1995radovan karadzick

A UE no talón de Aquiles balcánico

 Clic para aumentar
Son varias as causas abertas neste Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, por exemplo, contra Radovan Karadzic, un dos mais buscados. A acusación di que Karadzic empregou tácticas de terror para forzar ós non serbios a abandonar zonas de Bosnia Hercegovina, utilizando a deportación e a eliminación física. As forzas serbo-bosnias, baixo control de Karadzic, executaron accións destinadas a reducir drasticamente a musulmáns, croatas e demais poboación non serbia de Bosnia en determinados municipios, e en particular en Bijeljina, Banja Luka e Srebrenica e arredores. (Foto: Radovan Karadzic en 1995).
 

Serbia e Montenegro inician a senda formal de achegamento á Unión Europea e á OTAN. As negociacións reabríronse logo de varios incidentes sobre a entrega ou non de criminais de guerra ó Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia. A Unión Europea deu por pechado o asunto o pasado mes, cando Serbia negouse a entregar a varios ex comandantes e xenerais acusados polo tribunal, sinalando que eran uns fuxitivos e que non estaban dentro das súas fronteiras.

Logo de varias negociacións, das que podería mesmo deducirse a existencia dun pacto secreto, a Comisión Europea premiou a entrega dunha ducia de fuxitivos que, na súa maioría, decidiron entregarse de forma voluntaria coa esperanza (¿ou a certeza?) quizais de que as penas solicitadas se reduzan significativamente.

Son varias as causas abertas neste Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, por exemplo, contra Radovan Karadzic, un dos mais buscados. A acusación di que Karadzic empregou tácticas de terror para forzar ós non serbios a abandonar zonas de Bosnia Hercegovina, utilizando a deportación e a eliminación física. As forzas serbo-bosnias, baixo control de Karadzic, executaron accións destinadas a reducir drasticamente a musulmáns, croatas e demais poboación non serbia de Bosnia en determinados municipios, e en particular en Bijeljina, Banja Luka e Srebrenica e arredores.

A fiscalía acúsao de xenocidio, complicidade para o xenocidio, crimes contra a humanidade coma o exterminio, asasinato, persecucións por razóns políticas, raciais e relixiosas, e actos inhumanos, ademais de violacións das leis e usos de guerra (asasinato, atemorizar a civís e toma de reféns) e a violación da Convención de Xenebra ó argüír que tiña "vontade de matar". Os feitos que se lle imputan remóntanse a xullo de 1991 e decembro de 1992, cando desatou duras ofensivas para asegurarse o control de zonas de Bosnia Hercegovina, logo auto proclamadas como República Srpska.

A acusación fiscal contra o ex xefe do exército serbo-bosnio, Ratko Mladic mantén que bombardeou zonas de Saraievo dende maio de 1992, matando e atemorizando á poboación. As súas forzas ocuparon pobos de Bosanski Krajina e do este de Bosnia, deportando a milleiros de cidadáns non serbios, e moitos deles foron asasinados ou recluídos en campos de prisioneiros. De xaneiro a marzo de 1993, as súas forzas atacaron zonas de Cerska, no este de Bosnia. Miles de musulmáns víronse obrigados a fuxir a áreas controladas entón polo goberno bosnio e incluídas en Srebrenica e Zepa. Máis de 7.000 prisioneiros bosnio-musulmáns capturados arredor de Srebrenica foron executados do 13 ó 19 de xullo de 1995, enterrados en fosas comúns e exhumados despois para ocultalos noutros lugares.

Sen embargo, hai máis dunha ducia de acusados que están en busca e captura. Doutros, como Goran Borovnica, hai diferentes versións e ninguén sabe se están mortos ou vivos. As autoridades serbias, dise, seguen enviando información errónea ó Tribunal, quizais para gañar tempo na tutela dos seus cidadáns protexidos.

Pero Serbia e Montenegro aspiran a entrar na Unión Europea. E o ingreso está parcialmente condicionado á entrega de personaxes coma os descritos anteriormente. Se xa se abriron as negociacións para firmar un acordo de estabilidade e asociación comercial como primeiro paso cara a integración, ¿quere dicir isto que só con algúns xestos esquecerase todo o demais? Poida que así sexa. O goberno serbio segue a amparar xenocidas, din algúns, e por iso, probablemente, a negociación asenta sobre unha cadeira que aínda se cambalea. O certo é que nos últimos tres meses, o goberno serbio estivo cooperando moito máis que en períodos anteriores.

A integración na Unión Europea é un obxectivo alcanzado por países da ex Iugoslavia, como Eslovenia, e que están a punto de lograr outros coma Croacia ou incluso Macedonia. Serbia, mentres, vai quedando atrás na política de cooperación internacional da Unión Europea e corre o risco de perder o tren da Europa comunitaria. En calquera caso, a adhesión non se produciría antes da fin do 2013, data na que xa estarán integrados todos os países da nova ampliación da UE. Incluíndo a Romanía, Bulgaria ou Turquía.

A declaración da Comisión Europea sobre o comezo de negociacións con Serbia e Montenegro para conformar un acordo de Estabilización e Asociación vai propiciar unha lenta pero irreversible remodelación interna, tanto política-económica como social, que ogallá sexa algo mais que pura cosmética.