A Venezuela post-Chávez

Unha nova etapa política ábrese en Venezuela e América Latina trala morte de Hugo Chávez a comezos de marzo. Así e todo, non desaparecerá o seu legado político tanto como a plasmación do “chavismo” como forza motriz do proceso revolucionario seguirá a ser a tendencia política principal e hexemónica na Venezuela post-Chávez. Non obstante, as incertezas e interrogantes que se cernen en materia de liderado, actualmente en mans do presidente en funcións Nicolás Maduro, así como no relativo ao estilo de gobernabilidade e, principalmente, da reacción por parte dos colectivos e movementos sociais do “chavismo”, son factores que non minorarán as tensións e a polarización existente. En todo caso, o pragmatismo e a potenciación de certo nivel de consensos son aspectos que eventualmente orientarían unha “folla de ruta” focalizada na necesidade de garantir a gobernabilidade e estabilidade deste novo escenario post-Chávez.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Unha nova etapa política ábrese en Venezuela e América Latina trala morte de Hugo Chávez a comezos de marzo. Así e todo, non desaparecerá o seu legado político tanto como a plasmación do “chavismo” como forza motriz do proceso revolucionario seguirá a ser a tendencia política principal e hexemónica na Venezuela post-Chávez. Non obstante, as incertezas e interrogantes que se cernen en materia de liderado, actualmente en mans do presidente en funcións Nicolás Maduro, así como no relativo ao estilo de gobernabilidade e, principalmente, da reacción por parte dos colectivos e movementos sociais do “chavismo”, son factores que non minorarán as tensións e a polarización existente. En todo caso, o pragmatismo e a potenciación de certo nivel de consensos son aspectos que eventualmente orientarían unha “folla de ruta” focalizada na necesidade de garantir a gobernabilidade e estabilidade deste novo escenario post-Chávez.

A desaparición física do presidente Hugo Chávez, acaecida o pasado 5 de marzo de 2013, pecha indubidablemente unha etapa histórica para Venezuela, determinada por vertixinosos e inéditos cambios e transformacións. Obviamente, a ausencia dun liderado tan carismático e impulsor como o de Chávez traduce diversas incertezas e incógnitas sobre o futuro político venezolano así como para a esquerda latinoamericana, en particular ante a dinámica da Revolución Bolivariana e da súa tradución a través do soporte ideolóxico do Socialismo do Século XXI.

O mellor exemplo do impacto e da importancia da desaparición física de Chávez provén das prolíficas manifestacións de apoio e simpatía emanadas desde países tan diversos como Cuba, Ecuador, Uruguai, Bielorrusia ou o territorio palestino de Gaza. Isto confirma o impacto global do liderado e da revolución impulsada por Chávez desde a súa chegada á presidencia en 1999, en particular no relativo a constituírse como un polo contestatario contra a hexemonía estadounidense e occidental, contra a globalización neoliberal e como faro dunha nova esquerda mundial.

Se ben a posibilidade de desaparición física de Chávez constituía un escenario notoriamente previsible desde que en xullo de 2011 se lle detectara un cancro, e a tenor das súas constantes viaxes a Cuba para recibir o correspondente tratamento médico, o impacto que supón a súa desaparición física para o concerto venezolano e hemisférico abre inevitablemente unha nova etapa, moi probablemente identificada en observar cal será a capacidade de mobilización e de consolidación do “chavismo” como movemento político e social, indubidablemente hexemónico na derradeira década en Venezuela.

Un “peronismo á venezolana”?

A profusión de análises comparativos sobre o fenómeno do “chavismo” e a súa expresión hemisférica, ven sendo unha constante nos medios de comunicación e producións bibliográficas nos derradeiros anos. Epítetos emanados de sectores críticos e opositores como o de “populista”,  “autocrático” e “ditatorial”, así como outros focalizados en engrandecelo e mitificalo como un “heroe” de magnitude histórica, son factores que dirimen un tratamento inadecuadamente pexorativo e inexacto sobre a súa persoa e o seu legado. Un tratamento que, a grandes resgos, obstaculizan unha visión equilibrada e real sobre a súa persoa e o seu proceso de transformación claramente “revolucionario”.

Asumindo as diferenzas históricas e de contexto, o “chavismo” ten un paralelismo inevitable co que constituíu o peronismo na Arxentina do século XX. De forma tanxencial, o futuro do “chavismo” pode dalgunha forma transitar como unha versión homologable no caso venezolano do exemplo peronista na Arxentina, aínda que obviamente esta realidade non ten relación similar co que supuxo o impacto de Chávez a nivel hemisférico, notoriamente moi superior en comparación co peronismo.

