Edición especial dunha Cunca coa sinatura de Plácido Castro, para a romaría Vikinga de Catoira do ano 2004.

Abraiante Galicia XV: Viños de Galicia

A serie "Abraiante Galicia" achega desde os ollos de Isabel Stanganelli, espazos, historias e outros elementos que non deixarán de causar asombro. Arredor das conexións de Galicia co resto do mundo...
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia viño

O viño estivo historicamente ligado á liturxia católica a través do cáliz da Eucaristía. Deste xeito, a dispersión de cepas adaptadas aos distintos climas, solos e tradicións de cultivo resultou máis intensa ca noutras especies vexetais ou animais. O resultado é dunha variedade extraordinaria: dende o doce e espeso Commandaria de Chipre ata o máis suave Malvasía das illas Estrómboli; dende o que fora o viño máis austral do planeta na illa Sur de Nova Celandia ata a produción patagónica do chamado “Viño do fin do mundo”, sen esquecer os californianos. A vide non deixou de expandirse, nin de diversificar as súas variedades. Abonda con observar os países e adegas que compiten cada ano polos primeiros postos nos distintos varietais.

En Galicia, a tradición vitivinícola podería ter comezado na época romana, enriquecéndose coa incorporación de variedades xa recoñecidas a nivel mundial. Nos primeiros cinco séculos da nosa era xa existen evidencias arqueolóxicas de lagares e ánforas na Ribeira Sacra. Durante o seguinte milenio, foron os mosteiros –principalmente nesa rexión– os que impulsaron a produción de viño: os beneditinos e cistercienses introducíron novas técnicas de viticultura e xestionaban grandes viñedos en zonas como a Ribeira Sacra e o Ribeiro, tanto para o consumo litúrxico como para o sustento económico da rexión. Os mosteiros eran grandes propietarios de terras e a produción vinícola constituía unha das súas principais fontes de ingresos. Moitos dos viñedos actuais aínda se asentan sobre antigas parcelas monásticas. A calidade do viño producido nos mosteiros fixo que fose o preferido para misas e celebracións relixiosas. Tamén se exportaba a Inglaterra e aos Países Baixos, competindo cos viños portugueses.

Co comezo do comercio con América e o auxe doutros viños españois, o protagonismo do viño galego esmoreceu. A situación agravouse en toda Europa entre 1868 e 1920 por mor dunha praga procedente de América: a filoxera. No noso caso, a doenza entrou por Oporto, avanzou pola conca do río Douro e destruíu a totalidade dos cultivos galegos, que foron substituídos por outros. A praga só puido ser superada mediante enxertos con vides americanas a mediados do século XX. Nos anos 80 apareceron as Denominacións de Orixe (DO), que garantiron a calidade e autenticidade das distintas producións –como o queixo azul, o cava, etc.– e incluíron os viños galegos con varias DO que desde entón acadaron recoñecemento internacional: nas Rías Baixas destaca o Albariño, no Ribeiro a Treixadura, en Valdeorras o Godello. Máis discreta, en Monterrei tamén se produce Godello, Treixadura e o tinto Mencía, que tamén se cultiva en terrazas á beira dos ríos Miño e Sil, e en mosteiros históricos como o de Santo Estevo na Ribeira Sacra.

Na actualidade, alén do seu uso litúrxico, existen rutas turísticas que combinan viño e patrimonio relixioso. Gozar da beleza deses paraxes saboreando un Mencía…

¿Copas para o viño? ¡As cuncas!

As copas de viño galegas merecen unha mención especial. Trátase das cuncas, pequenos cuncos de barro ou cerámica –materiais con boas propiedades para manter as bebidas frescas– máis pequenos (até 250 ml), máis anchas ca as copas modernas e cunha base xeralmente plana, o que lles dá un toque rústico e tradicional. Úsanse especialmente en momentos de camaradería ou celebracións como o polbo á feira, en festíns típicos ou festas gastronómicas tradicionais, romarías, festividades locais como a Festa do Viño da Ribeira Sacra ou a Festa do Albariño en Cambados, entre outras. Tamén poden atoparse en tabernas e adegas rurais… reflicten a profunda conexión co entorno rural galego.

Aínda que o uso das cuncas diminuíu na vida cotiá coa chegada das copas modernas, seguen a ser unha peza moi valorada dentro da artesanía galega. No meu caso, coñecinas como peregrina ao meu paso por Melide. Considerada a “capital do polbo”, era parada obrigada para a cea, e con el chegou o viño servido en cunca.

Presentes en moitas tabernas de Santiago de Compostela a comezos do século XX, hoxe en día son poucos os lugares onde me serven o viño neles; teño que pedilas, e non todos os establecementos as teñen. Existen diversas iniciativas que procuran devolveles o protagonismo. Unha delas, dende A Coruña, é a “Comitiva de Santa Cunca”. Agardo que o consigan.

Nota da autora: “Non recibín ningún tipo de compensación (económica ou non) por escribir este artigo, non teño conexión material coas marcas, produtos ou servizos que mencionei e a miña opinión é independente.”