A yihad do Estado Islámico

En pleno mid-term do seu segundo mandato presidencial, a guerra que Barack Obama e os seus aliados libran contra o Estado Islámico (EI) entre Siria e Iraq evidencia as fisuras da errática estratexia deseñada por Washington nun Oriente Medio visiblemente mais inestable e convulsionado. Os contrastes e contradicións existentes na estratexia de Obama albiscan un conflito prolongado a longo prazo, cuxa definición recaerá na próxima administración na Casa Branca tralos comicios presidenciais 2016.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

En pleno mid-term do seu segundo mandato presidencial, a guerra que Barack Obama e os seus aliados libran contra o Estado Islámico (EI) entre Siria e Iraq evidencia as fisuras da errática estratexia deseñada por Washington nun Oriente Medio visiblemente mais inestable e convulsionado. Os contrastes e contradicións existentes na estratexia de Obama albiscan un conflito prolongado a longo prazo, cuxa definición recaerá na próxima administración na Casa Branca tralos comicios presidenciais 2016.

               Cando esperaba arriar as bandeiras en Oriente Medio, particularmente trala retirada militar en Iraq (2012), completada coa certificación da retirada en Afganistán para decembro próximo, a Washington xa lle saiu un novo “inimigo”: o Estado Islámico. A agrupación yihadista oficialmente creada en 2013 tras varios anos de militancia e loita entre Iraq e Siria, comeza a converterse nunha “pedra no zapato” en plena recta final do segundo mandato presidencial de Barack Obama.
 
               Con todo, o momento loce complicado para Obama. A guerra civil siria que desde 2011 fracasou na deposición do réxime de Bashar al Asad e a inestabilidade iraquí dos derradeiros anos, deixaron tras si a potenciación dun novo actor de carácter supraestatal, con pretensións de crear un Califato islamita en pleno corazón de Oriente Medio.
 
Deste modo, o Estado Islámico (EI), en principio observado por aliados de Washington como Arabia Saudita e Qatar, como un móbil efectivo para acabar co réxime sirio, estase convertendo nun efecto colateral da errática estratexia auspiciada por Washington en Oriente Medio. Diversas fontes argumentan que esta agrupación alberga milleiros de militantes, entre eles centos de musulmáns con nacionalidades occidentais, destacando os británicos, franceses e alemáns, entre outros.
 
 Unha activa militancia propagandística engadida a ferramentas efectivas de financiamento e aprovisionamento loxístico fan do EI un actor incómodo incluso para a propia rede Al Qaeda, que ten perdido terreo e incluso lexitimidade entre os “yihadistas” globais á hora de propiciar a loita contra o inimigo occidental. Por tanto, a guerra do EI non se libra principalmente no terreo militar e xeopolítico senón nas conciencias dos musulmáns, especialmente daqueles dispostos a levar a cabo a yihad. E aquí, esta yihad vai dirixida, claramente, contra Occidente e incluso contra a propia Al Qaeda.
 
A rede: un arma letal
 
Velaí a preponderancia do EI en utilizar Internet e as redes sociais como ferramentas de lexitimación e propaganda para os seus fins. Deste modo, observar a esta organización como meros terroristas e fanáticos dispostos a inmolarse pola yihad e o Califato supón un erro estratéxico e unha trampa recorrente cometida por Washington e os seus aliados, os cales comezan a observar a este grupo yihadista como un inimigo co que hai que combater con outras armas.
 
As imaxes profusas de decapitacións e propaganda yihadista certifican porqué a rede (particularmente Youtube e material multimedia) ocupa un lugar estratéxico e preponderante para o EI na captación, difusión e información da súa mensaxe a nivel global. Neste sentido, o EI non difire dos códigos establecidos anteriormente por Al Qaeda, coa diferenza en que a utilización de notables técnicas de difusión, incluso con carácter cinematográfico, dan a entender a capacidade dos seus expertos para difundir esta mensaxe.
 