Dous factores aparentemente explicarían porqué o “chavismo” pode constituírse nunha versión homologable do “peronismo” á venezolana. A primeira, a estreita e ata relixiosa identificación das masas populares coa figura de Chávez, un factor moi evidente durante o seu goberno (1999-2013) e, principalmente, nos momentos da súa convalecencia de saúde, desde decembro pasado, e do escenario inmediatamente posterior da súa desaparición física.

Esta identificación inalterable confirma porqué o principal legado de Chávez a Venezuela foi a súa constante vontade por visibilizar a masas populares marxinalizadas e esquecidas do seu protagonismo social, cultural e político por parte dos gobernos e do status quo político venezolano anterior á chegada de Chávez.

Esta realidade inalterable amplíase con outro factor de peso que confirma o legado do “chavismo”: a súa sensibilidade cara o combate á pobreza, á exclusión e ás desigualdades sociais e económicas. Chávez focalizou estes problemas como as prioridades básicas para asentar calquera proxecto de desenvolvemento nacional para Venezuela, unha realidade que, con diversas intensidades, foi finalmente asumida como irrefutable non só polos seus simpatizantes senón incluso polos sectores opositores ao “chavismo”.

O segundo factor que potenciaría un eventual escenario “peronista” para o “chavismo” ten que ver coa sensación de orfandade no liderado establecido pola desaparición física de Chávez. Como sucedera co peronismo trala morte de Juan Domingo Perón en 1974, a cohesión política do “chavismo” semella mais ben ingresar nunha fase de certa transitoriedade, determinada pola necesidade de garantir a gobernabilidade institucional e a estabilidade social nun contexto inmediatamente posterior á desaparición física de Chávez. Pero as diferenzas poden terminar sendo mais determinantes a mediano e longo prazo.

Estes factores albiscan determinadas incertezas sobre a capacidade de cohesión dos sectores políticos que dominan o “chavismo post-Chávez”, así como en saber cal será a reacción dun electorado e dunhas bases sociais do movemento intimamente identificadas coa figura de Chávez. Velaí a posibilidade de que actual goberno venezolano véxase persuadido a potenciar o mito político de Chávez como factor de cohesión e mobilización do electorado “chavista”, en especial de cara á celebración das próximas eleccións presidenciais (aínda sen data determinada) e das eleccións a alcaldes a realizarse en xullo próximo.

Os rostros políticos da Venezuela post-Chávez

O actual escenario en Venezuela gravita en torno a catro actores principais, cuxa cohesión política e institucional obsérvase aparentemente inalterable. O primeiro, evidentemente, corresponde ao actual presidente en funcións Nicolás Maduro, ata agora vicepresidente executivo e quen foi nomeado publicamente polo propio Chávez como o seu eventual sucesor o pasado 9 de decembro de 2012, un día antes de regresar a Cuba para someterse a unha nova intervención médica.

Identificado por diversos sectores como o abandeirado do “chavismo civil”, Maduro potencia as súas opcións a través de dúas variables: a primeira, a súa lealdade absoluta a Chávez, factor que contou co beneplácito do goberno cubano, aliado estratéxico venezolano, á hora de nomealo como eventual sucesor.

O segundo factor corresponde as súas notorias habilidades como negociador, visiblemente efectivas durante a súa xestión como ministro de Asuntos Exteriores (2006-2012), e que lle confiren un nivel de pragmatismo e de consensos moi importantes no contexto político actual. Nese sentido, Maduro é un personaxe coñecido dentro e fora de Venezuela.

Un segundo actor de importancia na Venezuela post-Chávez é Diosdado Cabello, actual presidente da Asemblea Nacional. Segundo o artigo 233 da Constitución Bolivariana de Venezuela, ante a incapacidade física ou mental do presidente para asumir o seu cargo na presidencia, este cargo sería ocupado polo presidente da Asemblea Nacional como garante do poder lexislativo ata a celebración de novas eleccións presidenciais a partir dos próximos 30 días. Por tanto, os canons legais e constitucionais determinarían a Cabello como o presidente en funcións, en vez do recen nomeado Nicolás Maduro.

Diosdado Cabello entroniza un factor de peso específico dentro do “chavismo”, que, dende diversas ópticas, manifesta encontradas e polarizadas posicións. Ex coronel vinculado co intento de golpe militar de Chávez en 1992, Cabello manexa importantes bazas de poder dentro da Forza Armada venezolana. Tanto como presidente do poder lexislativo, Diosdado concentra nas súas mans unha boa parte da cúpula de poder do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), así como das súas estruturas políticas e burocráticas a nivel nacional.

