Igrexa de San Pedro Fiz. Fonte: Wikipedia

Abraiante Galicia XVI: Sobre a igrexa de San Pedro Fiz e a Orde de San Xoán de Xerusalén

A serie "Abraiante Galicia" achega desde os ollos de Isabel Stanganelli, espazos, historias e outros elementos que non deixarán de causar asombro. Arredor das conexións de Galicia co resto do mundo...
Liñas de investigación Paradiplomacia

Teño moitos motivos para dedicar este artigo á Orde de San Xoán de Xerusalén, posteriormente coñecida como Orde de Malta ou Orde dos Hospitalarios.

Unha mañá no meu Camiño de Santiago sorprendeume un rumor crecente ás costas. Tratábase dun numeroso grupo de membros españois da Orde de Malta que se adiantaban levando peregrinos con discapacidade mentres rezaban. Detíñanse a recuperar folgos e, pouco despois, volvían pasarme, sempre rezando. Non agardaba semellante xesto humanitario e quedei, ata hoxe, profundamente impresionada. Ao chegar ao destino volvín atopalos. Ocupaban daquela as primeiras filas na Catedral de Santiago durante a Misa do Peregrino e, posiblemente grazas a eles, puiden presenciar a cerimonia do botafumeiro.

A Orde dos Cabaleiros de Malta é unha orde militar e relixiosa católica laica creada no século XI en Xerusalén, durante a época das cruzadas, para protexer e asistir os peregrinos cristiáns que viaxaban a Terra Santa. Pasado un milenio, continúan prestando servizos médicos e humanitarios por todo o mundo, mantendo o seu compromiso coa fe e coa atención ás persoas necesitadas. Ofrecen servizos de asistencia médica, transporte adaptado e aloxamento accesible para peregrinos con discapacidade que viaxan a lugares sagrados como Roma, Lourdes e, por suposto, Santiago de Compostela. Por iso tamén se lles coñece como a Orde dos Hospitalarios. Sabía da súa existencia e da súa obra, pero nunca tivera ocasión de velos en acción.

Desde o século XVI, asóciase esta orde coa illa de Malta, onde construíron a Concatedral de San Xoán Bautista na capital, A Valeta —importante centro naval e militar—, tamén fundada por eles. Por suposto, visitei esa catedral. Impressionoume o seu chan de mármore, que cobre arredor de 400 sepulturas pertencentes a membros da Orde, ricamente decoradas cos seus escudos, nomes, elementos alegóricos e epitafios.

Ata aquí, este texto non pasa dunha cuestión anecdótica. Mais non hai moito tiven ocasión de ler, con horror, unha publicación dunha recoñecida revista que atribuía un templo erguido en Galicia polos Cabaleiros de Malta a outra orde: os Templarios1. Trátase da igrexa de San Pedro Fiz de Hospital, construída nas montañas luguesas de O Incio a finais do século XII e comezos do XIII como parte dun complexo que incluía unha fortaleza, un albergue, un hospital e a igrexa. Estableceuse alí porque era unha encrucillada de camiños de peregrinación a Santiago de Compostela. A súa función asistencial complementábase coa defensiva ante os avances musulmáns, de aí que o complexo contase cunha fortaleza —hoxe o campanario—. Todo este sector do camiño cara a Santiago converteuse nun importante centro de poder e influencia para esta orde.

San Pedro Fiz é unha edificación moi singular. Construíuse con mármore azulado da comarca: é a única igrexa románica de España construída integramente con esta pedra —o habitual era o uso do granito— e un dos poucos templos edificados en mármore en todo o sur de Europa2. Aínda que esta igrexa xa non pertence á Orde de Malta, a súa historia e arquitectura seguen sendo testemuño da importancia que tivo. Sobre as súas dúas portas principais segue lucindo o escudo coa Cruz de Malta, presente en varias ornamentacións no interior do templo.

San Pedro Fiz de Hospital do Incio foi declarada Monumento Histórico-Artístico Nacional o 19 de xuño de 1981 polo Ministerio de Cultura e, posteriormente, Ben de Interese Cultural. Curiosamente, este recoñecemento non se debeu ao uso do mármore, senón á historia do lugar, ás características da súa construción e á presenza da cruz de Malta situada sobre o tímpano da porta principal.

Por suposto, sempre hai espazo para as lendas locais, tan propias de Galicia. Cóntase que a igrexa foi construída polo demo nunha soa noite… Tamén se di que, se se retira a lápida do cabaleiro don frade Álvaro de Quiroga, situada no interior do templo, a igrexa derrubaríase.

A pesar de ter estado nas proximidades —Sarria, Lugo—, esta notable obra arquitectónica non era moi mencionada, a pesar de ser testemuña dun milenio de vida galega. Agardo estar contribuíndo á difusión da existencia de San Pedro Fiz e da obra da Orde de San Xoán de Xerusalén… os Hospitalarios.

Nota da autora: “Non recibín ningún tipo de compensación (económica ou non) por escribir este artigo, non teño conexión material coas marcas, produtos ou servizos que mencionei e a miña opinión é independente.”

1 Asun, Luján. “Secreto templario. La ermita de mármol que legaron los templarios a Galicia”. En Viajes. National Geographic. Marzo 19, 2025. https://viajes.nationalgeographic.com.es/a/ermita-marmol-que-legaron-templarios-galicia_20789 Sitio visitado el 07/05/2025.

2 De las mismas canteras los romanos extrajeron mármol para realizar algunas de las edificaciones de Lugo y hay sectores construidos con este mármol en la misma Catedral de Santiago.