A xangada de pedra no camiño da Unión de Estados Ibéricos

O contexto internacional máis próximo, está a mudar, superado o statu quo saído da segunda guerra mundial e despois da caída do muro de Berlín no século pasado. A actual globalización económica impón novos procesos e hai tensións centrífugas e centrípetas na visión e conformación das realidades nacionais, e tamén nas plataformas multilaterais. O poder dos Estados-Nación baseáse nas súas fortalezas armamentística e económica, pero emerxen outros conceptos como o poder dimanado da capacidade para ter influencia. Isto é: xerar modelos distintos, imaxinar escenarios atrevidos, atopar oportunidades novas… que posibilitan outro tipo de alianzas estratéxicas cara ao futuro ás que hai que adiantarse para non perder esa posibilidade de influencia.

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

O contexto internacional máis próximo, está a mudar, superado o statu quo saído da segunda guerra mundial e despois da caída do muro de Berlín no século pasado. A actual globalización económica impón novos procesos e hai tensións centrífugas e centrípetas na visión e conformación das realidades nacionais, e tamén nas plataformas multilaterais. O poder dos Estados-Nación baseáse nas súas fortalezas armamentística e económica, pero emerxen outros conceptos como o poder dimanado da capacidade para ter influencia. Isto é: xerar modelos distintos, imaxinar escenarios atrevidos, atopar oportunidades novas… que posibilitan outro tipo de alianzas estratéxicas cara ao futuro ás que hai que adiantarse para non perder esa posibilidade de influencia.

Unha destas mudanzas radica en que a Unión Europea deixe de ser o embigo do mundo desenvolvido pero mantendo unha posición prevalente para o que precisa desprenderse do eurocentrismo, convertido nun egocentrismo cego perante as novidades que experimenta o panorama internacional. Así o anuncian as súas reiteradas actuacións por fóra dos obxectivos fundacionais, como a incapacidade con que aborda o dereito de asilo para as persoas refuxiadas, ou o desinterese polas persoas con que se impuxeron as medidas anti-crise. Neste contexto, a esquerda europea aparece cun progresivo declive desde a fin da guerra fría. Fracasados os proxectos comunistas ou do “socialismo real”, os partidos socialistas europeos afastados do marxismo-leninismo deron paso a proxectos socialdemócratas, con vocación de ocupar o centro político, coa que xustificaron reiterados pactos con dereitas máis ou menos aceptables a prol da “estabilidade”, ata chegar a actual situación de estancamento e perda de peso no conxunto da esquerda internacional fronte ao éxito dos modelos neo conservadores que afirman a vixencia dos sistemas capitalistas.

Neste contexto, a extraordinaria posición xeoestratéxica da península ibérica, de vital importancia pola a veciñanza e conectividade con África, o Arco Atlántico, as relacións transatlánticas, con iberoamérica e coa África lusófona, aparece como unha oportunidade á que se debe engadir o feito de que os estados español e portugués conforman un grande espazo cultural que ten tamén un innegable potencial económico, e unha hipoteticamente importante capacidade de influencia. Neste enfoque, Galiza ocupa -ou debera ocupar- un lugar preminente por ser o ponto de encontro histórico de ambas as dúas culturas, das que participa sen perder a súa persoalidade, e doadamente podería aspirar a converterse na conexión natural entre pobos que viviron de costas durante séculos.

Doutra banda, pero simultaneamente, o estado español está a comezar unha nova Transición con características distintas á do 78 porque chega en democracia, cunha cidadanía madura e afeita a pensar desde os dereitos recoñecidos, con máis cultura política e con ferramentas abondo para conformar o seu criterio e convertilo en votos. Isto pasa cando a descentralización do Estado español, a partir do anterior consenso constitucional, é cuestionada por non dar resposta a demandas que truncou o golpe militar contra a segunda república. Esta fórmula, que resultou útil durante catro décadas demostrou, co tempo, que non zanxaba asuntos pendentes que se reactivaron sen atopar unha resposta política consonte coa súa trascendencia. A cuestión territorial é o gran problema pendente en Catalunya e Euskadi, non tanto na Galiza actual mália que na etapa anterior as vindicacións ían a un ritmo semellante, e está a ser, de facto, o motivo principal de desencontro e inestabilidade política a día de hoxe, unido ás consecuencias económicas e sociais da crise económica e institucional derivada do crack de 2008 e a febleza da UE e das alternativas de esquerda no novo panorama económico e político.

