ucraína, con ser importante, non é determinante neste aspecto onde a clave esencial é de carácter estratéxico. Ten que ver, dunha banda, coa circunstancia de territorio de paso para Rusia, pero tamén para China, no marco do impulso da Ruta da Seda terrestre. Naturalmente, caso de se exacerbar as tensións con Rusia, o transcendental gasoduto Nord Stream 2, a piques de finalizarse, podería fracasar. Ese é un vello empeño das autoridades estadounidenses que temen que ese subministro sexa a base sobre a que podan construírse unhas novas relacións entre a UE e Rusia con base no exercicio da súa autonomía estratéxica e a reformulación do eixe ruso-xermano . Polo pronto, Ucraína está sendo moi perxudicada con esta onda de pánico suscitada en Occidente que para moitos non se corresponde en absoluto coa situación real. Contrastan os alporizados chamamentos á retirada de diplomáticos duns coa actitude sosegada doutros. Mais que operacións pre-bélicas semellan estar en xogo estratexias mediáticas.
Cal é e cal cre que debería ser o papel da Unión Europea neste conflito?
A UE debera tomar as rendas dunha crise que prexudica a estabilidade continental. Non debera permitir que os EUA ou a OTAN, ou Rusia, xoguen á guerra en chan europeo. Debe recuperar a iniciativa e propor unha axenda de paz. Europa non pode ser un convidado de pedra nun asunto tan serio e debe facer valer os seus intereses propios.
Que camiños se abren agora?
O único camiño é a diplomacia. Persoalmente, considero que a OTAN é unha reliquia da Guerra Fría, obsoleta. Entidades como a OSCE (Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa), con participación de todas as partes, debera reformularse e tomar o relevo para establecer novos paradigmas de seguridade no continente. O fracaso da estratexia de tensión debera acentuar o diálogo non só entre Rusia, Ucraína e países clave da Unión senón tamén con China no marco dunha concepción euroasiática que compriría potenciar.
Que consecuencias pode ter un conflito bélico agora mesmo en Ucrania?
Para Rusia non é de interese, por mais que se insista no contrario. Só lograría con iso acentuar o vínculo de Kiev coa OTAN, proporcionando argumentos para unha escalada que a illaría aínda máis. A imposición de sancións revertería negativamente na súa relación coa propia UE, outro escenario que non lle beneficiaría. Por tanto, o diálogo é unha opción pola que apostar, un diálogo con base en Europa e conducido por Europa, tendo en conta igualmente que Rusia é tamén, en gran medida, un país de alma europea.
Fálase do risco dunha terceira guerra mundial. Que opina?
As posibilidades dun conflito de alcance global que opere a modo de punto de inflexión dunha nova orde mundial nos remiten á Asia, por Taiwán ou o Mar de China meridional. A emerxencia de China e tamén aquí a tenace militar dos EUA con instrumentos como o QUAD ou a recente AUKUS, os cambios en curso na doutrina militar de Xapón, etc. suxiren un risco potencial maior nesta parte do mundo. Quizais o que os EUA pretenden co engulipamento de Ucraína na OTAN é encorsetar a Rusia para logo ocuparse do que realmente lle importa, que é China, o seu grande rival estratéxico. Pero enfrontar á vez á China e Rusia pode ser moito para quen nin sequera foi capaz de gañar a guerra de Afganistán.