![]() | |
O seu potencial (xacementos de minerais, e reservas de gas, petróleo e augas subterráneas) interesou a Estados Unidos ata que Sudán pasou a ser considerado perigoso pola súa vinculación co chamado terrorismo islámico. Agora, estes recursos naturais son o punto de mira de China ou Malasia, estados que se abastecen de combustible a cambio do armamento que alimenta o conflito. Así, as relacións con Xartum radican nestes intereses, fundamentalmente económicos, que non xeran riqueza á sociedade civil. Lonxe diso, os/as sudaneses vense obrigados/as a emigrar dentro do seu propio país ou cara a campamentos de refuxiados na fachada Leste de Chad. (Foto: Nos centros especiais dos campamentos, as mulleres aprenden a ler e escribir, e xúntanse para cantar, bailar, debuxar ou tomar unha cunca de café. As sesións de café axúdanas a comunicarse e falar do pasado e serven de terapia para superar o trauma da guerra. ©Peter Biro/International Rescue Committee). | |
Dende que parte da comunidade internacional tornara a vista cara o Leste de África, aínda que os enfrontamentos non minguaron, esa presión deu lugar á búsqueda de vías para alcanzar a paz. Este é o caso de Darfur, unha das provincias que compoñen Sudán, a onde a Organización das Nacións Unidas (ONU) enviará 26.000 efectivos(1) para solucionar unha crise que xa comezou en 2003. Sen embargo, nesta rexión perdura o que o experto Johan Galtung(2) define como o “triángulo da violencia”(3). No seu cumio, Galtung sitúa a parte máis visible da violencia: o uso da forza. Segundo as cifras da ONU, nesta guerra contabilízanse máis de dous millóns de desprazados internos en Darfur, mentres que máis de 200.000 refuxiados atópanse asentados en campamentos no Chad, país co que limita Sudán ao Oeste. Outras 200.000 persoas resultaron mortas desde o inicio do conflito. Aínda que estas son as cifras apuntadas no último informe da ONU, o Executivo de Sudán, en Xartum, non está conforme e cifra as perdas humanas en números inferiores(4).
Na base do triángulo atopamos a segunda manifestación da violencia: a estrutural; que parte da ineficiencia dun determinado sistema que provoca desigualdades e inxustizas. A pobreza, a desigualdade na distribución de recursos e o colonialismo de forzas exteriores, neste caso, sobre as riquezas naturais que posúe e que interesan ás potencias occidentais e orientais, cun interese en aumento. Cunha superficie de 2.505.810 quilómetros cadrados, Sudán comunica con Exipto a través do Nilo, o que lle abre posibilidades para levar a cabo actividades mercantís coas rexións setentrionais de África. Ademais, Sudán está aberto ao Mar Vermello e ten xacementos de minerais, e reservas de gas, petróleo e augas subterráneas(5). Todo este potencial interesou a Estados Unidos ata que Sudán pasou a ser considerado perigoso pola súa vinculación co chamado terrorismo islámico(6). Agora, en cambio, estes recursos naturais son o punto de mira de China ou Malasia, estados que se abastecen de combustible a cambio do armamento que alimenta o conflito(7). Así, as relacións con Xartum radican nestes intereses, fundamentalmente económicos, que non xeran riqueza á sociedade civil. Lonxe diso, debido aos enfrontamentos internos e ata a actitude dos estados que o rodean (Sudán limita con moitos países africanos(8)), os/as sudaneses vense obrigados/as a emigrar dentro do seu propio país –en busca da axuda humanitaria–, ou cara a campamentos de refuxiados na fachada Leste de Chad, onde se poden contabilizar máis de dez campamentos de Norte a Sur(9).
Por último está a violencia cultural, que parte do acto de lexitimar inxustizas. A violencia efectúase entre etnias que permiten o uso da forza e que a respaldan con crenzas relixiosas: o islam fronte as relixións minoritarias da África negra. Pero non todas as interpretacións apuntan a que as causas partisen, inicialmente, da oposición entre a poboación negra islamizada e a que mantivo as súas crenzas locais. Así, nun dos seus discursos, o secretario xeral das NNUU, Ban Ki-moon, recordou que a causa inicial da crise en Darfur debe buscarse no cambio climático e as súas consecuencias(10). Así, segundo o surcoreano, a diminución nos niveis medios de precipitacións provocou un enfrontamento entre os grupos nómades e os sedentarios, comunidades que antes compartían os mesmo espazos sen importar a súa procedencia ou a súa fe. A ausencia do ben básico provocou os primeiros choques. A partir de aí, o propio enfrontamento entre o Norte e o Sur(11) do país, tamén en conflito polo dominio da riqueza natural da rexión, contribuíu a unha radicalización das posturas que terminaron por enfrontar nunha guerra aos diferentes grupos relixiosos do país.
Todo este tecido artellouse hai xa catro anos, cando un grupo de rebeldes(12) enfrontouse ás forzas oficiais, ás que acusaban de oprimir a poboación negra. O goberno, dominado no Norte pola poboación árabe, recibiu o respaldo dos janjaweed, milicias pro árabes que deron resposta ao ataque, e aos que se lle acusa de expulsar aos agricultores negros das etnias Fur, Massaleet e Zagawa das terras que atén entón compartían, aínda que os árabes o facían de forma nómade. Darfur abriu unha nova ferida en Sudán, que se sumaba á loita pola independencia das provincias meridionais do país.
Para a eliminación do triángulo violento de Sudán e doutros conflitos, o mesmo autor noruegués propón a empatía, a non violencia e a creatividade como vehículos que rematen coas hostilidades.