Tal ha sido a eficacia do EI en difundir a súa mensaxe na rede que o propio Departamento de Estado de EUA veuse na obriga de contrarrestalo a través da rede, aínda que de forma ata agora infrutuosa. Isto formalizouse coa campaña a través do video “Welcome to the Islamic State Land” (“Benvidos á Terra do Estado Islámico”), na que amosan imaxes de crimes brutais cometidos por militantes do EI na porosa fronteira entre Siria e Iraq.
 
Non obstante, en Washington especulan coa escasa efectividade desta campaña, a cal moitos observan como tardía e excesivamente reactiva. Paralelamente, a Unión Europea reuniuse con directivos de Google, Facebook, Twitter e Microsoft, a fin de estudar diversas formas de contención na rede da propaganda yihadista do EI.
 
Cambiará o EI a xeopolítica de Oriente Medio?
 
Se a guerra na rede é unha realidade en pleno desenvolvemento, non menos ten que ver coas operacións militares que Washington e os seus aliados realizan contra as posicións do EI entre Siria e Iraq, confirmando unha serie de contrastes que moi posiblemente poden anunciar cambios tectónicos na xeopolítica rexional.
 
O primeiro contraste ten que ver coa indirecta concreción de intereses entre dous inimigos como son o réxime sirio e Washington. Tras unha desastrosa guerra civil de mais de tres anos, o réxime de Bashar al Asad segue en pe en Damasco, e agora a loita contra o EI semella concretar posicións de interese tácitas con Washington.
 
Se ben o plan de Obama contra o EI, lanzado en outubro pasado e dividido en tres fases, estipula non cooperar co réxime sirio, as operacións aéreas lanzadas contra posicións do EI supón unha ofensiva chave que favorece os intereses de Damasco de afastar aos yihadistas do seu territorio, incluso desprazándoos cara Turquía, Iraq e a Rexión Autónoma do Curdistán ao norte iraquí.
 
Con isto, Washington vese inmerso nas complexidades emanadas dunha crise humanitaria reflectida en catro millóns de refuxiados, principalmente apostados en Turquía, así como de diversas comunidades atrapadas na ofensiva que as tropas iraquís, curdas e turcas libran contra os yihadistas do EI.
 
O segundo contraste é mais poroso. Se ben Washington observou ao EI con receo e distanciamento, principalmente durante a guerra civil siria, na pretensión porque este grupo servira de brazo armado dunha plataforma opositora siria sumamente heteroxénea e dividida, esta diagnose vese agora contrariada toda vez o EI semella constituírse nun actor vivo e incluso “lexítimo” aos ollos de diversas comunidades sirias e iraquís, principalmente de confesión sunnita, frustrados pola errática política estadounidense no Iraq post-Saddam.
 
A caída do goberno de Nourri al Maliki en Bagdad en agosto pasado, propiciada pola Casa Branca, evidenciou a incapacidade de Washington por deseñar unha estratexia viable na rexión. Toda vez os seus aliados no Golfo Pérsico, principalmente Arabia Saudita e Qatar, vense agora contrariados pola preponderancia dun EI ao que Riad e Doha contribuíron a financiar e apoiar militar e loxisticamente durante a guerra civil siria. Este anterior apoio saudita e catarí cara o EI permitiulle ao grupo yihadista fortalecer o seu brazo financeiro e loxístico.
 
Un terceiro contraste: o hipotético Curdistán independente. A utilización dos peshmergas ou milicias curdas do norte de Iraq como combatentes efectivos na loita contra o EI deixa no tapete a histórica pretensión curda por constituírse dun xeito lexítimo en Estado independente.
 
