Washington comeza a mover fichas no taboleiro de Oriente Próximo. A xira que leva a cabo a secretaria de Estado Hillary Clinton por diversos países árabes, así como a repentina apertura diplomática cara Siria, son iniciativas que reforzan o verdadeiro obxectivo do goberno de Barack Obama: certificar o illamento diplomático internacional de Irán, nun momento en que se discuten futuras sancións contra este país.
Unha evidencia concreta desta estratexia foi a apertura cara Damasco, que pode interpretarse como un paso para provocar fendas na tradicional alianza sirio-iraniana. Neste sentido, o recente nomeamento dun novo embaixador estadounidense en Damasco, tras cinco anos de ruptura, permitiría un maior achegamento ao presidente sirio Bashar al Asad, iniciativa que podería levar a suspender as sancións contra Siria, frecuentemente acusada por Washington de apoiar o terrorismo, a cambio de posibles axudas económicas.
De Damasco a Teherán
Pero o obxectivo real do achegamento cara Siria é a ruptura das alianzas rexionais de Teherán, escenario que incluiría aos movementos islamitas libanés Hizbulah e palestino Hamas.
Deste modo, Siria podería converterse nun inédito epicentro clave para solidificar os obxectivos xeopolíticos de Washington na rexión, na pretensión de monitorear a situación no Líbano, resucitar o sepultado proceso de paz palestino-israelí e intensificar a política estadounidense cara Iraq, en especial ante as eleccións lexislativas do próximo 6 de marzo e ante a perspectiva dunha retirada militar estadounidense, prevista para 2011.
Intención similar se observa na xira polo Golfo Pérsico levada a cabo por Hillary Clinton, onde non dubidou en anticipar unha posible “ditadura militar” en Irán, acusando á Garda Revolucionaria Islámica de converterse, de facto, nun corpo pretoriano capaz de dominar as estruturas do réxime teocrático.
Deste modo, a Casa Branca identifica a esta poderosa institución como o verdadeiro “poder na sombra” en Teherán, acusándoa de ser a responsable da intensificación do programa nuclear e da represión contra os sectores opositores. A inédita arenga de Hillary instando aos aiatolás a “recuperar a súa autoridade” non fai máis que definir a sutil intención de provocar un terremoto político en Teherán, que debilite a este país ante as sancións internacionais en curso.
A clave chinesa
Washington acelera un amplo operativo diplomático na ONU para establecer sancións máis severas contra Teherán. Neste apartado, tenta atraer o apoio de Rusia e China, tradicionais aliados iranianos, dentro do Consello de Seguridade. No caso ruso, este apoio semella practicamente garantido, á vista dos recentes reacomodos entre Washington e Moscova.
Este escenario resulta diametralmente diferente no caso chinés, a tenor das relacións enerxéticas e económicas entre Beijing e Teherán. Segundo fontes oficiais iranianas, este país achega o 11% do consumo enerxético chinés, mentres as relacións comerciais entre ambos países alcanzaron os US$ 36.500 millóns desde 2008.
Velaí que a xira de Hillary Clinton definiu tamén a posibilidade de reverter a relación enerxética entre China e Irán, confiando en que países como Arabia Saudita e Qatar substitúan a Teherán como surtidores de petróleo de Beijing. Non obstante, China segue a apostar pola solución diplomática, incluso ante a inminencia non só de sancións senón de plans militares contra as instalacións nucleares iranianas.
Nun momento en que EEUU afonda a súa ofensiva militar en Afganistán contra as milicias talibán, o escenario de Oriente Próximo anuncia maiores turbulencias contra Irán. Cunha escasa visión diplomática global para dar curso aos mecanismos de paz na rexión, Obama segue a confiar nos “falcóns” en Washington para definir a estratexia estadounidense en Oriente Próximo e Asia Central. Definitivamente, aliados non lle faltarán, incluso no caso de dar curso a unha ofensiva militar contra Teherán.