Así mesmo, durante os 14 anos de goberno de Chávez, Diosdado ocupou en varias ocasións os cargos de ministro do Interior, da Vicepresidencia da República e do ministerio de Telecomunicacións. Neste último cargo, Diosdado impulsou a creación de novos medios de comunicación “chavistas” (en especial as efectivas radios comunitarias) así como a creación dunha elite empresarial e económica, despectivamente denominada a “boliburguesía”, con grandes cotas de poder que, ó mesmo tempo, xera desconfianza entre a base militante do “chavismo”.

Para estes militantes, Diosdado personificaría a “dereita endóxena”, cuxas aparentes ambicións de poder eventualmente alterarían o proxecto de Chávez de creación dun Estado comunal socialista. Igualmente, Diosdado non semella ser ben visto na Habana, que apostou dende un principio por Maduro.

A pesar de manifestar unha obvia cohesión de liderado en torno a Maduro no contexto actual da política venezolana, a eventualidade de concretarse dous polos de poder aparentemente antagónicos dentro do “chavismo”, personificados en Maduro e Diosdado, deixa aberta a mesa a outro actor protagónico clave: a Forza Armada Nacional (FAN), cuxa preponderancia de carácter político no contexto actual pode conferirlle non só o factor de árbitro e equilibrio para garantir a gobernabilidade e estabilidade senón, incluso, como o verdadeiro motor de poder da Venezuela post-Chávez.

A posición oficial da Forza Armada Nacional de declararse “chavista” e de manifestar o seu apoio total a Maduro como presidente en funcións e candidato do “chavismo” ante a eventualidade de eleccións presidenciais, confirma a estratexia da FAN de converterse no polo de poder con maior capacidade de decisión no momento político actual.

Este contexto político confirma esa preponderancia política da FAN. Diversos ex militares ocupan altos cargos dentro do PSUV tanto como algúns deles forman parte desas elites empresariais e burocráticas amparadas polo “chavismo” (e por Diosdado). Paralelamente, un total 10 das 20 gobernacións obtidas polo “chavismo” nas eleccións de gobernadores celebradas o pasado 16 de decembro, foron gañadas por ex militares candidatos do PSUV. Por tanto, a FAN personifica claramente esa noción e esencia dun proceso revolucionario cívico-militar que por tanto tempo impulsou Chávez dende o poder.

O cuarto actor de preponderancia da Venezuela post-Chávez, cuxa visibilidade é moito mais difusa e confusa en canto a actores e líderes, o constitúe a base social do chavismo. Heteroxénea pero militante, está conformada por movementos e colectivos sociais impulsores dos cambios revolucionarios nos sectores populares; coa formación dunha Milicia Nacional de aproximadamente 120.000 efectivos e de diversos grupos armados, ideoloxicamente mais radicalizados, e que esperan unha transición rápida e definitiva cara un Estado socialista. Estes últimos son vistos con absoluto receo pola FAN, as elites do PSUV e incluso por outros sectores civís dentro do movemento.

Moito mais popular e heteroxéneo, este sector adoece aparentemente de actores e líderes con capacidade de mobilización. Algúns sectores identificarían eventualmente ao irmán de Chávez, Adán Chávez, como posible abandeirado de moitos deses sectores que esperarían retornar aos postulados orixinarios da revolución bolivariana.

Ex embaixador de Chávez en Cuba e actual gobernador do estado Barinas, Adán foi o mentor político de Chávez nos seus tempos de cadete na Academia militar, así como un enlace clave entre civís e militares na conformación do movemento bolivariano a partir de 1982. Este aspecto lle confire a Adán un peso simbólico non menos importante dentro do “chavismo” aínda que é evidente o seu distanciamento das cúpulas do poder nos derradeiros tempos, precisamente desde que o seu irmán Hugo iniciara o seu tratamento contra o cancro a partir de 2011.

O futuro da Revolución bolivariana
 
Resultaría incompleto e inexacto considerar que o “chavismo post-Chávez” dirimirá única e exclusivamente unha aparente loita intestina polo poder. A necesidade de consolidar a unidade inalterable do movemento, así como de garantir a estabilidade e a gobernabilidade dun “chavismo” politicamente hexemónico e con maioritario arraigo popular, son variables que determinarán os pasos a realizar a curto prazo por parte de Maduro como presidente en funcións, así como das institucións estatais, a FAN, o PSUV e dos colectivos sociais “chavistas”.

Pero o énfase oficial na unidade non garante exactamente a sensación de transitoriedade que se abre agora na Venezuela post-Chávez. Ningún liderado político en Venezuela, sexa oficialista ou da oposición, conserva o carisma nin a enerxía política do desaparecido Chávez. Por tanto, o proceso político en Venezuela moi probablemente ingresará nunha etapa de maior pragmatismo político, menos énfase no carisma e liderado, diminución do caudal de ideoloxización e, incluso, posible tendencia cara a burocratización do proceso revolucionario.

