Sepultura de Friedrich Wilhelm Mette no Cemiterio do Hospital pisquiátrico de Conxo

Abraiante Galicia (VI) O capitán Friedrich Wilhelm Mette

A serie "Abraiante Galicia" achega desde os ollos de Isabel Stanganelli, espazos, historias e outros elementos que non deixarán de causar asombro. Arredor das conexións de Galicia co resto do mundo...
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Europa

A sepultura do capitán do buque Santa Úrsula, Friedrich Wilhelm Mette, foi descuberta en 2005 -tras case un século de esquecemento- no cemiterio do hospital psiquiátrico de Conxo (Santiago de Compostela). O achado foi obra dun equipo de voluntarios e usuarios da Asociación Itinera para a Saúde Mental, que se atopaba rozando os abandonados xardíns dos que era parte o cemiterio. A lápida era monumental, pero o abandono desde mediados dos anos 70 ocultábaa entre a maleza. Os voluntarios buscábana: un paciente do nosocomio lembraba vela naquela época. Lamentablemente unha vez exposta ao público foron roubados os seus atributos máis notorios: unha áncora -que se estendía ao longo da tumba- e cadeas que a circundaban.

Este achado resultou en importantes interrogantes que aínda non atopan explicación.

Friedrich Wilhelm Mette era un dos capitáns da frota da Liña Hamburguesa Suramericana, de orixe alemá, que oficialmente transportaba pasaxeiros e correspondencia entre a península ibérica e o río da Prata desde antes da Primeira Guerra Mundial. Os migrantes eran principalmente galegos ou portugueses, pero eran frecuentes pasaxeiros doutros lugares, ante as crises europeas e a inminencia da Gran Guerra. Non eran tempos apacibles. Con frecuencia os buques refuxiábanse en portos portugueses e nas rías galegas e non era extraño atopar ao Santa Úrsula nelas entre 1914 e 1916. Como consecuencia das hostilidades entre Portugal e Alemaña, a primeira apropiouse do Santa Úrsula denominándoo Estremadura1.

Desde entón o capitán Mette permaneceu en terra, en Vilagarcía de Arousa. Descoñécese o obxectivo da súa permanencia aínda que sería o capitán Feldman quen coordinaba o seu traballo. Foi a súa “tripulación” quen o levou ao psiquiátrico de Conxo, moi próximo a Santiago de Compostela, en outubro de 1916(2).

A explicación oficial foi que padecía unha enfermidade mental asociada á sífilis, supostamente contraída durante unha epidemia en Buenos Aires. Non atopei rexistro desa epidemia, pero nese ou calquera outro porto podía contraela, se ese foi o caso. A permanencia no hospital tamén podía ser un conveniente agocho: ao capitán Mette permitíaselle entrar e saír libremente desa institución.

Con todo o 5 de outubro de 1917 foi internado de urxencia en estado grave. Friedrich Wilhelm Mette faleceu o 10 de outubro de 1917, cinco días máis tarde. Tiña 42 anos. Outro detalle rechamante é que se a gravidade do seu estado era tal, debeu ser ingresado noutro tipo de establecemento de saúde…

Ademais, durante moito tempo sumouse a incógnita de quen recoñecera a súa memoria con semellante lápida e por que. Hoxe sábese que se tratou do consulado de Alemaña en Vigo. Na súa lápida pode lerse: «Hier ruhet Friedrich Wilhelm Mette. Kapitan. Ou.S. Santa Ursula. 1875-1917» (Aquí descansa Friedrich Wilhelm Mette. Capitán. Buque Santa Úrsula).

Se era tan importante por que os seus restos non foron repatriados a Alemaña? Prestou servizos que non podían ser recoñecidos publicamente naquel país? Hai medios consultados que se refiren a Mette como o “espía alemán”… É probable que fose parte do equipo de espionaxe alemá na Primeira Guerra Mundial.

Cando se desacralizou o cemiterio e convidouse aos familiares para retirar os restos, moitos non se presentaron e entre eles os familiares de Friedrich Mette. Coñecían o lugar e circunstancias da súa morte? Buscouse á súa familia en Bremen. Se era a súa cidade é probable que cambiase o seu apelido. Ademais perdeuse moitísima documentación previa a 1945…

Se se pretendeu levar a cabo unha operación encuberta, cometeuse o erro de erixir esa lápida. Seguirei indagando.

Agradezo a asistencia e paciencia de Manuel Gayoso, que respondeu a moitas das miñas preguntas.

1 Irónicamente o Santa Úrsula –construido en 1908- foi afundido por un submarino alemán na Segunda Guerra Mundial. Baixo bandeira grega, levaba entón o nombre de Livathos.

2 El Hospital psiquiátrico de Conxo foi orixinalmente un mosterio que contaba con impecables xardíns (toda a cidade de Santiago de Compostela destácase polos seus xardíns) cunha área neles destinada ao cemiterio.

Nota da autora: “Non recibín ningún tipo de compensación (económica ou non) por escribir este artigo, non teño conexión material coas marcas, produtos ou servizos que mencionei e a miña opinión é independente”.