As fórmulas ofrecidas pola UE para a saída da crise resultaron eficaces desde o ponto de vista da oligarquía económica pero supuxeron un alto prezo para as clases medias e baixas dos países con menor capacidade de resistencia, nomeadamente Grecia e Portugal, e tamén España, mália ser a cuarta economía da Unión. España sofriu un grave castigo pola sumisión gubernamental ante os ditames externos. O PP gañara as eleccións de 2011 cun discurso que desacreditaba aos gobernos de esquerdas anteriores facéndoos culpables dunha crise cuxo impacto xerou perdas terribles en fuxida de talentos, aparición dos traballadores pobres, empobrecemento xeralizado da cuarta parte da poboación, a crise das pensións, o insoportable endebedemento público, mentres as grandes fortunas viron medrar expoñencialmente as súas gañancias e a propia banca recibíu inxeccións millonarias a costa do sacrificio da poboación que honradamente pagou -e segue a pagar, a parte máis dura destas medidas-. A emerxencia de novos partidos, tanto no arco da dereita como da esquerda, non resolveu esta tensión que, incluso, medrou pola inexperiencia no exercicio da política das institucións das forzas emerxentes. E en paralelo á dura xestión da crise, agromou o fenómeno da corrupción xeneralizada desde as institucións ou a insumisión fiscal de grandes capitais, coa consecuente perda de confianza da cidadanía no relativamente recente sistema democrático.

A opción progresista de Grecia frustouse por un premeditado acoso e derrubo que sumíu ao país nunha situación de apatía e desesperanza da que vai saíndo moi de vagar, cun terrible custe social e o descrédito da “nova política”. Dos tres países, só o caso portugués desmontou a Idea instalada na opinión pública, por mor da teimuda xustificación emanada do Banco Central Europeo, do FMI e dos grupos de presión financeiros e comerciais afíns á dereita política, da inviabilidade das políticas progresistas. Tamén hai que considerar que en Portugal non tiveron que afrontar problemas estructurais coma o soberanista en España.

Pero ainda que as situacións non son idénticas, España e Portugal teñen similitudes que farían posible un entendemento a futuro de ambos os gobernos. Desde unha perspectiva conxuntural, hai que ter en conta o xiro que supuxo a moción de censura do 31 de maio, para a alternancia das políticas conservadoras con outras, previsiblemente, das esquerdas, para o que Portugal pode servir como inspiración dado o éxito das súas fórmulas para a gobernanza e a confluencia ideolóxica. E cunha visión máis ampla, volvendo a análise anterior da posición conxunta xeoestratéxica e cultural, e desde un ponto de vista desprexuizado e abondo ambicioso, podería pensarse na oportunidade duha posible alianza política que lembraría aquela jangada de pedra que maxinara Saramago cando, en 1986, España e Portugal entraron na UE.

A propia evolución da situación política no mundo, e nomeadamente neste caso que nos ocupa de Portugal e España cos seus propios procesos internos no contexto da crise europea, abre un espazo de oportunidade para configurar unha nova realidade política, cultural e económica, mediante o establecemento dunha folla de ruta entre Galicia, Euskadi, Cataluña, o resto de España, e Portugal, cara a constitución -nun futuro non inmediato pero tampouco tan lonxano- dunha confederación ibérica de nacións, ou unha confederación de pobos ibéricos. O seguinte chanzo podería ser o paso da monarquía española a unha república federalque se integraría naqueloutra confederación maior. Pero iso requeriría de máis tempo. En todo caso, a resultante debera ser unha Unión de Estados Ibéricos que permitiría avanzar, a maiores, cara a creación dun ente plurinacional e multilateral, ao xeito da Comenwelth, onde se puidesen incorporar aqueles países de todas as linguas e culturas ibéricas para conformar unha rede de apoio mutuo e comercial que daría unha posición de forza e influencia mundial a un novo espazo común multibérico. Sempre salvagardando a propia soberanía, pero como unha alianza que teña en conta -e saiba rendabilizar- a forza da súa unión. Falamos de oitocentos millóns de falantes en español, portugués e galego, sen esquecer o euskera e o catalán e un territorio extendido por catro continentes.

Se cadra, non é tempo de andar con ensoñaciónse, pero cando alguén pensou que para ser cidadán non tiña por que nacer nun berce aristocrático, tamén estaba a ter un soño semellante. Ou cando alguén chegou á conclusión de que o feminino non era un sexo secundario, senón igual ca o masculino, estaba a ter unha ocurrencia similar, como tamén aconteceu cando alguén soñou unha noite que a cor ou a raza non podían ser causa de inferioridade. Para que os soños se fagan realidade, primeiro hai que telos e procurar que congreguen a xente loitadora, capaz de avanzar porque crea neles e na posibilidade de darlle a volta en positivo a situacións ata o daquela nunca abordadas.