Deste modo, a eventual conformación dunha especie de “dirección colexiada” e consensuada entre Maduro, Diosdado, a FAN e o PSUV abre un novo contexto político para Venezuela. Con mente nas próximas eleccións presidenciais a celebrarse nun prazo máximo de 120 días, Maduro como candidato do PSUV non só tentará consolidar politicamente ao novo goberno senón garantir a continuidade electoral do “chavismo”, obviamente motorizando a imaxe de Chávez como estratexia política e electoral. As expectativas e perspectivas preelectorais lle outorgan o favoritismo a Maduro e ao “chavismo” por riba da oposición.

Pola súa banda, a oposición política segue a manifestar as súas contradicións internas e unha incapacidade política para definir unha alternativa viable ao “chavismo”. Así e todo, resulta moi probable que a súa principal organización política e electoral, a Mesa pola Unidade (MUD), acuda ás próximas eleccións baixa a candidatura de Henrique Capriles Radonski, actual gobernador do estado Miranda. Entronizado por elección interna na MUD a principios de 2012, Capriles foi posteriormente  derrotado por Chávez nas eleccións presidenciais de outubro pasado, aínda que alcanzou o voto dun 45% do electorado, a maior votación obtida por candidato algún da oposición desde 1999.

En todo caso, a nivelación de forzas políticas electorais na Venezuela actual segue a confirmar a preponderancia dun “chavismo” detentor do apoio aproximado dun 55-60% do electorado. Esta realidade semella inalterable de cara ás próximas presidenciais pero está por ver se o novo contexto eventualmente afirma un proceso de erosión dentro do “chavismo” a mediano e longo prazo, tal e como especulan os sectores opositores.

Retos políticos aparte, a Revolución bolivariana agora baixo o mando de Nicolás Maduro deberá acometer outros problemas relevantes: as presións de carácter económico, a tenor da elevada inflación (aproximadamente calculada nun 30%) especialmente no sector alimenticio, e que dirime outros aspectos como o mantemento do gasto público social, estimado nun aumento do 27% do PIB para 2013.
Paralelamente está a preocupante inseguridade cidadá, co seu consecuente problema a nivel penitenciario, nun país que nos derradeiros anos amosa elevados índices de criminalidade.

Ó mesmo tempo, o goberno de Maduro deberá continuar as misións sociais que, desde 2003, apuntalan a popularidade do “chavismo”. Este escenario vital para a vixencia do proceso revolucionario estará directamente ligado a un gasto público social expansivo que pode verse afectado a mediano prazo pola eventual aparición dunha crise financeira (en febreiro pasado decretouse unha nova depreciación da moeda nacional), dos compromisos internacionais adquiridos por Venezuela (especialmente no eixe da ALBA) e da necesidade de revitalizar un tecido produtivo e de infraestruturas a nivel nacional a grandes resgos deteriorado pero que resulta esencial para garantir a continuidade do proxecto de desenvolvemento.

Tanto como na política interna, a política internacional do novo goberno venezolano moi probablemente transitará pola vía do pragmatismo e da concreción de consensos, traducido nun menor impulso a diferenza do liderado carismático e entusiasta de Chávez. Este aspecto é moi visible no marco da ALBA, tal e como se evidenciou no Consello Político celebrado a mediados de febreiro en Caracas, e determinará igualmente as relacións venezolanas con actores clave da súa política exterior, como Cuba, EUA, China, Brasil, Rusia e Irán, entre outros.

Así e todo, a Venezuela post-Chávez seguirá a apostar polos marcos autóctonos de integración hemisférica (ALBA e CELAC), en potenciar relacións estratéxicas con Brasil, China (principal investidor estranxeiro en Venezuela) e Cuba como aliado político estratéxico de Caracas. Sen intuírse necesariamente unha viraxe favorable a reacomodar as relacións con Washington, o foco de Caracas como faro dunha esquerda latinoamericana e mundial militante e activa, pode verse levemente alterado neste novo contexto.

Mais que impulsar novas alternativas, a sensación que transmite o novo contexto da Venezuela actual focalízase precisamente na necesidade de preservar o legado nacional e internacional de Chávez. Todo isto ilustra ata qué punto Chávez transformou radicalmente a Venezuela e ao contexto hemisférico. Pero agora ábrese un novo ciclo, cifrado pola emocionalidade popular que supón a desaparición física do líder da revolución bolivariana e das interrogantes emanadas do novo status quo. A determinación por continuar coa revolución bolivariana como guía política para Venezuela é o factor que confirma porqué o chavismo non desaparecerá coa morte de Chávez.