A Unión Europea empeñada en evitar a secesión de Montenegro

O diálogo global balcánico-europeo comezou en Zagreb o pasado venres, co aplauso duns, as reticencias doutros e as naturais incertidumes de practicamente todos. Dez anos despois do comezo das quebras dramáticas dos escenarios iugoslavos, Bruxelas formula unha estratexia de seducción das diferentes capitais para vertebrar un novo modelo de cooperación asentado nunhas realidades que da por definitivamente asentadas trala defenestración de Milosevic.¿Con razón?

Pero aínda sen desbloquear totalmente a situación serbia e mentres avanzan os preparativos para as decisivas eleccións do próximo 23 de Decembro, as vibracións telúricas que se detectan na rexión alertan sobre a inestabilidade da Federación Iugoslava e as dificultades de pasar páxina aos conflictos vividos.

Con medidas tendentes a favorecer o intercambio comercial e a recuperación económica da rexión, con promesas de trato benevolente no ámbito político sempre que os respectivos reximes avancen na homologación, teórica e práctica, cos cánones occidentais, o eixe París-Berlín pensa encandilar aos seus interlocutores con forza suficiente como para determinar firmemente un cambio de rumbo na zona.

Como en 1991, unha vez máis Bruxelas insiste no recoñecemento das actuais fronteiras e da soberanía dos estados existentes. Como en 1991, para favorecer a expansión do seu modelo económico e político non precisa máis estados senón máis docilidade e integración. Pero a pedra de tropezar continúa en Podgorica. Despois da volta da Federación Iugoslava a Nacións Unidas, Montenegro é o único país do mundo que non recoñeceu ao actual Presidente iugoslavo, Vojislav Kostunica. No recente cumio, a Europa comunitaria deixou ben claro os seus tres nons: non apoiarán a secesión de Montenegro, non respaldarán ningunha solicitude de ingreso na ONU e non financiarán os orzamentos dun novo estado independente na rexión. Velozmente Bruxelas pasou a aliñarse coas teses dos nacionalistas serbios sen deixar de evidenciar a súa animosidade e enfado cos líderes de Montenegro, tan mimados en tempos de Milosevic.

Pero en Montenegro, sexa pola vanidade política do seu Presidente, como din algúns, ou por razóns de maior calado, a coalición gobernante insiste en brindar a oportunidade de expresarse libremente sobre o seu futuro ó conxunto da cidadanía. Reunidos os principais líderes dos tres partidos (Socialdémocrata de Rakcavic, o Popular de Dragan Soc e o Democrático e Socialista de Djukanovic) estimaron que a finais de xuño do 2001 podería celebrarse a consulta popular. Un grupo de traballo xa comezou a preparar diferentes iniciativas lexislativas e políticas. Tentarán consensuar unha lei e de non conseguilo o referendo celebrarase segundo a normativa de 1992.

A pesar das boas palabras de Kostunica, sempre formalmente favorable a esa expresión democrática sobre o futuro político de Montenegro, en Podgorica non acaban de confiar nel. A súa recente visita ao xefe da Igrexa serbia de Montenegro, Amfilohije Radovic, non gustou e os seus xestos, sempre tan medidos, non convencen.