ramsar

Abraiante Galicia XIV: A Convención Ramsar e as rías galegas

A serie "Abraiante Galicia" achega desde os ollos de Isabel Stanganelli, espazos, historias e outros elementos que non deixarán de causar asombro. Arredor das conexións de Galicia co resto do mundo...
Palabras chave ecoloxía

Non moitos saben en Galicia, que non debe existir un libro de Xeografía xeral en todo o planeta que, ao describir os tipos de costas, non mencione as rías galegas: cordóns montañosos perpendiculares á costa (en fin, non tanto pero…) que se somerxen no mar e cuxos vales fluviais intermontanos resultaron invadidos polo mar. Nelas somerxe e desaparece a cordilleira Cantábrica. Posúen portos protexidos, numerosas cidades e aldeas aséntanse nas súa costas, praias de soño, riquezas naturais, o seu microclima… pero tamén foron escenarios de batallas e testemuñas de catástrofes, naturais pero tamén debidas á acción humana.

E ao deterioro ambiental, sumáse hai menos de 50 anos o descubrimento do buraco da capa de ozono, comprobándose unha aceleración dos efectos dos cambios climáticos a escala mundial. Xa estaba a desaparecer o mar de Aral polos canais de regadío que sacrificaron os ríos que o alimentaban, nos Países Baixos desaparecían os pólderes para gañar terra ao mar, cambiábase o curso do río valenciano (entre outros), desertizábase o Sahel africano…

A gravidade da situación e as súa consecuencias fixo que en 1971 se adoptase un tratado internacional, a Convención de Ramsar, asinada na cidade homónima en Irán e con sé en Gland -Suíza-, para conservar e utilizar de maneira racional os humidais –non só os costeiros– e os seus recursos. Estes ecosistemas resultan fundamentais para conservar a biodiversidade (aves migratorias, vida mariña, etc.), a regulación da auga (mitigar inundacións, secas) e, en definitiva, o benestar humano, ao contribuír coa súa saúde ambiental a mitigar os efectos do cambio climático.

Desde entón elaborouse un listado de humidais de importancia internacional que pasaron a integrar os “sitios Ramsar” e a estar protexidos pola comunidade internacional. Actualmente, máis de 170 países asinaron a Convención e designaron máis de 2.400 sitios Ramsar en todo o mundo.

É un tratado internacional independente, non pertence ás Nacións Unidas (ONU) malia que traballa en cooperación con organismos da ONU como a UNESCO (que protexe o patrimonio cultural e natural da humanidade), o PNUMA (Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente) e a Convención sobre a Diversidade Biolóxica (CDB), ademais doutras organizacións internacionais para a conservación dos humidais.

Cando se aproba un novo “sitio Ramsar”, este non só adquire o recoñecemento internacional como tal, senón que accede a axuda técnica, financeira, cooperación e protección ante ameazas e asesoramento para lograr -se corresponde- o turismo sostible. Pero da mesma maneira, os países que incorporan “sitios” adquiren obrigas: a comunidade debe conservar, monitorizar, reportar incidentes e usar racionalmente eses espazos.

O meu primeiro contacto con esta convención ocorreu nos anos 90, cando asistín representando a Alemaña a un obradoiro en Letonia sobre o mar Báltico (sitio Ramsar: Liepaja). Asistimos representantes de once países involucrados. Ante calquera decisón, obviamente Galicia ten moi facilitadas as tarefas ao non necesitar consenso con outros países para elevar propostas de “sitios Ramsar”.

O 2 de febreiro de 2024, Día Mundial dos Humidais, Galicia xa contaba con seis sitios galegos na lista Ramsar: a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas (destaca a riqueza de especies de peixes migratorios como sábalo, salmón atlántico, reo, anguía e lamprea mariña, e de aves acuáticas reprodutoras como o alavanco.).

O caso das dunas de Corrubedo é paradigmático. Comezou coa alarma pola redución das dunas debida á extracción por camións de empresas construtoras. A partir de entón establecéronse medidas moi estritas. Actualmente podemos aproximarnos a elas seguindo un sendeiro elevado de madeira para non deteriorar o medio circundante. Aínda así, a Natureza –tarde ou cedo– é a que dita as regras… As dunas seguiron erosionándose… Non existe mellor arma que a prevención.

De todos os xeitos, resulta clave multiplicar os sitios Ramsar para promover a conservación e posta en valor dos espazos naturais tan variados en Galicia e protexer a notable riqueza de flora e fauna, destacando especies ameazadas e hábitats prioritarios.

Polo momento os “sitios” son costeiros, malia que Galicia ten innumerables zonas verdes no seu interior, con ríos, regatos, fervenzas e ecosistemas moi ricos e distintivos.

isaabel 1
Fervenza de San Xusto. Non é un “sitio Ramsar”….

Outro exemplo é o esteiro do río Miño, que abarca unha superficie de máis de 860 hectáreas nos concellos da Guarda e O Rosal e non está incluído na lista Ramsar.

En momentos nos que o medio ambiente pode estar comprometido, existen instrumentos internacionais contundentes para protexelo.

Nota da autora: “Non recibín ningún tipo de compensación (económica ou non) por escribir este artigo, non teño conexión material coas marcas, produtos ou servizos que mencionei e a miña opinión é independente.”