Panorámica da illa Sur das Cíes desde a illa do Faro. Fonte: Galipedia

Abraiante Galicia XVIII: As illas Cíes (e as Galápagos)

A serie "Abraiante Galicia" achega desde os ollos de Isabel Stanganelli, espazos, historias e outros elementos que non deixarán de causar abraio. Arredor das conexións de Galicia co resto do mundo...
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave illas cíes Galicia UNESCO

Esta primavera conseguín finalmente visitar as illas Cíes. Ademais de coñecelas, desexaba comparar a experiencia coa miña visita previa —e non tan recente— ao arquipélago das Galápagos (Ecuador). En ambos os casos están moi protexidas por seren santuario de especies únicas e tamén por contaren con organismos semellantes encargados de garantir a preservación das especies e dos seus hábitats. Loxicamente, as diferenzas son notables: case tres horas de voo permiten chegar desde Quito ou Guayaquil ata as illas do océano Pacífico. Desde Vigo, un barco precisa apenas 45 minutos. Mais, en ambos os casos, a antelación, a documentación requirida, os controis e os regulamentos para percorrelas non resultaron moi diferentes.

As Cíes son un arquipélago situado fronte á ría de Vigo, formado por tres illas: a illa Norte ou Monteagudo, a illa do Medio ou do Faro e a illa Sur ou San Martiño. As dúas primeiras atópanse unidas artificialmente por unha escollera e naturalmente polo areal da praia de Rodas, que na baixamar forma unha lagoa costeira ou albufeira. A terceira só pode ser visitada por embarcacións privadas. As Cíes foron declaradas Parque Natural en 1980, Zona Especial de Protección para as Aves en 1988 e están incluídas no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, creado en 2002 xunto coas illas Ons, Sálvora, Noro, Vionta, Cortegada e Malveiras. En novembro de 2013 iniciáronse os trámites para que as illas fosen declaradas Patrimonio da Humanidade e, en maio de 2017, a Xunta de Galicia remitiu unha solicitude ao Ministerio de Cultura para que todo o conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas fose recoñecido pola UNESCO. O parque conta cun sector terrestre e outro mariño que comprende unha franxa de 100 metros ao seu redor, medida a partir da liña de máxima baixamar.

Desde o ano 2004 teñen ademais a consideración de Zona ZEPVN, como espazo que debe conservarse polos seus valores ou interese natural, cultural, científico, educativo ou paisaxístico; desde 2007 son Zona OSPAR para a protección do medio mariño do Atlántico Nordeste; desde marzo de 2014 son zona ZEC de interese comunitario europeo e desde xullo de 2014 zona ZEPA, de especial protección para evitar a contaminación do hábitat das aves (niños, migracións) e do medio mariño das Rías Baixas.

Nas Cíes están excluídas, obviamente, todas as actividades que alteren ou poñan en perigo a estabilidade dos seus ecosistemas. Permítese a pesca artesanal profesional, sempre subordinada á conservación dos recursos naturais, e a pesca submarina está prohibida desde 1992. Si se apoian as actividades tradicionais que contribuíron a conformar a paisaxe e que son compatibles co seu desenvolvemento.

As tres illas son montañosas, cunha costa occidental abrupta, con cantís de máis de cen metros e covas moi erosionadas. A costa oriental, máis suave, está cuberta por bosques e matogueiras e, ao estar máis protexida, conta con fermosas praias e dunas. Hai matogueiras de especies autóctonas como o toxo, a xesta ou a esteva, algo que non me sorprendeu, pois constitúe unha prolongación do maquis mediterráneo. Mais o bosque si se degradou: desapareceron especies como a figueira e outras, como o rebolo, están en perigo. Os ventos fortes cargados de sal dificultan o seu desenvolvemento. Obsérvanse zonas repoboadas con piñeiros —case unha cuarta parte da superficie do parque— atrapados por plantas gabeadoras e cun chan cuberto de fentos. Quedei sorprendida ao atopar piñeiros negros que só vira en Chipre… mais non, nas Cíes tratábase do piñeiro marítimo. A codia de ambos semella formada por pezas dun quebracabezas. Foi unha agradable sorpresa. Nos humidais costeiros existen especies endémicas como a herba de namorar, en perigo de extinción, e as caramiñas, únicas no sur de Galicia.

As Cíes albergan a maior colonia do mundo de gaivotas patiamarelas, especie dominante no arquipélago, e tamén o arao ibérico, case extinguido nas illas. Ademais, numerosas e variadas especies de aves pasan nelas o inverno ou descansan durante as súas migracións. As illas contan igualmente con mamíferos silvestres comúns, réptiles e invertebrados que completan a fauna.

A zona submarina que rodea as Cíes forma un dos ecosistemas máis ricos da costa galega. O máis salientable é un importante bosque de algas pardas. Ademais, conta coa continuidade de hábitats continentais ricos en moluscos e outros froitos do mar, debido á mestura de auga doce e salgada, que constitúe unha fonte de alimento para outras especies mariñas frecuentes, como golfiños, baleas e tartarugas mariñas.

As praias das tres illas consérvanse no seu estado natural, con augas cristalinas e area fina. E aos visitantes, debidamente documentados e autorizados, recoméndasenos insistentemente que non deixemos nelas pegadas da nosa presenza. A praia de Rodas, a maior do arquipélago, chegou a ser considerada unha das máis fermosas do mundo.

O dano

Houbo naufraxios catastróficos, mais o do Prestige (1), en 2002, afectou entre o 85 % e o 90 % do parque nacional e o 30 % das Cíes, que constituíron a barreira natural que limitou a catástrofe nas Rías Baixas. Máis de dúas décadas despois, os danos perduran e considérase que a recuperación nunca será completa.

Galápagos

No caso das Galápagos, só o 3 % da superficie total do arquipélago conta con asentamentos humanos. O 97 % restante permanece deshabitado e protexido como Parque Nacional. Só catro illas albergan poboación humana permanente (Santa Cruz, San Cristóbal, Isabela e Floreana). As restantes decenas de illas continúan deshabitadas, aínda que, como as Cíes, non todas o estiveron no pasado.

A UNESCO declarou o arquipélago Patrimonio Natural da Humanidade en 1978. Non foron escenario de catástrofes ambientais, mais houbo insistencia en utilizalas como bases militares dos Estados Unidos, incluíndo argumentos de troco da débeda externa por preservación ambiental internacional. Un referendo popular celebrado en novembro de 2025 rexeitou a instalación de bases estranxeiras no Ecuador. Si se mantén o acceso de buques ás Galápagos para operacións temporais de patrullaxe por parte dos Estados Unidos, mais baixo o mando das Forzas Armadas ecuatorianas, así como diversos acordos relativos ao narcotráfico e á interceptación aérea.

En ambos os casos resulta imperioso manter a vixilancia. A cobiza, un accidente ou un simple descoido, como o transporte accidental dunha semente no calzado, poden cambialo todo.

Notas ao pé

(1) Véase Asombrosa Galicia II.

Nota da autora: “Non recibín ningún tipo de compensación (económica ou non) por escribir este artigo, non teño conexión material coas marcas, produtos ou servizos que mencionei e a miña opinión é independente.”