Polo momento, a solución proposta pasa polo envío miles de efectivos da ONU integrados na UNAMID, unha operación híbrida de Nacións Unidas e da Unión Africana; tamén definida como un dos maiores despregamentos pola paz. Pero non é ouro todo o que reluce. A mesma comunidade internacional tivo que limitar a acción das tropas(13) para conseguir o voto de China, membro permanente do Consello de Seguridade e que, debido ás boas relacións con Sudán, vetou iniciativas anteriores que impuñan duras sancións ao estado africano.
Este é o prezo que pagou a comunidade global para lograr un acordo, e así actuar en Darfur. Esa unanimidade supuxo unha importante rebaixa de propostas de Francia, Reino Unido ou Eslovaquia(14); e EEUU, promotores da intervención internacional. Segundo recolleron diferentes medios de comunicación internacionais(15), os analistas na cuestión de Darfur temen, ademais, as consecuencias destas rebaixas, xa observadas na última reunión celebrada en Arusha, Tanzania, a principios deste agosto. Neste acto, ao que acudiron os enviados especiais da ONU, Unión Africana e diferentes representantes rebeldes non accederon dous nomes relevantes na historia de Darfur. Nin o coordinador humanitario do Exército Sudanés de Liberación (SLA), Suliman Jamous; nin o fundador do SLA, Abdel Wahid Mohammed ao-Nur, déronse cita na veciña Tanzania; o primeiro polo asedio ao que está sometido nun hospital da ONU situado na rexión, o segundo por decisión persoal(16).
A ausencia destes representantes nas negociacións suscita algúns riscos para a solución deste conflito, ao que se debe engadir o pano de fondo do que algúns medios de comunicación(17) fixéronse eco, e xa apuntan a Sudán como escenario dunha segunda guerra fría, agora trasladada a China e aos Estados Unidos, na súa loita polo poder económico. Por outra banda, lonxe da repetición dun mundo dual, o Sudán representa moitas das pandemias actuais. Por unha banda existe a loita de intereses entre occidente e oriente, e pola outra a necesidade do ouro negro. Ademais atopamos o contrabando de armas, a limpeza étnica ou xenocidio, asi como a violación do dereito de autodeterminación dos pobos(18). A maiores, cabe citar as constantes violacións xa non só dos Dereitos Fundamentais das persoas, senón das regras básicas que rexen o dereito internacional, ideado precisamente para a convivencia desas persoas con dereitos garantidos. Un problema grande de máis para que se arranxe cun envío “histórico” de tropas. Neste caso, invocar a creatividade á que alude Galtung podería ser esa vía de solución agardada.
Notas:
(1) O Consello de Seguridade da ONU autorizou o martes 31 de xullo a Resolución 1769 na que se recolle o envío de 26.000 soldados e policías a Darfur.
(2) Matemático e sociólogo noruegués, experto en estudos de paz, fundador en 1959 do primeiro Instituto de Investigación sobre a Paz, o International Peace Research Institute; e mediador da ONU en diferentes conflitos.
(3) Concepto introducido por Galtung e presente na súa bibliografía, que sostén que existen tres tipos de violencia: a directa, a estrutural e a cultural.
(4) Información procedente da web do Centro de Información das Naciones Unidas para México, Cuba e República Dominicana (http://www.cinu.org.mx/temas/DARFUR/index.htm).
(5) Segundo os datos da CIA World Factbook, Sudán posuía, en xaneiro de 2005, un total de 84,95 miles de millóns de metros cúbicos de gas natural nas súas reservas e 1,6 miles de millóns de barrís de petróleo, en 2006.
(6) Contido no artigo: “Pax americana en Sudán: ¿un modelo para el Sahara y Oriente Medio?” (9/1/2003) de Carlos Ruiz Miguel; Catedrático de Dereito Constitucional da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.
(7) Información publicada na reportaxe “Sudán, capital Pekín” do xornalista de El País, Pere Rusiñol, onde se di: “el Gobierno de Jartum recibe de China inversiones, apoyo político y armas a cambio de petróleo y materias primas”.
(8) Limita con Exipto, o Mar Vermello, Eritrea, Etiopía, Quenia, Uganda ao sureste, República Democrática do Congo, República Centroafricana ao sudoeste, Chad e Libia.
(9) A finais de 2006, Acnur contabilizou un total de 12 campamentos de refuxiados sudaneses en Chad.
(10) Mensaxe de Ban Ki-moon colgado na web.
(11) Guerra Civil pola independencia da provincia sur do país.
(12) O Movemento Xustiza e Igualdade (MJI) e o Movemento de Liberación de Sudán (MLS) acusaron en 2003, ao goberno sudanés de oprimir á poboación negra en favor dos árabes.
(13) China considerou contraproducentes as sancións de EE.UU. contra Sudán. “Só servirán para que o asunto se complique aínda máis”, segundo o enviado especial chinés para África, o diplomático Liu Guijin (China Daily).
(14) Centro de Informacións da ONU.
(15) Inter Press Service News Agency.
(16) Axencia africana de noticias: Afrol.
(17) La Vanguardia recolle as palabras do experto en conflitos relacionados co petróleo, William Engdhal, quen escribe no Asia Times: “Darfur ilustra a nova guerra fría polo petróleo de África”.
(18) O grupo de expertos da ONU enviado polo Consello de Dereitos Humanos (CDH) a Sudán acusou en abril ao goberno de Xartum de fracasar na protección da súa poboación e de estar involucrado na comisión de crimes. Centro de Informacións da ONU.