Cando no verán pasado, Washington adiantou a ofensiva aérea contra o EI mentres preparaba o terreo político para alcanzar apoios no mundo árabe, o presidente da Rexión Administrativa do Curdistán iraquí, Mahmud Barzani, aproveitou para impulsar medidas legais orientadas a unha eventual declaración de independencia do Curdistán, cos seus efectos xeopolíticos principalmente cara Turquía, Siria e Irán, países que albergan a maior diáspora curda. Con todo, Washington tenta contemporizar as pretensións soberanistas curdas toda vez paraliza esta iniciativa a través do seu plan de ataque contra o EI. Velaí que o problema curdo pode ser un efecto colateral a longo prazo dentro da estratexia militar contra o EI.
 
Cuarto: se ben Turquía e EUA concordaron na estratexia contra Bashar al Asad e agora contra o EI, a actual guerra en Oriente Medio, xunto coas friccións occidentais con Rusia pola crise ucraína, evidenciaron un maior distanciamento entre Ankara e Washington, un aspecto sumamente sensible tratándose Turquía de ser un membro da OTAN e un tradicional aliado xeopolítico occidental.
 
A Turquía de Recep Tayyip Erdogan intensifica as súas críticas cara Washington, practicamente responsabilizándoo da actual crise en Oriente Medio. Turquía é o país afectado pola crise humanitaria provocada pola guerra civil siria e as ofensivas contra o EI, toda vez observa con preocupación que esta conxuntura alente a creación dun Curdistán independente no norte de Iraq. Nos derradeiros meses, Erdogan ten adoptado unha posición menos proestadounidense, achegándose cada vez mais á Rusia de Vladimir Putin, a China e en menor medida a Irán.
 
Quinto: a guerra siria e a ofensiva contra o EI ocorren nun contexto paralelo ás negociacións nucleares entre Irán e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), o aspecto que mais visiblemente parecera interesar a Obama no contexto de Oriente Medio. O acordo de novembro de 2013 entre Teherán e a AIEA ten avanzando lentamente durante o 2014, mentres as recentes negociacións de Viena non avanzaron o suficiente, deixando as negociacións para o próximo ano.
 
Teherán é o aliado rexional de Bashar al Asad, toda vez recea da presión de Arabia Saudita e Qatar, alentada por Washington, para contrariar os intereses xeopolíticos iranianos en Oriente Medio, principalmente en Iraq e o Golfo Pérsico. No caso do EI, Teherán condena as accións deste grupo ao mesmo tempo que critica a Washington da crise, tomando en conta a súa fracasada política no Iraq post-Saddam.
 
Por tanto, Obama tenta non contrariar o suficiente ao presidente iraniano Rouhaní en materia do programa nuclear, toda vez o presidente estadounidense ansía un acordo con Teherán que propicie unha apertura diplomática, colofón estratéxico que dirimiría a retirada xeopolítica estadounidense de Oriente Medio e a concentración estratéxica na súa verdadeira área de interese: China e Asia-Pacífico.
 
Un último factor ten que ver coa vitoria do Partido Republicano nas recentes eleccións para a Cámara de Representantes e o Senado. Controlando ambas cámaras, a bicefalia do poder en Washington entre unha presidencia demócrata en horas baixas e un poder lexislativa en mans dos republicanos, define o perfil político preelectoral co miras aos comicios presidenciais 2016.
 
Este feito afectará igualmente á estratexia de Obama contra o Estado Islámico. Os republicanos premerán por unha maior intensificación das accións militares e un reforzamento das alianzas rexionais (Arabia Saudita, Qatar, Israel) que moi seguramente obstaculizarán as pretensións “aperturistas” de Obama cara Irán.
 
Cos republicanos na ofensiva política en Washington, a guerra e a inestabilidade en Oriente Medio serán a tónica a seguir a curto e mediano prazo, cun Obama atenazado pola crise económica e a necesidade de levar a cabo unha serie de reformas legais (leis de inmigración, sistema sanitario) que espera ver solucionadas antes de abandoar a Casa Branca en 2016. Por tanto, a guerra de Obama contra o EI será unha herdanza que o actual inquilino da Casa Branca deixará ao seu sucesor, sexa demócrata ou republicano, e cuxa definición se verá a longo prazo, con consecuencias incertas.