Obviamente no ánimo dos redactores e dos expertos que os foron escoitar hai temas de fondo na mente de todos. Simplemente que no entorno hiperconsociativo de Bruxelas, aínda hoxe os problemas procuran ir revestidos de palabras neutrais e tecnocráticas. Certamente Trump chega á Casa Branca cun continente cheo cada vez máis de simpatizantes: Italia, Hungría, Eslovaquia e agora tamén Países Baixos, e case probablemente a Austria de Kickl por non falar doutros lugares onde pisa forte coma Francia, Alemaña, Finlandia, Suecia, Dinamarca, e en menor medida tamén Portugal e España. A vella coalición renana de posguerra (democristiá, socialdemócrata e liberal), nin co apoio ocasional dos verdes, é quen xa de facer cordón sanitario: no parlamento europeo de xuño pasado hai tanta ultradereita que fai presentable á extrema dereita. Esténdese a xeografía do descontento. Seméllalle ao lector de Historia que os lumes prenden en tódalas capitais europeas, como cando ao final da Idade de Bronce ardían e caían, un por un, os pazos dos primeiros imperios mediterráneos.
Durante moitos anos, os bloqueos navais, cortes de cables, guerra submarina, combates de blindados e drons na Heartland eurasiática, plans de invasión terrestre e conquista do Ártico estaban refuxiados na imaxinación febril dos xeoestrategas en pixama e, coma moito, dos think tanks de defensa. Hoxendía están nas portadas dos telexornais. Estamos ante o final dun mundo pero onde o (in)feliz mundo novo aínda non deu nacido. O que se bautizara coma a Fin da Historia trala Guerra Fría, resultou ser só un período de transición: Non só as potencias revisionistas de 1989 tentan volver ao mundo anterior á orde internacional de 1945, senón tamén os propios fundadores coma os Estados Unidos están póndoo en cuestión: a ameaza a non defender os aliados da OTAN e mesmo a invadir un deles (Grenlandia) non é só retórica negociadora, de por si sen precedentes, senón que supón á volta a instintos que están tamén na tradición norteamericana: a do primeiro Roosevelt, Jackson, Monroe.
É o espírito do tempo: a prohibición da chinesa Tiktok polo Supremo no derradeiro día da presidencia Biden, supón un marcador máis da fin da orde neoliberal destas tres décadas: o principal defensor do sistema pon cancelas na internet pois a potencia emerxente chinesa compite, cando non anega, o mercado global (caso coches eléctricos) con empresas que conteñen células do Partido Comunista. O capitalismo norteamericano lembra o da “Guilded Age” de finais do XIX, só que a oligarquía petroleira e industrial que capturaba o goberno, agora son uns poucos señores feudais tecnolóxicos, agora tamén co pulo da Intelixencia Artificial.
Reprégase militarmente Francia de África tras douscentos anos. Rusia convértese na caricatura revisionista que tenta, cun século de retraso, o desquite do Gran Xogo. Todo para acabar dependendo da artillería en desuso e da carne de canón norcoreana, a tecnoloxía irania e o alento económico chinés. Non está claro que o abrazo do Kremlin ao dragón pequinés sexa só un xeito de gañar tempo, ao xeito Molotov-Ribbentrop, antes da inevitable confrontación pola provincia do Amur. A non ser que o mahgong estratéxico de Zhongnanhai leve antes á anexión económica da baleira pero rica Siberia, tamén do Paso do Noreste por un Ártico libre de xeo. Mísis hipersónicos, torpedos nucleares intercontinentais, carreira público-privada pola Lúa e minerais raros, o repóker por Taiwan, confrontacións inéditas en Oriente Medio…todo parece unha versión postmoderna do Mundo de Onte anterior á primeira conflagración mundial.
E cal é a resposta da UE en todo isto? Por un lado a pandemia permitiu responder á famosa pregunta e Kissinger: para falar con Europa hai que chamar a Von der Leyen. Tal é así que Bruxelas parou en xaneiro cando ela agonizaba en segredo nun hospital. Agora ben, é un espellismo? A actual Presidenta da Comisión beneficiouse da conxunción dunha crise económico-sanitaria sen precedentes, a febleza alemana e a decadencia francesa. A UE segue sen ter un dos elementos fundamentais do poder: a capacidade de exercelo directamente sen intermediación algunha, neste caso dos Estados Membros. Estamos xa nunha retórica claramente defensiva, e as guerras comerciais e o proteccionismo xa están na boca dunha Europa que era o derradeiro bastión dos mercados abertos. O Informes Letta e Draghi, sen dicilo, ou a nova “Task Force” para salvar a industria automobilística (francoalemá) van diso. Circula estes días un gráfico que amosa que hai 20 anos a UE e os EE-UU tiñan economías dun tamaño semellante. Agora a norteamericana é un 50% máis grande. Tamén se fala moito de que a UE é pioneira en regular a tecnoloxía da IA, pero que esa industria está en ultramar. Trala excepción do Plan de Recuperación, o orzamento da UE de 2028 en adiante, e que se presentará a mediados de 2025 -a Teoría da Relatividade rexe os tempos de Bruxelas-, é pouco probable que volva a sobrepasar os 100.000 millóns anuais (a sexta parte do español). Aínda non está claro se haberá acordo para crear impostos europeos para devolver o endebedamento (ata 2058) da pandemia. A UE está en tempo de desconto para xogar na nova desorde emerxente. Pero non está claro que haxa vontade nin medios para facelo.

